As actividades físicas e as boas prácticas para medrar sans

A importancia dos hábitos saudables nas nenas e nenos de educación infantil e primaria
A sociedade actual está mergullada nunha desorde de estrés, falta de tempo de calidade, de redes socias (das cales se fai, en moitas ocasións, un mal uso), mala alimentación debida á cantidade de produtos procesados que existen no mercado e, sobre todo, o sedentarismo na rapazada. Como podemos afrontar nós, como escola, está situación?

Ana María Domínguez Álvarez
anitadominguez@edu.xunta.gal
CEIP Plurilingüe Inmaculada (Ourense)

 

 

 

Introdución

Segundo a OMS (Organización Mundial da Saúde), os hábitos saudables son aqueles que nos melloran a calidade de vida. Alimentarse de maneira saudable, hidratarse, coidar a saúde mental, facer exercicio físico… repercuten no benestar das persoas en xeral e, sobre todo, nos nenos e nenas en idade de crecemento.

No CEIP Plurilingüe Inmaculada somos conscientes da importancia destes hábitos para o futuro das novas xeracións. Traballámolo desde os programas do centro e desde os programas de formación do profesorado (PFPP do CFR). De feito, temos varios plans de actividades físicas e hábitos saudables anuais para traballar de maneira conxunta toda a comunidade educativa e plans de formación con sistemas de comunicación alternativa (GRID 3) para introducir todo tipo de contidos, incluídos os hábitos saudables, en alumnado con trastorno do espectro autista (TEA) sen linguaxe oral.

Outro dos itinerarios de formación levados a cabo no noso centro foi o de mindfulness, para poder traballar a parte emocional e de benestar mental.

Desenvolvemos ao longo de todo este curso medidas específicas dentro do proxecto educativo de centro, de xeito que se promoveu a práctica diaria de deporte e exercicio físico durante a xornada escolar, para a promoción dunha vida activa, xunto cunha alimentación sa e autónoma e un benestar emocional.

Participamos nos plans Proxecta, concretamente contamos co Contrato-Programa Nutriescola 0 e Nutriescola 1.

Ademais, tivemos varias colaboracións para traballar a hixiene bucal co CIFP da Carballeira de Ourense e a visita dunha nutricionista para explicar menús saudables dentro do ámbito do fogar.

Este proxecto é anual e implementouse en todas as etapas educativas, desde cuarto de educación infantil ata sexto de educación primaria.

 

Que hábitos saudables traballamos no noso centro?

O primeiro de todos, a educación emocional, que consideramos que é un elemento imprescindible para que unha persoa conte cunha vida sa. Fomentar esta educación desde idades temperás axuda a que os nenos e nenas sexan capaces de expresar os seus sentimentos e emocións. Asemade, reforza a empatía, a capacidade de escoita e diminúe o estrés e a ansiedade. 

A meirande parte do claustro implicámonos neste ámbito afectivo, facendo un itinerario de formación sobre mindfulness, para poder traballar a educación emocional co alumnado tanto dentro coma fóra da aula.

 

 

O segundo tema sería a educación alimentaria. Ben é certo que, malia este contido aparecer na área de Ciencias da Natureza, no noso centro levouse á práctica diaria nos tempos de lecer (recreos) e nos obradoiros de alimentación.

A nutricionista convidada non só fixo obradoiros co alumnado, senón que tamén nos asesorou sobre a pirámide alimentaria. Nesta visita explicou a diferenza entre os distintos nutrientes, a alimentación equilibrada ou que tipo de ingredientes son prexudiciais para os dentes e a saúde se son inxeridos en grandes doses.

Nos tempos de lecer recolléronse uns «saúdometros», onde aparecen marcados os petiscos que cada neno ou nena trae para a media mañá. A finais de curso xa son autónomos e conscientes de traer alimentos «saudables» e non lambetadas.

En infantil, fixemos obradoiros de froitas de outono, a festa da vendima, de froitas da primavera…

 

 

Tanto en infantil coma en primaria realizouse, a través do Plan Nutriescola, a experiencia do horto escolar, é dicir, a orixe de moitos dos alimentos sans. Este tipo de actividades gústalle moito ao alumnado, desde os máis pequenos, que experimentan coas texturas, ata os máis grandes, que xa son máis conscientes non só da alimentación saudable, senón tamén da educación ambiental.

 

 

No ámbito das TIC traballamos a alimentación con aplicacións coma Carakuato, Comida divertida 2, Chef júnior, do Sergas, ou creando material de noso en Wordwall ou Liveworksheets, entre outras.

Neste tipo de aplicacións non só se traballa a alimentación, senón tamén vocabulario, matemáticas... calquera contido tanto da educación infantil coma da de primaria.

O terceiro tema sería a actividade física. A OMS recomenda que a rapazada de entre 5 e 17 anos realice exercicio físico baseado no deporte, desprazamentos ou xogos, como mínimo, dunha hora diaria.

No noso centro, no horario dos recreos, facemos os patios inclusivos e dinámicos. Contamos co apoio e a participación de toda a comunidade educativa: claustro de profesores, das ATE (auxiliar técnico educativo) e conserxe.

Os patios dinámicos non son só inclusivos cos nenos e nenas NEE, senón tamén co alumnado con NEAE e os nenos e nenas neurotípicas. É dicir, este tipo de patios son unha ferramenta de prevención do illamento social e xera valores inclusivos.

Para un aproveitamento de calidade do patio, dividimos estes tempos de lecer en dúas quendas e o espazo físico en diferentes zonas repartidas por cursos con variedade de opcións: deportes como fútbol, brilé, bádminton, voleibol, baloncesto; xogos con material de educación física; recunchos para xogos repousados como o parchís, xadrez, damas, cartas; ou zona de xogo libre.

 

 

Nestes patios dinámicos e inclusivos, tamén se traballa moito a responsabilidade, xa que é o alumnado o encargado de recoller o material.

Cabe destacar que o asesoramento e coordinación para o bo funcionamento desta experiencia vén da man da mestra de Educación Física do centro.

Con todo isto, acadamos de maneira satisfactoria ao longo deste curso 2023/24 a inclusión social no contexto dos tempos de lecer. Difundimos valores como o respecto pola diversidade, o compañeirismo e a amizade.

E o último tema que queremos tratar, e non por iso menos importante, é a educación para a hixiene corporal e postural.

Toda a comunidade educativa parte da base de que ter unha boa hixiene prevén moitas enfermidades: un bo aseo de mans e unllas evita que se transmitan infeccións, o cepillado dos dentes serve para previr caries e enfermidades bucais.

Agradecemos os obradoiros de hixiene bucal que o alumnado do CIFP da Laboral (módulo hixiene bucodental) veu impartir ao centro e que nos consta que hoxe en día se pon en práctica en moitos máis fogares.

A hixiene postural corrixímola nas aulas baixo o asesoramento da mestra de Educación Física do centro, que non só leva a cabo a hixiene postural nas horas de Educación Física, senón tamén nas aulas ordinarias.

Por último, cómpre mencionar un apartado moi importante: como traballamos os hábitos saudables e o deporte co alumnado con necesidades educativas especiais?

O noso centro presenta un elevado número de nenos e nenas con NEAE e NEE. Somos un centro con grande afluencia nos últimos anos de alumnado NEE, sobre todo TEA (neste curso, o 5 % do alumnado).

Todo o profesorado e o persoal non docente somos conscientes de que a dieta é un punto feble nos nenos con NEE, ben sexa por trastornos que afectan aos hábitos alimentarios como a ansiedade ou pola limitación que poden ter para comer certos alimentos (hipersensibilidade, neofobia…). Por iso, en moitas ocasións, adaptámoslles as texturas, como, por exemplo, facer zumes, semitriturar as froitas… pero sempre intentando que proben novos sabores.

 

 

Co alumando TEA que traballa con SAAC (GRID 3), anticipámoslle todo o referente á alimentación saudable a través das súas tabletas e habituámolo a que sexa autónomo e consciente de comer san. Co resto de alumnado con NEE, tamén anticipamos con pictogramas ou fichas explicativas.

No horto escolar traballamos sobre todo as texturas, a motricidade fina e todo o relacionado con estímulos sensoriais. E, sobre todo, a cooperación e a axuda cos iguais.

A práctica deportiva tamén é un hábito saudable que incorporamos á rutina destes nenos, con actividades adaptadas tanto nas horas de EF coma nos tempos de lecer, no patio do centro.

Partimos de que os tempos de lecer son momentos que xeran moito ruído, están pouco estruturados e esta «inestabilidade» interfire negativamente no alumnado co NEE, sobre todo, no que presenta TEA. Por iso, toda a comunidade educativa, consciente da situación, lle anticipa estes momentos a través de fichas de apoio visual ou mediante o GRID 3 no caso de que o alumnado non posúa linguaxe oral.

Hai que destacar a importancia dos patios inclusivos e dinámicos, citados anteriormente para este tipo de alumnado, xa que ao estaren estruturados danlle moita máis fiúza e, polo tanto, maior desfrute e posibilidade de socialización.

Para poder avaliar os resultados propostos, no Plan de actividades físicas e hábitos saudables, levamos a cabo unha avaliación continua que nos permitiu ver se os obxectivos expostos foron os axeitados e se as medidas propostas foron as correctas para acadalos.

Pódese dicir que neste curso 2023/24, a práctica, o traballo conxunto, a implicación de toda a comunidade educativa e a boa aceptación por parte non só do alumnado, senón tamén das familias, nos leva á conclusión de que a experiencia ten cada vez unha mellor acollida.

Ampliamos en cada curso académico a formación e a implementación de contidos e vivencias sobre os hábitos saudables e acadamos unha meirande concienciación tanto para a nosa comunidade educativa coma para a contorna da que formamos parte.

 

 

Sección: