Un libro en branco

Natuska Naylor García
CEIP Bergantiños (Carballo-A Coruña)
naylorgarcia@edu.xunta.gal

 

 

Este proxecto está baseado nas experiencias vividas cos ODS que un grupo de alumnos de sexto lle transmitiu a outro de terceiro. Traballamos xuntos e gravamos unha curta para mostrar as emocións e o traballo dos dous grupos. Preparamos a Gala Vermiñoca por un Mundo Mellor para lle dar visibilidade ao noso proxecto.

Palabras clave

Estas palabras foron as nosas palabras clave ao longo de todo o proxecto: educación, respecto, agradecemento e compromiso. Baseando o noso dia a día nestas catro palabras, amosamos que vermiños e miñocas non deixan a ninguén atrás. É fundamental funcionar na clase como equipo, traballando todos a unha, e así será máis doado facer un mundo cada día un pouco mellor.

 

O noso proxecto

Se hai unha palabra que define o alumnado que participou neste proxecto é a diversidade. As dúas aulas protagonistas deste proxecto teñen un gran número de alumnado de diferentes nacionalidades, alumnado con NEAE, AC, problemas de conduta, TDAH, TEA... e aproveitamos esa diversidade como unha moi especial base da nosa aprendizaxe. A diversidade sempre suma, a diversidade enriquécenos, e é fundamental que sexamos capaces de facérllelo entender ao noso alumnado e ás súas familias, deste xeito nin o alumnado nin as familias quedan nunca atrás.

 

 

Baseamos o noso traballo nunha experiencia de transmisión e difusión dos 17 ODS da Axenda 2030. Traballamos durante dous cursos académicos. O curso 2020/21 traballamos na clase das miñocas de quinto. Acoplamos os 17 ODS ao noso día a día e ao currículo, e realizamos diferentes dinámicas con cada un deles para aprender, dunha maneira significativa, vivencial e emocional. Ao acabar o curso realizamos unha charla de concienciación dos ODS na que explicamos e expresamos as nosas experiencias e emocións vividas coas diferentes dinámicas. Preparamos a charla para diferentes persoas que colaboraron con nós ao longo do proxecto, así como para institucións e asociacións que sempre nos apoiaron. E gravámola para que a puidese ver o resto do alumnado (por motivos covid).

 

 

No curso 2021/22 actuamos en dúas liñas paralelas de traballo. Por unha parte descubrimos os 17 ODS e todo o que supón na clase dos vermiños de terceiro. Incluímos os ODS na nosa programación e aproveitamos calquera aspecto do currículo para traballalos. Realizamos dinámicas de sensibilización con cada un dos ODS.

 

O proxecto: Un libro en branco

Comezamos a preparar «Un libro en branco» en setembro de 2021. O Concello da Coruña lanzou Cinema na escola, proxecto que ten como principal obxectivo achegar a disciplina do cinema á contorna educativa para comprobar que as novas tecnoloxías nos facilitan o acceso a esta potente ferramenta didáctica. Este programa busca converter a cada neno ou nena en verdadeiro protagonista da aprendizaxe, pois desenvolverá os seus talentos, traballará en equipo, desenvolverá a súa creatividade, aprenderá, expresará emocións e contará historias. En canto vimos os obxectivos deste programa entendemos que era un proxecto para nós. Tiñamos unha oportunidade marabillosa para seguir traballando na nosa liña. As miñocas e os vermiños xuntos para facer un mundo mellor. Aproveitámonos do cinema para seguir sumando.

Os profes recibimos unhas sesións de formación en liña, ademais de acceder a videotitorías con indicacións sobre edición, montaxe, exemplos, solucionadores de dúbidas... Tamén tivemos un contacto directo e constante con Hugh McGuinley, promotor e coordinador do proxecto.

Todas as miñocas estaban de acordo en que o curso 2020/21 os marcara dunha maneira especial. O traballo cos ODS presentes nas nosas actividades do día a día, as vivencias e emocións sentidas a través de cada dinámica realizada eran dignos de ser contados. Por que non gravar unha curta na que poidamos contar as nosas experiencias vividas, e ademais relacionalas co que están a vivir os vermiños de terceiro desde outra perspectiva máis inocente, infantil, pero non por iso menos interesante?

Fundamental para calquera proxecto especial: alumnado ilusionado, profes emocionados e que emocionan, profes que se apuntan ao convidalos e axudan a sumar, familias para todo, PAS que está connosco, dirección que apoia os nosos proxectos… Mil grazas por todo a todos!

Para finalizar este proxecto decidimos preparar a Gala Vermiñoca por un Mundo Mellor na que, ademais de presentar oficialmente a nosa curta, miñocas e vermiños explicaron as diferentes dinámicas realizadas, as emocións vividas e representaron cancións, poemas e bailes relacionados co noso traballo. Acompañáronnos na gala a alcaldesa da Coruña, o director do CFR, CNP, bombeiros, Banco de Alimentos, Espazo Compartido, artistas, músicos e persoas que colaboraron con nós ao longo destes dous anos a través da súa experiencia e compromiso.

 

 

Obxectivos educativos traballados

O obxectivo principal deste proxecto é concienciar o alumnado da importancia de, entre todos e todas, facer do mundo un lugar mellor. Baseámonos nos obxectivos que presentamos e nas competencias que queremos chegar a desenvolver traballando contidos curriculares en cada área do currículo, así como unha serie de contidos máis específicos relacionados coa educación para o desenvolvemento, e coa intención de formar cidadáns globais, críticos, activos, educados, respectuosos, agradecidos e comprometidos.

Traballamos as diferentes competencias clave dunha forma globalizada e interdisciplinar, presentando unha liña de aprendizaxe tendo en conta o que consideramos realmente máis importante na educación do noso alumnado, que se convertan en persoas capaces de aplicar no seu día a día o aprendido, e sexan capaces de convivir e axudar para que o mundo sexa un espazo no que non deixemos a ninguén atrás. Adaptamos os contidos a traballar ao noso xeito de ver o ensino… aprender facendo.

O programa Cinema na escola preparou unha gala para celebrar o final do proxecto no Centro Ágora da Coruña. Reunímonos o alumnado e os profes dos 25 coles que participamos nunha gala na que non faltou photocall, alfombra vermella, emocións, nomeamentos e premios… Antes de entrar no salón de actos posamos no photocall. Cantos nervios dos bos!

Gozamos moitísimo dunha gala moi especial, na que compartimos momentos moi emotivos co alumnado doutros coles, gozamos de humor, música, e premios…e todo isto  fíxonos ver que eramos actores e actrices de verdade, e puidemos vivir unha velada que non esqueceremos xamais. Recibimos o Premio do Público á mellor curta.

 

 

O público entendeu o que lle queríamos contar. Ese é o noso premio!

Os nosos proxectos non terían sentido se non fose polas redes que fomos creando  ao longo destes dous cursos. Compartimos as nosas experiencias para así poder seguir aprendendo e sumando sempre. Todos xuntos sumamos para facer un mundo mellor.

Consideramos que é moi importante facer difusión dos nosos traballos para compartir e darlle visibilidade. Radio Voz, Voz de Galicia, as RRSS do Concello da Coruña e do CFR etc. fanse eco sempre das nosas iniciativas axudándonos a  que se visibilicen os nosos proxectos.

 

 

Aspectos innovadores

Só podemos conseguir un cambio no ensino se temos en conta que, para iso, debemos entender que a innovación se basea nas persoas, o coñecemento, os procesos e a tecnoloxía. Con esta idea puxemos en marcha un proxecto de innovación educativa. Traballamos os ODS como punto base da nosa aprendizaxe do día a día. A nosa contorna foi colaborativa, non competitiva, na que nos corriximos e felicitamos, buscando sempre a mellor versión de cada un. Relacionámonos con diferentes centros e institucións para seguir aprendendo dos demais, e poder achegar o noso graíño de area nos seus respectivos procesos de aprendizaxe. Conseguimos formar un equipo de traballo entre alumnado de dous cursos diferentes, familias, profes e persoal non docente, no que nos relacionamos con especial conexión e conectividade emocional. Incorporamos o traballo cos 17 ODS ao currículo que debiamos seguir, realizando dinámicas relacionadas con cada un deles. Consideramos a innovación educativa como unha filosofía de vida, de traballo e de convivencia na contorna escolar.

As miñocas de sexto e os vermiños de terceiro B non deixamos a ninguén atrás.

A parte fundamental do proxecto é saber sacar o mellor de cada un e que o achegasen ao grupo, vivindo unhas experiencias e emocións que non esqueceremos nunca.

Avaliación. Puntos fortes.

Alumnado moi motivado, protagonista da súa propia aprendizaxe. Cada alumno sentiuse único e especial, e desta maneira seguimos un bo camiño para formar cidadáns activos e responsables. Ao proxecto xurdido hai dous cursos fóronse incorporando novas persoas desde diferentes ámbitos que nos axudaron a seguir sumando. O proxecto foi recoñecido e apoiado polas institucións da cidade coas que traballamos, así como diferentes centros educativos cos que interactuamos.

Puntos débiles.

Unha parte do profesorado non entende a maneira de traballar na aula con este proxecto. Tentamos dar visibilidade a cada dinámica que realizamos para seguir sumando.  O que nun primeiro momento foi motivo de desilusión e desmotivación, rapidamente se converteu nunha experiencia que non podería ter resultado mellor: sumamos dúas clases, dous grupos de familias e todo o que se enriqueceron uns a outros foi moi especial.

 

Conclusións

Se as miñocas e os vermiños temos algo claro con respecto aos ODS, é que o primeiro que hai que ter en conta para axudar a que se cumpran é dicirlle ao mundo enteiro cales son e explicar o que podemos facer para que conseguilo. Estes cursos  foron raros, poderiamos dicir difíciles, pero para nós, miñocas e vermiños, foron anos moi especiais. Descubrimos os ODS e estamos seguros que nos cambiou un pouco a vida, así que decidimos organizar unha charla virtual para que os nosos compañeiros e compañeiras do colexio lles expliquen de que trata o tema e para unirse a nós neste proxecto. Comezamos a transformar o noso mundo partindo do noso contorno máis próximo: as nosas familias e a nosa escola. E temos moi claro que, amodiño e con moita ilusión, iremos dando pasos para conseguir un mundo mellor.

 

 

Seleccionamos algunhas das experiencias vividas e plasmadas en vídeos para deixar unha mostra do día a día na nosa aula e co noso proxecto no colexio. Impresionante o nivel de implicación de todo o alumnado en cada dinámica proposta.

Nós, vermiños e miñocas, movémonos por persoas… E foron dous cursos cheos de  vivencias, emocións e momentos incribles que non esqueceremos nuncaa.

Este é un pequeno resumo…

 

 

Sección: