Metodoloxías activas durante unha pandemia: misión posible

Podemos continuar traballando de xeito colaborativo e activo na situación actual? A realidade sanitaria modifica obrigatoriamente a metodoloxía de centro ou podemos adaptala á situación?


Miriam Area Rodríguez
marea@edu.xunta.es
CEIP Plurilingüe da Torre-Cela (Bueu - Pontevedra)

 


A práctica de metodoloxías activas, onde o alumnado actúa como protagonista do proceso educativo, é un camiño que moitos centros queremos tomar. Porque funciona.
O obxectivo dun proxecto educativo eficaz debe ser formar alumnado competente e, para obter competencia, é preciso dar paso á experimentación e construción de aprendizaxes a través de diferentes vías. 
Pero como afecta unha pandemia a esta decisión? A función docente vese afectada pola función de protección sanitaria que se nos impón? 


Un punto de inflexión: os plans de formación no centro

A reflexión pedagóxica nace promovida polos plans de formación permanente do profesorado que vimos realizando no centro.
A necesidade de dinamizar os tempos de lecer e favorecer a integración de todo o alumnado levounos a realizar a formación Renovando o noso patio. Isto, xunto co inicio do programa Biblioteca Creativa, supuxo un punto de inflexión que nos levou a tomar a decisión de reformular a metodoloxía do centro. E para iso, precisabamos máis formación.
De acordo con esta necesidade, e sempre baixo o asesoramento do CFR, continuamos co proxecto Coñecendo o modelo de enriquecemento para a escola, así como con Iniciación a SEMgal e Observación interpares. 
Finalmente, co fin de seguir mellorando o noso proxecto educativo, este curso participamos en proxectos relacionados coas matemáticas manipulativas, a robótica e o uso de ferramentas dixitais.

 

Os fundamentos da escola que queremos

A instauración dun modelo de Biblioteca Creativa removeu as nosas conciencias e impulsou un cambio de mirada global no centro. Como sabes, a neurociencia indica que para obter aprendizaxes duradeiras a emoción xoga un papel determinante. Darlles un significado próximo aos contidos aumenta a posibilidade de que a aprendizaxe perdure na memoria.
Con base nesta premisa reflexionamos sobre a escola que queremos, tanto o profesorado como o alumnado. Nunha sesión de Consello Escolar Infantil escoitamos a voz do alumnado transmitindo as súas ideas sobre a escola que queremos. A maior parte xiraba sobre os procesos máis lúdicos, actividades de investigación e creatividade, así como o uso do patio e o contorno para levar a cabo as clases.
Concluímos que a escola que queremos adapta os espazos, os tempos e os recursos ás necesidades do alumnado; cultiva a autoestima e fomenta a curiosidade; involucra as familias; busca que o alumnado experimente e obteña unha aprendizaxe vivencial; fomenta o pensamento e o razoamento; analiza necesidades para favorecer o desenvolvemento. 
Pero, como facelo? Outorgándolle un papel activo ao alumnado, favorecendo a construción propia de aprendizaxes, diversificando as actividades (escoita, lectura, diálogo, manipulación, asembleas, exposicións, experiencias, proxectos) e poñendo en valor o traballo en equipo.
Esta filosofía non resulta tan estraña, xa que tanto a LOMCE como a lexislación autonómica fan fincapé nestas cuestións. Podemos tomar como referencia, por exemplo, o Decreto 105/2014:

Artigo 15. Principios metodolóxicos:
2. A metodoloxía didáctica será fundamentalmente comunicativa, inclusiva, activa e participativa, e dirixida ao logro dos obxectivos e das competencias clave. Neste sentido prestarase atención ao desenvolvemento de metodoloxías que permitan integrar os elementos do currículo mediante o desenvolvemento de tarefas e actividades relacionadas coa resolución de problemas en contextos da vida real.
3. A acción educativa procurará a integración das distintas experiencias e aprendizaxes do alumnado e terá en conta os seus diferentes ritmos e estilos de aprendizaxe, favorecendo a capacidade de aprender por si mesmo e promovendo o traballo colaborativo e en equipo.

Tras unha longa reflexión, formación e visitas a outros centros inspiradores, acordamos empezar o camiño para transformar a escola que tiñamos na escola que queremos.
Loris Malaguzzi, pedagogo italiano creador das escolas Reggio Emilia, é unha das nosas fontes de inspiración. Malaguzzi invítanos a cambiar a perspectiva coa que habitualmente afrontamos a educación dos cativos. Para el a misión do adulto non consiste en encher as súas cabezas de coñecementos como se se tratasen de recipientes baleiros, xa que eles posúen as ferramentas para modelarse a si mesmos e construír a súa propia aprendizaxe. O que precisan de nós é que lles brindemos as mellores condicións para conseguilo.
Baseándonos nesta forma de entender a educación, apostamos por instaurar os ambientes ou «contextos de aprendizaxe» na nosa escola. Esta idea tamén está sustentada nas premisas da neurociencia, que postulan que toda aprendizaxe significativa se produce cando se desenvolven tres tipos de pensamento: o analítico, o práctico e o creativo.

 

Un novo modelo educativo

Os «contextos de aprendizaxe» son ambientes que promoven a experiencia, a investigación e o traballo vivencial individual e cooperativo. O papel do alumnado é activo e o docente actúa como programador e guía. 
Formulamos para a etapa de educación primaria contextos centrados en catro ámbitos diferentes: científico, humanístico, lingüístico e matemático. O alumnado traballa en equipos internivel (primeiro e segundo, terceiro e cuarto, quinto e sexto) e leva a cabo diversos proxectos, investigacións e experimentos para os que teñen que buscar información en distintos soportes, elaborar esquemas ou crear produtos audiovisuais e artísticos.
Cada contexto consta de diferentes plans de traballo, segundo os contidos programados, e cada plan dura seis días: un día de presentación teórica, catro días de traballo por recantos e un día de exposición das tarefas realizadas e avaliación.
O plan distribúese en catro recantos para traballar os contidos de forma específica, segundo as características de cada competencia que se vai desenvolver, empregando ferramentas tanto dixitais como analóxicas. O sistema é rotativo, de xeito que todo o alumnado realiza a totalidade das actividades programadas.
Un aspecto fundamental do traballo por contextos é a avaliación realizada a través de varias vías, onde a autoavaliación e a comunicación oral das aprendizaxes son as máis importantes. Cada vez que remata un plan semanal, cada alumno expón ante compañeiros e docentes o proceso que seguiu e ademais reflexiona co docente sobre a súa autoavaliación.

Alumnado de cuarto de primaria no contexto lingüístico, gravando podcast en Radio Faladoiro

 


Alumnado de primeiro de primaria no contexto matemático, realizando a clasificacións con corpos xeométricos

 

E chegou a pandemia… 

Os cambios traen dificultades e retos que hai que resolver. Nun principio atopamos dificultade na organización dos recursos persoais, na xestión do profesorado para poder contar con apoios durante as actividades de contexto. Pero co esforzo e o traballo por parte de todos, así como a formación continua, vemos que as dificultades son compensadas cos resultados obtidos. 
Outro punto que nos preocupaba era alcanzar todos os contidos curriculares a través deste novo enfoque. Pero co traballo de todo o equipo docente logramos secuenciar e programar con éxito, de modo que tampouco isto resultou un impedimento para continuar. 

E, de súpeto, chegou un problema maior. A posta en marcha do modelo que deseñamos viuse interrompido antes de rematar un curso completo. A pandemia encerrounos na casa e a escola que queriamos quedou sometida ás frías pantallas.
Pero o proceso vivido durante ese curso foi tan positivo que tiñamos claro que a volta ás aulas non podería supoñer un retroceso nos avances que conquistamos antes da pandemia. 
Por iso redeseñamos tempos, espazos e agrupamentos para poder respectar as pesadas medidas de adaptación á covid-19, preservando tamén a esencia do noso modelo pedagóxico. 
Durante este curso non realizamos actividades internivel, non compartimos materiais sen desinfectalos previamente e non gozamos dos espazos de xeito libre como faciamos antes. Pero con organización e determinación seguimos realizando actividades de investigación, creación e experimentación, mantendo proxectos no ámbito do centro e comunicándonos a través de videochamadas entre clases. 
Os contextos de aprendizaxe continúan funcionando, respectando os grupos estables de convivencia. Continuamos traballando en recantos e por equipos, a través de tarefas e proxectos colaborativos, potenciando a creatividade e a experimentación.


Alumna de sexto de primaria en contexto científico, estudando o aparello circulatorio cun corazón real de vaca

 


 Alumnado de quinto de primaria no contexto humanístico, onde inventaron, deseñaron e imprimiron en 3D unha máquina que cura a covid-19

 

Reflexións sobre a práctica

Este curso, Laura Sotelo, alumna do Grao de Educación Primaria da Universidade de Vigo, en prácticas no noso centro, entrevistou o alumnado de terceiro a sexto para  coñecer as súas opinións sobre os contextos de aprendizaxe.
Pensamos que son eles os que mellor poden resumir esta experiencia, como está a incidir na mellora das aprendizaxes, da motivación e do clima da aula. 
O alumnado opina sobre os contextos e as actividades manipulativas: 
«Cos contextos aprendemos máis a fondo sobre un mesmo tema», «Hai máis apoio dos profes», «Aprendemos de forma divertida», «Ao manipular enténdense mellor as cousas», «Telo diante, velo e compréndelo», «Cando o teño nas miñas mans, míroo, síntoo e descúbroo máis rápido», «É máis fácil facelo ti mesmo que miralo no libro», «Podo comprobar que a teoría é verdade, comprobamos que o que pon no libro é certo», «Cada día é unha motivación nova», «A teoría non che explica como pintar un cadro».
Tamén opinan sobre o traballo en equipo: 
«Máis cabezas pensan mellor», «Se alguén está atascado, tes que axudalo, porque despois igual precisas tamén a axuda dos outros», «Síntome mellor. Cando non entendo algo, os compañeiros axúdanme», «É máis divertido poder estar con outras clases», «Podemos axudar os máis pequenos e tamén me gustaría que os maiores me ensinasen».
E sabemos, ademais, que as aprendizaxes traspasan as paredes do colexio:
«Agora entendo as conversas dos meus pais cando falan de política, podo opinar e participar», «As matemáticas están por todas as partes», «O que aprendemos serviranos para os traballos que teremos como adultos».
Miramos cara ao futuro e sabemos que temos que seguir aprendendo para seguir avanzando. Sempre hai algo que mellorar e atrancos que superar, pero estamos no camiño e podemos dicir que agora desfrutamos da escola que queremos.

Vídeo resumo

 

 

 

Sección: