Dáme unha voz (Do silencio á fala...)
Juan Ramon Alonso García
juan.ramon.alonso@edu.xunta.es
CPI de Atios - Valdoviño
Esta experiencia é o produto do proxecto realizado por un grupo de traballo no CPI de Atios en Valdoviño, por un equipo de profesores que lles imparten docencia a dous alumnos con distintas alteracións motoras, un deles en sexto de educación primaria, con parálise cerebral, e outra en terceiro de educación primaria con síndrome de West, os cales, debido á súa enorme afectación, non teñen acceso de xeito natural á linguaxe oral nin á escrita.
O punto de partida da maior parte dos membros do grupo é dunha escasa ou nula formación sobre a temática na que estabamos a afondar, polo que non é difícil de entender o arduo traballo no coñecemento e selección das mellores opcións dos soportes e das aplicacións máis axeitadas para as características dos nosos alumnos.
Era necesario un gran coñecemento das características dos alumnos para poder optar polo sistema de comunicación, do soporte e dos dispositivos de acceso máis apropiados para estas. Decidimos aproveitar os movementos voluntarios máis controlados de cada un deles: no caso da nena optamos polo control da man dereita e no caso do neno polo movemento lateral da súa cabeza; deste xeito decidimos usar un botón de man e unha vara, respectivamente.
No noso caso, a utilización de dispositivos de acceso é o único medio para que ambos os alumnos poidan utilizar a tecnoloxía estándar. Por exemplo, para usar o ordenador, os elementos de entrada convencionais son o teclado e o rato, pero en ambos os casos terían dificultades co seu manexo e, no seu lugar, fan uso doutros dispositivos de acceso alternativos que realizan as mesmas funcións. O importante é valorar cal se adecúa mellor ás súas capacidades e habilidades.
Rato adaptado con entrada para vara forrado para a sialorrea (babeo)
Rato adaptado con entrada para botón de man e pé
En canto ao soporte, nun principio eliximos a tableta pola súa versatilidade e comodidade de adaptación á cadeira de rodas co obxectivo de estender o uso do taboleiro a todos os ámbitos posibles na vida diaria dos nosos alumnos, aínda que tamén utilizamos o ordenador e o soporte manipulativo (papel) en distintas situacións e con distintos usuarios. En canto aos pictogramas, xa tiñamos claro desde o principio que iamos utilizar os pictogramas ARASAAC, que son os de uso máis estendido na actualidade nas distintas aplicacións, e que son de libre disposición con licenza Creative Commons, pero tamén utilizamos fotografías da súa contorna e imaxes de obxectos reais. O sistema de símbolos elixido debe adaptarse ás necesidades dos alumnos con idades e habilidades motrices, cognitivas e lingüísticas moi dispares.
As limitacións destes alumnos derivan nunha incomunicación que os condena a perder moitas oportunidades de desenvolver a súas capacidades intelectuais, sociais, cognitivas e físicas. Non poderían tomar decisións que afecten a súa vida, o que orixinará dependencia e illamento.
As interaccións co seu medio sociofamiliar e cultural son as que posibilitan a adquisición da linguaxe. O obxectivo é lograr unha aplicación que ofreza un taboleiro de imaxes para xerar frases simples, aplicable para casos como o dos nosos alumnos, nos que observamos que a capacidade de expresión verbal non é susceptible de ser desenvolvida e brindar esa ferramenta como opción á interacción social.
Xestor e distribución do taboleiro TICTAC en modo xeral
O SAAC permite que persoas con dificultades de comunicación poidan relacionarse e interactuar cos demais, manifestar as súas opinións, sentimentos e a toma de decisións persoais para afrontar e controlar a súa propia vida. En definitiva, permite poder participar na sociedade en igualdade de dereitos e oportunidades.
Nós tiñamos e temos claro que o éxito na utilización do SAAC non só consiste en ter un taboleiro, senón que tamén consiste en que os nenos teñan cada vez máis oportunidades de conversar, charlar e participar usando estes dispositivos, esas oportunidades son as que lles dan sentido a estes produtos de apoio, por iso o noso papel como interlocutor tamén é moi importante cando falemos con eles, tomando parte activa, paciente e interesada.
Salientamos a importancia de incorporar o sistema de comunicación á contorna dos nenos. Para iso colocamos os pictogramas nas estancias nas que se desenvolve normalmente, para que resulte máis fácil a súa aprendizaxe e así poder integralos no seu día a día.
Tendo en conta a nosa escasa formación de partida, foi preciso contar co asesoramento dun relator externo (no noso caso contamos coa inestimable axuda de Enrique Costa Montenegro) para darnos a coñecer gran parte das ferramentas que poderiamos usar para o noso obxectivo de dotar os alumnos dun taboleiro de comunicación.
Como podedes imaxinar, este proceso levou un tempo prolongado, tempo que aproveitamos para ir introducindo paralelamente os alumnos no manexo dos botóns.
Co fin de familiarizarse co uso dun taboleiro de comunicación, comezaremos coa selección entre dous obxectos ou persoas do seu ámbito cotián. O usuario deberá escoller, seleccionando mediante un botón (inicialmente o de pé, por ser máis grande e a vara) e, usando o programa Kaghooru, que integra a posibilidade de varrido nunha presentación. Estas actividades van incrementando o seu nivel de dificultade con máis opcións a medida que se domina e asimila o seu uso.
O sistema de acceso á tableta sería do mesmo xeito pero contando cun pequeno adaptador OTG, que nos permitiría adaptar os botóns ao dispositivo.
Logo do proceso formativo e despois de pensar en múltiples posibilidades, optamos por traballar en varias frontes:
Elaborando taboleiros en formato papel para cubrir aspectos curriculares que se desenvolvían nas súas aulas ordinarias, sempre tendo como referencia as súas adaptacións curriculares.
No ordenador, elaborando taboleiros dixitais co programa TICTAC e complementados coa opción de varrido que nos ofrece o programa Kaghooru.
Na tableta, usando o Pictodroid Lite, comunicador para dispositivos Android moi sinxelo e de doado manexo. Na actualidade non dispón de opción de varrido, pero temos o compromiso por parte do seu creador (que foi o relator externo) de que o terá nun futuro próximo. Semella a opción máis axeitada para os inicios.
Por último, e como opción de futuro, elaboramos tamén para a tableta algún taboleiro no programa In-Tic, que non só posúe opcións comunicativas senón tamén de accesibilidade e usabilidade das TIC.
Nesta experiencia formativa, os aspectos positivos superaron sobradamente os negativos. Os positivos son evidentes, todo o gratificante que resulta dotar a alguén de comunicación e as consecuencias que isto supón. En canto ás dificultades, hai que destacar o enorme esforzo que require unha formación intensa sobre o distinto software e aplicacións existentes no mercado, preferiblemente que fosen gratuítas e totalmente personalizables.
Outra dificultade coa que nos atopamos foi a exhaustiva avaliación das características físicas e intelectuais dos alumnos para lograr o maior rendemento no acceso ao soporte elixido e, por último, destacar os atrancos na xeneralización do SAAC a todos os ámbitos da vida diaria dos nosos alumnos.
A selección do comunicador máis adecuado non é unha tarefa fácil, dada a gran variedade de comunicadores no mercado e a saída a este de novos dispositivos que están a permitir instalar software de comunicación con grandes posibilidades.
É importante estar actualizado e coñecer os novos produtos que se distribúen no mercado. Este coñecemento axudará a reflexionar sobre os puntos clave que hai que observar no comunicador, pero é o propio usuario quen máis "pistas" ofrecerá para coñecer que dispositivo se axusta mellor ás súas necesidades, demandas e posibilidades.
Poderiamos dicir que esta experiencia formativa foi enormemente gratificante, posto que non hai maior satisfacción que poder axudar a incrementar a calidade de vida do noso alumnado, axudar a que sexan máis felices e máis autónomos, contribuír a que sexan os verdadeiros protagonistas do seu propio proxecto de vida. Realmente todo os deste equipo esperamos e desexamos que con este proxecto esteamos contribuíndo a facilitar a construción deste camiño.
En canto á continuidade desta experiencia, estará condicionada polas esixencias do propio alumnado, da evolución e instauración deste SAAC como medio de comunicación primario e das nosas propias necesidades formativas ao respecto ou evolucionará cara á elaboración de taboleiros de comunicación específicos das distintas areas curriculares como medio de acceso do noso alumnado ao currículo.
Aínda que na realización do presente artigo figura o nome dunha soa persoa como autor, o meu, o proxecto foi desenvolvido por un grupo de mestras e máis eu como coordinador, e sen elas sería imposible a súa realización. Por iso quero agradecerlles a elas, as miñas compis de fatigas, o seu esforzo por intentar facilitarlle a vida ao noso alumnado, sen elas este proxecto non sería posible.