Caracoleando

Experiencia do traballo baseándose en proxectos de aprendizaxe, dende o punto de vista das intelixencias múltiples
Traballar baseándose nas intelixencia múltiples supón unha visión do proceso de ensino-aprendizaxe globalizado e tomar partido por unha metodoloxía laboriosa e moi activa por parte do alumnado. A motivación é a clave para realizar aprendizaxes significativas e funcionais. Basearse no traballo con proxectos de aprendizaxe pode ser a clave.

María Rodríguez Rodríguez
mariarr@edu.xunta.es
CEIP Laverde Ruíz de Outeiro de Rei




Os nenos e nenas veñen á escola cada día con sede de novos coñecementos, de coñecer o mundo que os rodea e de facelo dunha forma lúdica e o máis entretida posible.


No curso Proxectos de aprendizaxe e intelixencias múltiples" realizado no CFR de Lugo reflexionamos sobre a necesidade de que os nenos "aprendan a aprender" dende a perspectiva de aprender facendo.


O feito de realizar as súas aprendizaxes dunha forma práctica implica a resolución de problemas reais que xorden dos seus propios intereses Isto posibilita que a aprendizaxe resulte máis significativa e fácilmente transferible a situacións da vida real.


Traballar baseándose proxectos que resolvan problemas e retos, incítaos a mobilizar os seus coñecementos e habilidades.


Desta forma o curso analiza as metodoloxías didácticas que integran as intelixencias múltiples nas actividades de ensino-aprendizaxe e consegue dar a coñecer a non moi estendida práctica de desenvolver nas aulas aprendizaxes baseadas en proxectos.


Durante o presente curso 2014/15 estase desenvolvendo un proxecto sobre as bruxas no 5º nivel de educación infantil. Este proxecto está recollido na programación e cumpre co marco normativo que se establece para a educación infantil.


Na aula contamos con multitude de materiais relacionados con esta temática achegados polas familias e outros elaborados na aula, ademais dos que eu, como titora, traio e xestiono.


Cada neno e nena expón na aula os materiais que achega relacionados con esta temática: debuxos, sombreiros, traxes, vasoiras, caretas, quebracabezas, poemas, contos, libros de feitizos, etc.


Ao expoñer os materiais desenvólvese a súa intelixencia lingüística/verbal e a intelixencia lóxica, xa que teñen que crear conexións entre ideas e organizalas. Desenvólvese a intelixencia interpersoal pola comunicación que deben establecer cos compañeiros e compañeiras e como reaccionan ao diálogo que se establece. E, por suposto, a intelixencia intrapersoal ao ter que reflexionar, expresar e realizar estratexias con respecto ao seu pensamento en relación a un tema.


É una tarefa na que a outra parte da clase ten que manter a atención e ser capaz de realizar preguntas e observacións. O que sería case imposible con nenos de infantil de non ser pola motivación que senten e o traballo da dimensión emocional que lles permite comezar a poñerse no lugar do outro.


Que traian materiais das súas casa, e elaborados moitas veces por eles coa axuda da familia, posibilita unha motivación vital para todas as actividades que seguirán. Para que sexan quen de propoñer tarefas e levalas a cabo con paixón.


Todos os elementos que chegan son empregados para realizar diferentes actividades: clasificacións, seriacións, lemos e escribimos segundo as nosas posibilidades, facemos dramatizacións, traballamos as emocións, cantamos...


Unha vez empregado cada material non se descarta, senón que queda nun Recanto  da Bruxa onde permanecen para poder realizar as investigacións que van xurdindo, xogar ou entran a formar parte de novos mini-proxectos como do que trataremos de seguido.


Un bo día un dos compañeiros trouxo un caracol. Fixo a súa exposición  explicando onde o atopara, describíndoo e recordando que era unha posible mascota para a bruxa, e todos estiveron de acordo en deixalo uns días na clase no Recanto da Bruxa. Logo outro compañeiro trouxo un novo caracol e a súa curiosidade foi en aumento.


Era o momento de comezar un mini-proxecto. Unha mañá entraron todos na aula e atoparon un recipiente cheo de caracois e unha mensaxe desordenada da bruxa que nos visita. Estaban emocionados e querían saber canto antes qué dicía a nota da bruxa. Atoparon números en cada papeliño e comezaron a ordenalos. A nosa bruxa estivera espiándonos e sabía que tiñamos caracois na clase e como se ía de viaxe necesitaba que llos coidaramos. Os nenos e nenas, orgullosos, enseguida aceptaron o reto encomendado.


 


Collémolos na man e fixámonos nos tamaños, cores, lonxitude, no que facían, cómo se movían, textura, olor... Comezaron a describilos e dicir todo o que sabían dos caracois (que comen follas, que se arrastran, que son lentos, que teñen moita baba e cornos con ollos, que se esconden se teñen medo...). Pero o mesmo tempo xurdiron multitude de dúbidas e de ideas contrarias que creaban inseguridade no que crían saber.


 Sen darse conta estaban desenvolvendo a súa intelixencia lóxico/matemática, lingüística/verbal, naturalista, visual/espacial e cinética/corporal.


Queríamos buscar un bo lugar para eles na aula e suxeriron o teito da aula, pero non conseguiamos subir para deixalos alí. Que conste  que o tentamos... Logo probamos a poñelos na parede... pero nada, non subían. Suxeriron que lle debíamos dicir que facer, porque ao mellor non sabían que queríiamos, pero... problema!: eu non falo idioma caracol!


Nun intre xa tiña catro ou cinco mans levantadas con tradutores voluntarios de galego a idioma caracol. Un por un achegáronse a pedirlles que subiran ao teito no seu idioma caracol e a agardar resposta. Non había forma, pese a que probaron con distintas variantes do idioma. Concluíron que: ou non falaban o mesmo idioma ou non tiñan orellas (unha cuestión máis para a nosa lista de “que sabemos? e que queremos e necesitamos saber?”).


Aproveitar este tipo de situacións implica que se  potencie a súa creatividade,  iniciativa e se fomente a seguridade en si mesmos; ao tempo que se mesturan as intelixencias lingüística, lóxica e naturalista.


Este reto de coidar os caracois requiría moitos coñecementos dos que careciamos e suscitaba moita curiosidade e preguntas a resolver.


Desta forma tan estupenda xa tiñamos un proxecto sobre a mesa para o que estaban totalmente motivados. Así, podiamos traballar multitude de contidos dunha forma global e significativa.



Para as nosas investigacións, primeiro, analizamos os caracois que xa tiñamos e buscamos máis nos recreos. Non houbo moita sorte...


Tamén visionamos multitude de fotos nas que apreciamos semellanzas e diferenzas en canto a cor, tamaño, cuncha... Polo que fixemos comparacións, clasificacións e seriacións. A cuncha chamoulles a atención e deu pé a traballar o trazo en espiral.


Isto permitiu traballar tendo en conta a intelixencia lóxico/matemática, visual/espacial e por suposto a naturalista.


Logo vimos esquemas sobre a estrutura corporal do caracol e rapidamente buscaron e examinárona nun dos nosos caracois.


Despois fixemos debuxos nos que plasmaron o aprendido e escribiron como título do debuxo: “CARACOL”. Para acompañar a tarefa sinalaron que necesitabamos unha música lenta como os caracois. E a creatividade inundou a clase.



Con estas tarefas desenvolvemos a súa intelixencia naturalista, visual/espacial, a lingüística/verbal e a musical.


Varios vídeos explicativos resultaron bastante clarificadores. Déronnos a posibilidade de ver os caracois aumentados, volver atrás, repetir...


Descubrimos que os caracois posúen dous tentáculos longos coroados por uns ollos que apenas serven para detectar a luz e saber de onde ven; e outros dous tentáculos curtos cunha importante función táctil que lles permite aproximarse ao mundo que os rodea.


Este descubrimento deu lugar a un xogo no que nos convertemos en caracois por un rato. Tapamos os nosos “tentáculos longos/ollos” e empregamos os nosos “tentáculos curtos/mans” para identificar os nosos compañeiros.


Desta forma tan amena traballamos os sentidos, o sentido do tacto, relacionámonos cos compañeiros, regulamos os nosos impulsos, os conceptos de lonxitude, ampliamos vocabulario...


Estabamos a desenvolver a intelixencia cinética/corporal, visual/espacial, a lingüística/verbal, lóxico/matemática, a interpersoal e intrapersoal.


Os caracois están todo o tempo movéndose e chaman a súa atención. Algúns non comprendían como se arrastraba se non tiña mans nin pés para axudarse. Por iso tivemos que deternos a fitar para eles a través do cristal.


Analizado o movemento comezamos a imitalo ondulando o noso corpo lentamente de pé. Un compañeiro sinalou que parecía que facían ondas do mar e comezamos a facer o son do mar ritmicamente. Logo completamos a experiencia do movemento con carreiras de caracois nas que imitaban o seu movemento.



Con esta dramatizacións estabamos a desenvolver a intelixencia naturalista, cinética/corporal, musical e interpersoal.


As nosas novas mascotas, as imaxes, esquemas e os vídeos aclararon as nosas dúbidas e decidimos que igual que outras veces era preciso gardar un rexistro do aprendido.


Preparamos esquema no que plasmamos a localización das partes do corpo do caracol (empregando carteis) e comparámolas coas nosas.



Logo de repasar as distintas partes reproducímolo en plastilina e menudas creacións!


Por último seleccionamos mostras reais: cuncha baldeira, caca, follas... E fotos dos nosos caracois. Este rexistro realizado sobre estas mascotas da bruxa estivo exposto en forma de mural na clase ata que o pasamos o noso “Libro das Bruxicousas”. Este libro foi tamén unha grande experiencia, pero esa xa é outra historia!

Estas tarefas serviron para reflexionar sobre o aprendido e afianzar coñecementos, para desenvolver a súa intelixencia visual/espacial (capacidade artística e de deseño), lóxica (razoamento, ordenar información e ideas), lingüística (lecto-escritura e expresión) e naturalista.


Este mini-proxecto desenvolveuse baixo a perspectiva das intelixencias e supuxo: unha marea de contidos programados traballados dunha forma activa; todas as tarefas e actividades foron froito do interese dos nenos e nenas; foron funcionais e significativas dando resposta a problemas/preguntas reais que foron xurdindo; e atendían a un proceso de ensino-aprendizaxe globalizado.


Como puidemos ver cada actividade foi desenvolvendo distintas intelixencias do alumnado: interpersoal, intrapersoal, visual/espacial, lóxica/matemática, lingüística/verbal, cinética/corporal, musical e naturalista.


Ademais, paralelamente aos proxectos estase a traballar cun blog de aula  e coa web do centro como mecanismo de comunicación coas familias (intercambio de información, exposición de traballos e materiais, difusión de experiencias...)

Sección: