Educando no tempo das redes

Educación a distancia baseada nas conexións en lugar dos contidos. A rede revolucionou a forma de relacionarnos, vivimos conectados, gozando e compartindo, aproveitémolo.

Emiliano Gómez Vázquez
emiliano@edu.xunta.es
IES San Clemente
Santiago de Compostela
mailto:emiliano@edu.xunta.es

 

A evolución social e tecnolóxica obríganos a repensar un modelo de educación a distancia acorde cos tempos actuais. A crise que padecemos agudiza o sentido solidario e o compartir, facendo que a formación xa non entenda de fronteiras e que o aproveitamento de oportunidades que nos brinda a educación a distancia se faga máis tentador ca nunca. Nesta contorna, faise imprescindible que os actores responsables do proceso educativo teñan que actualizar as fórmulas docentes para alcanzar o éxito, deslocalizando a aula e incluíndo e utilizando a tecnoloxía actual. Neste contexto faise necesario canalizar cara ao proceso de aprendizaxe o uso que da tecnoloxía están a facer novos e maiores.

O alumnado potencial dispón de smartphones (o móbil avantaxa o resto de dispositivos á hora de conectarse a internet), tablets e, en último lugar, ordenadores porque considera estas ferramentas atractivas, áxiles e útiles, xa que lle proporcionan unha contorna móbil, amigable e emocionante na que se lle facilita a interconexión social, a actualización e a aprendizaxe permanente daqueles contidos que eles consideran de utilidade. A comunidade educativa tamén dispón xa das ferramentas necesarias para acceder á rede, só falta a emoción dun empuxe para traballar xuntos, con cohesión, sen muros, fronteiras nin distancias. Desde sempre a aprendizaxe foi unha actividade social, hoxe a comunidade dixital é unha esixencia que xorde do seo da propia sociedade, interconectémonos!

O perfil do alumnado de estudos a distancia esixe moita dedicación. O desexo destes alumnos de obter un título vén facilitado pola flexibilidade na xestión do tempo que caracteriza a educación a distancia. Todo este alumnado adoita traballar en multitarefa, xa que esta dinámica permite organizar mellor os momentos e espazos de realización de tarefas. Cun sistema formal nunca ofreceremos educación de vangarda.

O alumnado é na maioría dos casos totalmente diferente; facilitémoslle unha contorna de aprendizaxe con criterios educativos fiables, áxil e estimulante, que inclúa con enriquecedora naturalidade as diferenzas e as diversidades que existen. Debemos permitirlles establecer tempos de aprendizaxe personalizados adaptados ás capacidades, características, circunstancias e preferencias de cada un deles. Deste xeito todos terán a oportunidade de ir avanzando e gozando ao seu ritmo, guiados por ese docente, temoneiro que está embarcado ao seu lado no seu mesmo barco virtual, simplemente facilitándolle a aprendizaxe.

No curso 2011/12 seguín como alumno un curso en Platega de formación do profesorado, precisamente para titorizar na formación a distancia. A experiencia deste curso, xunto á miña bagaxe como educador, titor a distancia e coordinador dos estudos de informática a distancia no meu centro, permitiume conformar unha serie de conclusións para compartir en relación co que clama prioridade na educación neste tempo das redes.

Educando na distancia non vos ha de preocupar o dominio tecnolóxico, iso é secundario, liquídase coa realización dun par de cursos técnicos, de curta duración, e na rede proliferan as ferramentas tecnolóxicas. É máis importante que o profesorado "acolla, oriente, acompañe e transmita motivación, mostre interese e sensibilidade permanente" fomentando a satisfacción de explorar e descubrir, aproveitando e potenciando a ousadía, a creatividade e a curiosidade dos mozos e priorizando o seu desexo de pensar e de saber antes ca a fixación por aprobar. Na era da información, a orientación é moi importante para potenciar o espírito crítico ante a interpretación dos contidos e o acompañamento é fundamental para tratar de evitar a sensación de soidade e illamento no alumnado, e estimulalo.

A comunicación na distancia non debe nacer dunha técnica, de algo artificial. Se pensades que o proceso educativo a distancia consiste nunha xestión dixital de contidos realizada por un experto dixital, estariades asignándolle ao alumnado un papel pasivo, nada máis lonxe do que desexo transmitir.

Terémonos que preocupar moito máis polo contido ca pola expresión do contido. A clave para isto está en que temos que estar namorados da nosa profesión, da mensaxe que queremos transmitir e estimar e apreciar a aqueles a quen vai dirixida esa mensaxe. Isto motivará que o docente cree expectativas, busque, seleccione e utilice os mellores recursos entre a rápida caducidade da información actual, e que todo o seu alumnado así o perciba e trate de corresponder implicándose.

As persoas máis importantes na nosa vida, os profesores e profesoras máis recordados non adoitan ser os que posuían o maior coñecemento nin os máis relevantes nin prestixiosos, senón aqueles que dalgún xeito sentiamos próximos a nós, e isto é de especial importancia no ensino a distancia. Nada hai máis motivador ca que un profesor che diga "ti es bo nisto", aínda que non sexa estritamente certo; ante a expectativa creada o alumno tratará de responder. O espírito positivo é contaxioso na aula e na aula virtual a distancia moito máis, pero tamén é contaxioso o espírito negativo, nada desmotiva máis ca un comentario do teu profesor tipo "isto non é o teu". Quen non se entristecería ao recibir unha frase así?

Hai dous puntos moi importantes para o éxito da formación a distancia: o primeiro é que o equipo docente unifique criterios e estruture homoxeneamente os cursos virtuais e normalice todos os modelos dixitais co obxectivo de que o alumnado perciba cohesión, integración e coherencia; o segundo, e fundamental, consiste en transmitirlle ao alumnado de distancia a inmersión dos contidos dunha materia na realidade cotiá na que vive o alumnado, que perciba a utilidade do que vai coñecer e do que se lle vai transmitir emocionantemente, así conseguiremos que o inclúa dentro das súas preferencias. Para avaliar os coñecementos e habilidades adquiridas, bastan dúas preguntas utilizadas por calquera titor de Oxford: que queres dicir?, como o sabes?

Se avaliamos as opinións existentes na rede sobre os resultados obtidos polo alumnado no ensino a distancia, a maioría indica que, malia os esforzos dos docentes, a taxa de abandono é moi alta. Espero que ningún docente se desanime, somos moitos os que nunca deixamos de intentalo e, citando a John C. Maxwell, "a nosa actitude é a forza que determinará se temos éxito". A actitude é case todo en distancia, é unha gran satisfacción intentar que parte do alumnado non abandone, conseguilo é parte da nosa motivación e unha sensación realmente magnífica.

Tamén hai opinións sobre que non todo o profesorado serve para titorizar en rede. Isto é unha cuestión de actitude e motivación, xa que as titorías en liña teñen algunhas características específicas que fan que non todos os docentes teñan o mesmo compromiso para levar a cabo a dita tarefa; unha tarefa que, por certo, se quere facerse ben, implica unha maior capacidade de xestión do tempo e empatía ca unha titorización formativa presencial.

Das conclusións ata aquí expostas e desde a miña experiencia como docente activo da educación a distancia pode extraerse a seguinte proposta-balance sobre a nosa propia formación docente nas redes e para as redes:

a formación do docente para a educación a distancia deberá incluír primeiramente o manexo dunha plataforma que facilite os contidos e a tecnoloxía necesaria para desenvolver o traballo. Esta contorna debe ser de fácil manexo para que o docente se sinta cómodo e seguro e afastado de calquera ansiedade tecnolóxica. É importante formar o profesorado nas ferramentas específicas das que dispoñen as plataformas para fomentar a interacción e a participación, por exemplo Workshop (obradoiros) e wikis no caso de Moodle. Tamén é necesario que o docente aprenda a utilizalas con empatía, adaptando o seu xeito de ensinar á formación a distancia e que coñeza novos métodos de avaliación adaptados a este contexto. E en segundo lugar, hai que ensinarlle ao profesorado a extraer a intelixencia colectiva, a concentrar o potencial do alumnado e lanzalo nunha dirección que permita que as tarefas se fagan. Debemos darlle popularidade ao importante porque o popular é o prioritario na rede. A nova ecoloxía da aprendizaxe dinos que a aprendizaxe non se atopa nos contidos senón nas interaccións que se producen ao noso arredor. Resumindo, a parte máis importante desta formación incluirá ensinar o uso pedagóxico das contornas dixitais.

Bibliografía: 

Fontes e referencias utilizadas:

Wayne C. Booth (1989): Retórica de la ironía (A Rethoric of Irony, 1974).
Madrid: Taurus, 2.ª ed.; 368 pp. Col. Persiles, trad. de Jesús Fernández Zulaica y Aurelio Martínez Benito. ISBN: 84-306-2160-1.

Finding Your Element: How to Discover Your Talents and Passions and Transform Your Life de Ken Robinson (21 maio 2013)

L'élément de Ken Robinson (2 outubro 2013)

Leaving to Learn: How Out-of-School Learning Increases Student Engagement and Reduces Dropout Rates de Elliot Washor, Charles Mojkowski y Sir Ken Robinson (2 marzo 2013)

 

Páxinas web consultadas, vídeos e redes entre outras:

Conferencias TED: https://www.ted.com/search?cat=ss_all&q=ken+robinson

Social Media, Formación y TICs: http://ticsyformacion.com/

Renueva el aprendizaje en tu aula utilizando las TIC: http://www.plataformaproyecta.org/

Grupo LinkedIn “Las TIC en la educación”. http://es.linkedin.com/groups/TIC-educaci%C3%B3n-3876149

Red social docente. Internet en el aula: http://internetaula.ning.com

 

Sección: