Lectura labial: programa de adestramento multimedia

 

Lectura Labial é un programa de adestramento en labiolectura para persoas con discapacidade auditiva pre- ou poslocutiva. Está pensado para ser utilizado a partir dos dez anos de idade, tanto en persoas con resto auditivo ou implante coclear como en persoas que non teñen ningún tipo de audición funcional.


O programa conta con 23 leccións en galego e as mesmas 23 en castelán (non son exactamente traducións, pois a parte fonética debe ser adaptada), así como cunha lección de mostra en inglés. Pode ser empregado de modo autónomo ou por parte de docentes e terapeutas, e conta con material complementario para o traballo de rehabilitación e aula.
 

A realización deste programa foi posible grazas a unha licenza de estudos retribuída pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, de xaneiro a marzo de 2013 (ambos incluídos).


Este recurso multimedia está baseado na utilización de pezas audiovisuais que, por unha parte, permitan o aproveitamento dos restos auditivos para complementar e facilitar a labiolectura e, por outra, supoñan un recurso puramente visual.
 

O galego e o castelán son linguas romances que comparten a súa raíz latina e influencias moi semellantes, pero a presenza e a distribución dos fonemas non é a mesma en ambas as linguas. Por iso podemos dicir que, aínda que nun primeiro estadio do adestramento as habilidades labiolectoras son comúns para as dúas linguas, a medida que se perfecciona a técnica e se accede a mensaxes máis complexas é preciso facer un adestramento separado e diferenciado destas.
 

Con todo, non resulta posible facer unicamente o adestramento labiolector en galego no caso de xordeiras severas ou profundas, dado que a lingua natural das persoas xordas é a lingua de signos, e España conta con dúas linguas de signos oficiais: a española e a catalá. As persoas xordas e hipoacúsicas da nosa comunidade son normalmente signantes de LSE (lingua de signos española) e acceden á lectoescritura a través do castelán.
 

Son obxectivos do programa:

  • Desenvolver progresivamente a habilidade labiolectora tanto en castelán como en galego.
  • Potenciar a comunicación das persoas xordas ou hipoacúsicas con outras persoas xordas e oíntes non signantes.
  • Favorecer as habilidades propias da labiolectura como son: a atención visual, a percepción visual dos fonemas e palabras e a comprensión xeral.
  • Favorecer o uso da labiolectura como complemento ao aproveitamento dos restos auditivos que a persoa conserve.
  • Gañar autoconfianza nas habilidades labiolectoras propias como xeito de integrarse activamente nun ámbito oral.
  • Favorecer, mediante a labiolectura, a integración efectiva no contorno escolar tanto de aula como de tempos de lecer e a inclusión cos demais axentes da comunidade educativa.

Este proxecto ten repercusión directa, polo tanto, en todas as áreas do currículo, particularmente naquelas que requiren e contribúen de modo máis manifesto á competencia comunicativa, desde o terceiro ciclo de educación primaria e ao longo de todo o ensino secundario obrigatorio. Durante o terceiro ciclo de educación primaria sentaranse as bases do que será o salto ás operacións formais, o que suporá un ensino-aprendizaxe máis discursivo que requerirá de habilidades para o seguimento da lingua oral moito máis desenvolvidas. Tamén neste momento o alumno ou alumna con deficiencia auditiva terá un grao de maduración suficiente e de coñecemento da lingua oral a través do resto auditivo, da lingua escrita e da labiolectura instintiva como para poder afrontar con éxito este programa de adestramento. En realidade, por riba dos dez anos de idade o programa debería poder utilizarse en calquera idade.


Para o desenvolvemento das diferentes leccións utilizouse o vocabulario UTAC-CACE básico do castelán pola súa traxectoria e aceptación no eido da audición e linguaxe e na comunicación alternativa e aumentativa.
A metodoloxía de traballo segue o esquema propio da abordaxe da linguaxe oral por parte das persoas con deficiencia auditiva. Céntrase en exercicios curtos e con pouco texto, tanto na explicación como nos supostos. Estes exercicios requiren pouca ou nula produción escrita, aspecto que resulta moi deficitario neste alumnado e que suporía unha dificultade engadida á hora de enfrontar as tarefas propostas.


As unidades teñen todas idéntica dificultade, dado que cada unha aborda aspectos fonéticos e campos semánticos diferentes. Dentro de cada unidade si  se establece unha gradación da dificultade ao longo dos seis exercicios que a compoñen, de xeito que o traballo é sinxelo ao comezo e vai complicándose ata enfrontarse á comprensión de aspectos clave nun texto complexo.


Non existen restricións no número de intentos de cada exercicio e as leccións poden ser abordadas de xeito independente ou na orde que o aprendiz ou docente estime oportuna.


O erro non está penalizado de ningún xeito. As preguntas pódense deixar en branco ou responderse erroneamente sen que isto supoña non poder pasar á lección seguinte. Unicamente se destaca que é preciso completar todos os exercicios da lección antes de poder repetila e que ao rematar os exercicios se amosan as respostas equivocadas e as que serían correctas, de xeito que o erro se asume como parte do proceso de aprendizaxe. Búscase un programa orientado á experimentación e ao éxito.
 

Tamén, e para que os distintos estilos de traballo con materiais multimedia non sexa unha dificultade engadida, se ofrecen todos os exercicios e transcricións en formato pdf lección por lección. Isto faise tanto para que se poida traballar cos vídeos a pantalla completa se así se desexa como para reducir o estrés naquelas persoas ás que non lles gusta facer exercicios deste tipo directamente sobre a pantalla. Ademais, facilítalle ao mestre ou mestra de Audición e Linguaxe a posibilidade de traballar con grupos de alumnos, proxectando o vídeo na pantalla e completando as fichas en papel individualmente o alumnado asistente á sesión, o que resulta especialmente interesante en centros de integración preferente de alumnado xordo, o que optimiza o tempo de traballo no gabinete de logopedia.


Cada lección conta con fichas para todo o vocabulario traballado nela. Así mesmo, inclúense oito barallas coas configuracións orofaciais dos diferentes voluntarios para cada un dos fonemas propostos do xeito máis neutro posible.


Os vídeos están locutados por oito voluntarios diferentes. Os tres primeiros corresponden ao mesmo voluntario para facilitar a tarefa e a adaptación ao contorno de traballo nas primeiras leccións, pero o resto (leccións 4 a 23) corresponde a diferentes locutores en orde aleatoria. Deste xeito, evítase a acomodación da lectura labial a unha cara en concreto. Os locutores voluntarios son tanto homes como mulleres e mesmo adolescentes con diferentes fisionomías e rasgos característicos (con e sen barba, por exemplo), así como con diferentes niveis de vocalización natural.

O programa pode ser facilmente ampliado polos docentes especialistas en audición e linguaxe que aborden o ensino da labiolectura con exercicios realizados na aula sobre os presupostos traballados no recurso informatico.


O programa pode ser utilizado por profesorado non experto en audición e linguaxe e mesmo polos alumnos e alumnas de xeito autónomo (en caso de alumnado de secundaria e ciclos, especialmente) dado o sinxelo e autoexplicativo que resulta.


A avaliación é progresiva e procesual e empréganse os propios exercicios (a porcentaxe de respostas acertadas) como indicador de logro. Cando se acada un nivel de acerto superior ao 80 %, presuponse o dominio da lección. A práctica ao longo das leccións fará que esta porcentaxe se acade con maior facilidade.


Lectura Labial atópase dispoñible na súa web http://www.lecturalabial.org e  no repositorio do Espazo Abalar para o seu seguimento en liña. Para a súa utilización fóra de liña, pódese descargar completo desde a propia web do proxecto, pero cómpre ter en conta que, ao incluír todos os vídeos, estamos a falar de 2 Gb, polo que haberá que ser pacientes e descargar desde unha boa conexión.


Carecemos de datos de uso no Espazo Abalar e de descargas completas do programa para uso fóra de liña. Non obstante, as estatísticas de uso da web propia do proxecto amosan un grao de utilización importante.
Desde maio, momento no que a web se publica, ata a actualidade, o sitio recibiu máis de 1200 visitantes únicos e totalízanse preto de 7000 páxinas vistas, cunha duración media de 3:51 minutos (o habitual son tempos que ronden o minuto ou incluso menos para webs que non lles acaban de interesar aos usuarios) e unha porcentaxe de retorno á páxina (enderezos IP que visitan a páxina en máis de unha ocasión) do 28,3 %. No último mes, coincidindo co inicio do curso escolar, a duración media incrementouse ata os 4:07 minutos e a porcentaxe de retorno subiu ata o 35,7 %.
 



A duración media dos vídeos é de 3:46 minutos, un tempo inferior á media de tempo que os usuarios regulares pasan no recurso, polo que podemos deducir que os visitantes que fan uso regular del están seguindo o curso en liña. Os datos de visión dos vídeos que poden apreciarse na imaxe apuntan na mesma dirección.
Destacamos os máis de oitenta usuarios que visitaron o sitio oito ou máis veces.
Os visitantes ao sitio, particularmente os recorrentes, proceden, como é lóxico, na súa maioría, de países de fala hispana.



Sería desexable poder contar con datos de uso máis precisos e completos que permitisen traballar na mellora do programa e na solución de problemas que poidan xurdir na súa utilización. Tamén se aprecia nas mensaxes recibidas de  diversos usuarios anónimos que é precisa a formación dos docentes que van poñer en práctica o programa para tirarlle o maior partido posible. Non obstante, dado o específico do programa, a comunidade tan particular á que vai dirixido e o pouco tempo que leva dispoñible, os datos poñen de manifesto que a hipótese de partida miraba na dirección correcta: a lectura labial é unha habilidade que precisa de adestramento e para a que existe una demanda importante ao longo da vida das persoas, con especial incidencia na idade escolar.

 

Sección: