Cine no Fontem Albei
Rubén Pol Valiño
Sabela Figueira Tenreiro
Durante os cursos 2010-2011 e 2011-2012, no IESP Fontem Albei da Fonsagrada levouse a cabo unha iniciativa nova para o centro, que consistiu na introdución do ámbito audiovisual no eido educativo e que permitiu a rodaxe dunha serie de vídeos de temática diversa. A idea xurdiu, nun primeiro momento, non como algo preconcibido senón circunstancial, pero, logo de ver os resultados e o grao de participación e colaboración da comunidade educativa, animou as persoas que estabamos involucradas dun xeito directo a facer unha planificación máis exahustiva desta e a dotala de continuidade.
O achegamento á videocreación fíxose inicialmente desde unha formación esencialmente autodidacta, pero profundar no tema posibilitou a creación dun grupo de traballo específico neste campo no que estivo involucrado profesorado pertencente aos diferentes departamentos didácticos.
O espazo educativo do que partiron boa parte das iniciativas e se converteu no eixe vertebrador das actividades audiovisuais foi a biblioteca escolar.
Pódese dicir que esta andaina comezou por casualidade. No centro graváranse de xeito esporádico algúns documentos en formato vídeo para participar en concursos como Ponte nas Ondas ou Correlingua, que esixían nas súas bases este tipo de material. O pulo definitivo produciuse cando, no ano 2010, entramos a formar parte do Plan de mellora de bibliotecas escolares de Galicia (PLAMBE), que posibilitou, pola súa vez, a creación dun grupo de traballo que, baixo o plan A biblioteca escolar, funcionamento e organización para a mellora da competencia lingüística do alumnado, permitiu instruír o equipo de dinamización da biblioteca en aspectos relacionados coa formación de usuarios e en estratexias para o fomento da lectura entre o alumnado. Neste contexto naceu o primeiro gran proxecto, un lipdub do que falaremos máis adiante. Esta forma de traballar tivo continuidade no curso seguinte coa posta en marcha do Obradoiro didáctico para traballar os medios audiovisuais como tema transversal a partir da videocreación, un grupo de traballo herdeiro do anterior que pretendía formar o profesorado en técnicas audiovisuais para que implantase estes medios dun xeito habitual na práctica docente.
O que pretendiamos lograr mergullándonos nesta vía era:
- Motivar o alumnado cara ao pracer pola lectura.
- Propiciar o achegamento á alfabetización audiovisual por parte da comunidade educativa.
- Axudar a potenciar os procesos de innovación e renovación pedagóxica.
- Mellorar o clima de convivencia no centro.
- Implicar o alumnado na elaboración de materiais didácticos, para que se comporte non coma un mero receptor de información senón coma un elemento creador.
- Potenciar o traballo colaborativo interdepartamental.
- Contribuír a desenvolver as competencias básicas, especialmente as máis directamente relacionadas con este medio, tales como comunicación lingüística, tratamento da información e competencia dixital, cultural e artística, aprender a aprender e autonomía e iniciativa persoal.
A historia da videocreación do IES Fontem Albei abrangue unha ampla variedade de temas e xéneros tratados: musical (lipdub, rap); defensa do idioma galego (Eu falo galego porque...); parodia cómica (Bibliomán), biográfico (Lois Pereiro), terror (Eu teño medo), ficción (Xogando coa arte) e de recollida de anacos da vida do instituto, todo iso desde unha perspectiva que se podería denominar lúdico-educativa.
Cada un dos proxectos que se poñían en marcha era consensuado polo Equipo de Dinamización da Biblioteca Escolar e comunicado aos distintos órganos de coordinación docente. Posteriormente, procedíase á busca de información, redacción do guión, elaboración dunha storyboard, selección dos participantes con carácter voluntario, gravación, edición e difusión do produto por medio dalgunha plataforma de vídeo. Os diferentes departamentos didácticos contribuían á elaboración dos traballos, cada un desde o seu ámbito correspondente.
Os recursos empregados foron variados, facendo fincapé nos relacionados coas TIC e nas ferramentas ofrecidas pola denominada web 2.0. Destacamos:
- Cámaras de vídeo e fotos.
- Programas de edición de vídeo, audio e imaxe: Movie Maker, Openshot, Edius, Gimp ou Photoshop entre outros.
- Plataformas de aloxamento de vídeos: Youtube e Vimeo, onde colgamos as creacións.
Os proxectos máis salientables pola repercusión que tiveron na comunidade educativa galega ou por seren merecedores dalgún premio foron os seguintes:
- Lipdub IES A Fonsagrada: o formato consiste nun videoclip musical onde un grupo de persoas sincronizan os seus beizos, xestos e movementos cunha canción. Realízase nun só plano (plano secuencia) no que os participantes fan play-back. O obxectivo principal da súa realización foi explicar a clasificación decimal universal (CDU) dun xeito lúdico, dentro do proceso de formación de usuarios que adquiren habilidades para a alfabetización informacional. Tamén se aproveitou para reivindicar a biblioteca como espazo fundamental dun centro educativo, amosar o centro e implicar nun mesmo proxecto a toda a comunidade escolar.
- Defender o idioma galego sen prexuízos, mediante respostas breves ofrecidas libremente polo alumnado, era o propósito desta curta titulada Eu falo galego porque..., feita en colaboración co departamento de Lingua Galega. A mesma pretensión fíxose máis tarde a ritmo de rap.
- Co gallo do Día das Letras Galegas 2011 rodouse Lois Pereiro no Fontem Albei, nun formato que semella un informativo, onde dous presentadores acompañados dunha serie de reporteiros repasan a vida e a obra do homenaxeado. A intención foi favorecer o interese por coñecer o autor.
- A celebración dalgunha data sinalada serviu de pretexto para os encontros con algún escritor salientable destacado do panorama editorial galego. Así aconteceu con Xabier P. Docampo que inspirou a gravación da curta Eu teño medo para conmemorar o Samaín. Baseándonos no epílogo do seu libro Cando petan na porta pola noite, recreáronse situacións que nos poden provocar desacougo. Con isto, ademais de achegarnos á biografía do creador, pretendiamos espertar o interese e a curiosidade pola literatura de misterio e terror.
- En Xogando coa arte recreamos cadros de distintos estilos artísticos onde os protagonistas son o alumnado e o profesorado do centro.
- Un propósito que nos marcamos desde un primeiro momento foi o de potenciar a lectura en voz alta e a dramatización dos textos, un bo xeito de apuntalar a lectura compresiva e a expresión oral. A conmemoración do centenario do nacemento doutro dos grandes escritores galegos, Celso Emilio Ferreiro, serviu para estes fins.
Tendo en conta o grao de participación e a boa acollida por parte de toda a comunidade educativa, temos que cualificar esta experiencia de moi positiva.
Ao introducir nas aulas e comezar a traballar regularmente en cada unha das materias con procedementos audiovisuais, un número maior de profesorado do centro anímase a empregar esta ferramenta na súa práctica docente.
A isto temos que engadirlle que algunha das creacións foi galardoada en concursos e festivais de cine como Eu falo galego porque... (Correlingua 2011), Bibliomán (Premio do público no Festival OlloBoi 2011) e Lois Pereiro no Fontem Albei (Premio OUFF Escola 2011 ao mellor guión).
Paraugas coa CDU da biblioteca empregados na escenografía do lipdub.
DOCAMPO, X. (2005). Cando petan na porta pola noite. Vigo: Edicións Xerais de Galicia (5ª edición).