O proxecto SBLENDID

Unha comunidade de práctica arredor do ensino semipresencial
O consorcio Erasmus+ KA104 SBLENDID é o resultado da colaboración entre dez escolas oficiais de idiomas galegas e o Centro Autonómico de Formación e Innovación sobre o ensino semipresencial. Grazas a este traballo coordinado durante dous anos, ofreceuse, por unha banda, formación específica para o profesorado a través de webinarios, cursos en liña e observacións docentes no estranxeiro; e, por outra, elaborouse unha batería de recursos e un itinerario formativo para esta modalidade. Neste artigo explícase o desenvolvemento do proxecto e preséntase unha escolma dos recursos deseñados.

Diana Pastoriza Espasandín
cafi.internacional@edu.xunta.gal
CAFI - Centro Autonómico de Formación e Innovación (Santiago de Compostela - A Coruña)

 

 

Introdución

O proxecto Erasmus+ KA104 SBLENDID «Escolas que usan a aprendizaxe mixta para dialogar sobre pedagoxías interrelacionadas» uniu nun consorcio o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e a dez escolas oficiais de idiomas (EOI) galegas. Comezou en outubro de 2020 para dar resposta á necesidade de formación en ensino semipresencial (blended learning, b-learning) que existía en Galicia, pois nese mesmo curso académico (2020/21) comezou a impartirse esa modalidade de maneira piloto en catro EOI.

 

 

Un obxectivo común

A meta última dese traballo colaborativo era a mellora continua como selo de identidade na docencia (Rickards, Hattie e Fields, 2021). Esta mellora concretouse na abordaxe de dous dos meirandes retos que enfrontan as EOI no ámbito estatal: 1) conseguir unha redución do abandono escolar e 2) realizar unha atención efectiva á diversidade tendo en conta o alto grao de heteroxeneidade existente. O proxecto SBLENDID achegouse a eses retos a través da incorporación e expansión da modalidade semipresencial de maneira sólida e protocolarizada.

A formulación foi grupal desde a propia xestación do proxecto, nunha comunidade de práctica integrada por equipos directivos, docentes e persoal asesor do CAFI; todos centrados en asegurar a estandarización das prácticas docentes no relativo ao deseño técnico-pedagóxico na creación dos cursos semipresenciais; así como na súa titorización e acompañamento.

Ao tratarse dun proxecto europeo, buscamos o maior impacto e que os produtos e visión fosen aplicables noutras EOI, en centros educativos de persoas adultas e no ensino secundario.

 

Metodoloxía

O punto de partida foi unha formación conxunta de oitenta e tres docentes das EOI participantes dentro do marco dun seminario de formación. Este consistiu en dúas fases de dous niveis cada unha:

Fase de aprendizaxe: formación conxunta do grupo. Pola súa vez, esta fase inicial dividiuse en dous achegamentos simultáneos no tempo (outubro-maio de 2020/21).

- Común a todas as persoas participantes (83): unha serie de webinarios impartidos por docentes doutras comunidades autónomas con experiencia no ensino semipresencial; e unha mesa redonda final con docentes e creadoras de cursos desta modalidade en Galicia.

- Específica (18 participantes): dous cursos de formación impartidos por entidades europeas de recoñecido prestixio, centrados na integración de contidos presenciais e traballo en liña. Un dos cursos estaba orientado a docentes con experiencia en blended-learning ou no ensino a distancia; mentres que o segundo estaba destinado a aqueles sen experiencia previa. Ambos foron adaptados ás nosas necesidades e, polo tanto, altamente efectivos. Para trasladar o aprendido ao gran grupo, fíxose formación en cadea a través de sesións de difusión abertas, así como da creación de materiais e recursos explicativos.

 

 

Esta formación, de carácter globalizador, centrouse en proporcionar claves para efectuar procesos de deseño que redundasen nunha actividade máis explícita e de mellor calidade que permitise o desenvolvemento de espazos e intervencións de aprendizaxe máis efectivos (Conole, 2012). Pola súa vez, fomentou a exploración de cuestións máis específicas como as seguintes:

  • Que estratexias ou enfoques podo utilizar para motivar o alumnado nas sesións presenciais síncronas e no espazo virtual de aprendizaxe (EVA)?
  • Que aspectos da aprendizaxe se adaptan mellor á aprendizaxe síncrona? E á asíncrona?
  • Como proporcionarei andamiaxe para asegurar que o alumnado non se perda?
  • Como darei feedback?
  • Como monitorizarei o alumnado?

Fase de diálogo e creación: tras a formación recibida, produciuse unha transferencia do aprendido ao deseño dunha batería de recursos e dun itinerario de catro cursos de formación para o profesorado, de 20 horas cada un, para seren realizados completamente en liña.

Nas seguintes ligazóns pódense visualizar os vídeos presentación do itinerario e dos catro cursos:

Eses cursos, deseñados por nove das docentes e asesoras participantes no curso avanzado, impartíronse nos plans anuais de formación do profesorado de Galicia, Murcia, Navarra, Madrid, Aragón e País Vasco no curso 2021/22. No 2022/23 formaron parte da oferta formativa de Galicia, Madrid, Murcia e País Vasco e incorporáronse, con modificacións, en Castela e León, Comunitade Valenciana e Andalucía. Tamén se compartiron, acompañados dun informe, coas demais comunidades autónomas e, por exemplo, Canarias atópase agora mesmo (novembro 2024) en fase de valoración para incorporalos á súa oferta formativa.

Paralelamente a este proceso, os restantes docentes (60) organizáronse en pequenos grupos que crearon un compendio de recursos que se integraron tamén dentro do itinerario de formación, en concreto:

 

Resultados e conclusións

Hai un tempo que vimos percibindo como os límites do noso traballo como docentes se expanden e reconfiguran, mais na aprendizaxe a distancia e semipresencial este cambio fíxose especialmente patente nos últimos anos. No ensino remoto de emerxencia aprendemos leccións que incorporamos ao noso traballo e aos espazos virtuais de aprendizaxe. As prácticas adoptadas teñen elevado a conversa arredor da integración da tecnoloxía nos ciclos de ensino-aprendizaxe.

 

 

Así foi no caso do proxecto SBLENDID, onde se continúa dialogando amplamente de aspectos como o da claridade, entendida esta nos termos nos que a define Fendick (1990): unha organización estruturada da instrución, explicación transparente e graduada de contidos, exemplos guiadores, práctica guiada e avaliación da aprendizaxe. O consenso derivado da investigación a través de lecturas, así como dese diálogo profesional, subxace ao itinerario de formación e aos recursos creados.

De maneira complementaria a estes produtos tanxibles, no segundo ano de proxecto (2021/22), leváronse a cabo observacións docentes en institucións educativas doutros países europeos (Italia, Portugal, Austria e Irlanda). O obxectivo da observación foi lograr a implicación do docente no seu papel de investigador do que ocorre na súa propia clase, co fin de contribuír ao seu desenvolvemento profesional e facilitar a innovación (Elliott, 1991).

 

 

Trátase de observacións desde unha perspectiva «orgánica» ou «ecolóxica» en tanto se artellan arredor de tres eixes: 1) o espazo físico e social (EVA) no que ten lugar o proceso; 2) as accións que se levan a cabo e 3) o grao de participación perceptual, cognitiva e afectiva nesas accións por parte de alumnado e profesorado (van Lier, 1997).

Grazas ao traballo desta comunidade de práctica, os resultados de SBLENDID superaron as expectativas iniciais e, dado que se concretaron en produtos tanxibles, continuamos dándolles proxección, esperando que poidan ser de utilidade.

Deseguido detallamos os produtos e recursos creados no marco deste Erasmus+ que seguimos compartindo, dous anos despois do remate do proxecto:

1. Catro cursos de formación para o profesorado que integran o #itinerarioSEMI e que, despois de catro edicións, continúan sendo parte da oferta formativa en Platega.

2. Portafolios de aprendizaxe creados por docentes participantes en catro edicións dos cursos en diferentes comunidades autónomas.

3. Recursos xerados (vid. arriba).

4. Presentacións sobre as EOI en diferentes linguas.

5. Presentacións sobre o proxecto SBLENDID, xa que a estrutura do proxecto é exportable a outros contextos, como mostra o feito de que fomos chamados para impartir formación nos últimos anos en Asturias, Andalucía, Estremadura e País Vasco.

6. Documentos con aspectos prácticos sobre os países onde fixemos estadías de aprendizaxe (Italia, Portugal, Austria, Irlanda e Estonia).

Así mesmo, tivo lugar unha capacitación profesional, de xeito que agora hai un grupo de profesionais que, grazas ao proxecto SBLENDID, están exercendo de formadores dentro e fóra da comunidade galega, non só ao fío da semipresencialidade, tamén de aspectos relacionados coa tecnoloxía educativa ou coa observación docente.

 

 

Polo tanto, e desde un enfoque holístico, o proxecto SBLENDID é un exemplo de posta en valor do ensino semipresencial pola calidade das aprendizaxes, dos recursos creados e da difusión feita a través de artigos en prensa, congresos, e dos itinerarios de formación #itinerarioSEMI (e #sblendidEUS na súa versión no País Vasco).

Estamos orgullosos da metodoloxía de traballo empregada, que foi tamén «semipresencial», combinando o formato presencial e en liña, síncrono e asíncrono, cun traballo colaborativo continuo e utilizando ferramentas de traballo variadas (canvas, documentos e taboleiros, tecnoloxía de gravación de pantalla etc.).

En definitiva, establecemos unha «cibercomunidade de aprendizaxe» (Murua et al., 2015) en liña coa recomendación do Consello da Unión Europea de que «tanto a formación inicial como o desenvolvemento profesional deben fundamentarse na investigación pedagóxica e na aplicación de métodos de aprendizaxe baseados en comunidades de aprendizaxe, aprendizaxe na Rede e entre iguais».

Cremos que este proxecto Erasmus+ nos permitiu constituír esta cibercomunidade e a intención deste consorcio é consolidala, tecendo unha rede ao fío da modalidade semipresencial.

Nese sentido, quereriamos sinalar as canles de comunicación e intercambio para invitar os lectores de EDUGA a que se unan: EPALE e Telegram.

En EPALE, lugar de referencia para os profesionais da educación de persoas adultas, temos un grupo chamado Blended Learning for Learning Teachers. Busca servir de punto de encontro de profesionais de ámbito internacional interesados no ensino semipresencial de linguas.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Conole, G. (2012). Designing for learning in an open world. Nova York: Springer TEACHERS FOR TEACHERS

Elliott, J. (1991). El cambio educativo desde la investigación-acción. Madrid: Moata.

Fendick, F. (1990). The correlation between teacher clarity of communication and student achievement gain: A meta-analysis. Unpublished doctoral dissertation. Gainesville: University of Floriday.

Murua Anzola, I., Cacheiro González, M. L. e Gallego Gil, D. (2015). Las cibercomunidades de aprendizaje (cCA) en la formación del profesorado. Revista de Educación a Distancia (RED), (43). Recuperado a partir de https://revistas.um.es/red/article/view/236801.

Rickards, F., Hattie, J., Reid, C. (2021) The turning point for the teacher profession. Growing expertise and evaluative thinking. Routledge.

van Lier, L. (1997) Observation from an ecological perspective. TESOL Quarterly, 31, 783-787.

 

Sección: