O panadeiro
Antón de Valenzuela Bandín
antoniodevb@edu.xunta.gal
CRA Mestre Manuel Garcés (Tomiño - Pontevedra)
Este foi un dos primeiros proxectos ambiciosos do CRA pola súa vontade de involucrar a toda a comunidade educativa. Sen ser realmente coñecedores, no momento de inicialo, do alcance que podería chegar a ter, marcou unha liña de traballo que sería extrapolable ás seguintes actividades que se desenvolverían neste centro.
A idea inicial era sinxela. Un comercio local podería encargarse de levar algúns dos produtos que se empregarían para realizar as merendas nalgunhas das nosas escolas. Faríase un cálculo do gasto total e dividiríase entre o número de usuarios. Con esta pequena iniciativa xa estabamos involucrando o noso centro na contorna e participando dela, estabamos facéndonos protagonistas do momento da merenda e de todo o que esta implicaba, eliminabamos produtos pouco saudables e bolería industrial nas nosas escolas e, por se isto fose pouco, favoreceriamos a autonomía do alumnado, ao ser eles mesmos os encargados de preparar as merendas por medio do traballo dos responsables.
Poderíase dicir que este foi un pequeno proxecto piloto, xa que naquel momento inicial non todas as escolas participaban nel. Ademais, na selección dos menús aínda quedaba moito camiño por andar, pero, en vista do bo resultado conseguido con esta iniciativa, traballamos para estendela ao resto do centro, o que fixo que pronto se conseguise a súa implantación. Deste xeito, acadamos unha mellora substancial no proxecto, xa que a partir dese momento todas as escolas estabamos no mesmo barco, traballando conxuntamente para que esta actividade resultase o máis enriquecedora posible.
Tomamos conciencia entón da responsabilidade que como centro escolar tiñamos na alimentación e mais na implantación de hábitos saudables no noso alumnado, e introducimos cambios drásticos na selección dos menús, partindo da premisa de que un centro educativo debería ofrecerlle os produtos máis nutritivos e saudables posibles ao seu alumnado. Erro. Co foco posto unicamente na teoría e no aspecto nutricional que poderían ter os produtos seleccionados no organismo, perdemos de vista o contexto no que tiñamos pensado introducir os cambios, polo que a demasiados alumnos non lles gustaba en absoluto o que se lles ofrecía e mesmo moitos mestres non sabiamos como presentarlles aqueles alimentos tan ricos desde o punto de vista nutritivo, pero tan pouco atractivos ou impactantes ao padal dun alumnado pouco afeito ao seu consumo. Mantivemos este formato durante unhas semanas, pero, en vista do resultado, foi preciso dar un paso atrás, reflexionar e comezar a facer camiño de novo, cun menú saudable igualmente, pero cun pouco máis de calma e consistencia na posta en marcha do proxecto. Os cambios levan o seu tempo.
Aproximadamente nesta época, chegaron ás nosas escolas, como parte dun proxecto da Deputación de Pontevedra, composteiros que, en colaboración co Concello de Tomiño, ofrecían actividades formativas e seguimento por parte de mestres composteiros, que nos asesoraron en todo momento e que, ademais de achegarse ás escolas nas súas visitas organizadas, nos prestaban todo tipo de asesoramento. Por suposto, o noso Proxecto do panadeiro aproveitou esta circunstancia para que as nosas merendas conseguisen ter un desperdicio mínimo, xa que desde aquel momento os nosos composteiros se encargan de tratar os restos, que acabarán finalmente nas hortiñas que hai en cada unha das escolas.
Co proxecto en marcha e ben afianzado, o 14 de marzo de 2020, tal e como lle sucedeu ao resto do mundo, tivemos que facer un parón temporal no noso centro e a actividade do panadeiro quedou pausada tamén. Cando por fin puidemos volver ás aulas, foi preciso adaptarse á nova realidade, polo que esta actividade non se puido retomar ata pasados varios meses, cando tivemos a certeza de que era absolutamente segura e a normativa o permitiu.
Ao chegar este agardado momento de retomar a actividade, atopamos un obstáculo inesperado: a negativa do noso panadeiro a continuar coa colaboración, posto que se lle facía custoso realizar o percorrido diario polas 13 escolas que forman o noso CRA. Foi preciso buscar unha solución urxente.
Contactamos cos diferentes comercios da zona e demos con algúns establecementos que compartían a nosa filosofía de colaboración e que estaban dispostos a ofrecernos o servizo, pero isto supuxo realizar algúns cambios. Foi preciso mudar algúns aspectos que, analizados con perspectiva, posiblemente mellorasen a organización inicial. Xa non sería un só comercio local o que nos ofrecería o servizo, senón tres, repartidos por zonas, e xa non virían todos os días, senón dous ou tres á semana (suficiente). Deste xeito, as merendas pasaron a ser planificadas e, en caso necesario, conservadas nos frigoríficos, que foron cedidos ás diferentes escolas, case na súa totalidade, polas familias. Finalmente, seguimos tendo presenza na contorna e cun maior impacto.
De volta á normalidade e co proxecto novamente en marcha, comezou a preocuparnos o tipo de material empregado na elaboración das merendas. Somos un centro no que intentamos coidar moito os ambientes, seleccionando materiais naturais e o máis ecolóxicos posibles e, contrariamente a isto, nas nosas merendas abundaban os vasos, bandexas e pratos plásticos. O investimento que houbo que realizar foi elevado, pero, nun exercicio de responsabilidade, decidimos dotar o noso centro de pratos e vasos de aceiro inoxidable para todo o alumnado, que rolda os 150 alumnos. Analizado con perspectiva, este grande esforzo cobra todo o sentido, xa que o material segue empregándose cursos despois sen deteriorarse en absoluto. Isto permitiu que non fose necesario repoñelo ano tras ano e posibilitou empregalo nas saídas escolares, ao ser facilmente transportable.
Hoxe en día
Contamos cun proxecto educativo. O alumnado é o responsable de preparar os alimentos. Lavan, cortan, untan, poñen a mesa, empratan, serven, recollen... e sentan todos xuntos a comer, convertendo así o tempo da merenda nun momento único no que, ademais de fortalecerse a autonomía, a responsabilidade e o traballo cooperativo do alumnado, gozan, comparten e dialogan entre todos por medio do traballo das normas sociais de educación na mesa. Para aquel alumnado reticente a probar determinados alimentos, resulta máis sinxelo conseguilo ao ver os seus compañeiros facelo; ademais, ao ser tratado este tema por unha mestra e converterse nun momento educativo, tamén nos aseguramos de que ese momento sexa abordado dun xeito pedagoxicamente favorable.
Ao rematar a merenda, cadaquén lava os seus pratos e vasos mentres que os encargados limpan e varren para deixar a aula nas mellores condicións posibles.
Contamos cun proxecto que axuda as nosas familias. Poden despreocuparse das merendas, xa que non teñen que revisar o menú semanal para comprar e prepararlles despois a mochila aos nenos. Ao rematar o mes, facilítanselles os tíckets de compra e o importe que debe pagar cada familia, que non adoita chegar aos 10 €. Se por algún motivo algunha familia non puidese permitirse o gasto, os servizos sociais ou o centro poderían facerse cargo, unha vez xustificada esa necesidade. Non habería cartos mellor investidos ca os empregados en que algún dos nosos alumnos merendase cos seus iguais.
Contamos cun proxecto saudable. Froito de diversas lecturas, da aprendizaxe de erros pasados e de diversas formacións, como a levada a cabo con Lidia Folgar, na que involucramos tamén ás familias para que o proxecto se estendese máis alá das nosas aulas. Agora temos un menú ben adaptado ao noso alumnado: froita todos os días, lácteos, humus, pauíños, conservas de peixe, patés... E como de vez en cando hai que darse un gusto, un día á semana, de xeito rotativo, as familias traen un doce caseiro, coa vontade de preservar as receitas tradicionais, en cuxa elaboración tamén colaboran os máis pequenos da casa. Con este proxecto asegurámonos de que no noso centro non haxa bolería industrial, bebidas azucradas... problemas comúns en demasiadas casas e colexios.
Contamos cun proxecto social. O noso centro está presente na contorna, pois son os propios establecementos das parroquias os que nos subministran os produtos de proximidade e tempada; a relación co noso alumnado é directa, xa que, do mesmo xeito que hai un encargado para preparar a merenda, hai un encargado de abrir a porta, recoller a compra e organizala. Os alimentos non aparecen no frigorífico, senón que hai unha persoa encargada de facernos chegar as cousas á porta da escola e o alumnado pode vela despois cando vaia ao comercio fóra do horario escolar.
Contamos cun proxecto sostible. Buscamos produto de proximidade e intentamos afastarnos dos procesados e ultraprocesados. Os desperdicios son mínimos e todo aquel resto que pode acabar no composteiro é levado alí; o demais vai ao lixo, que conta con divisións segundo o tipo de produto ao que estea destinado. Non hai plástico nas nosas mesas e na maior parte das escolas empregamos vaixelas de aceiro inoxidable; nas outras, vaixelas de louza ou cristal.
Contamos cun proxecto vivo. Como se comentou ao inicio, este proxecto non fixo máis que crecer e evolucionar desde o seu tímido nacemento no seo dunhas aulas piloto ata que se foi estendendo a todas as aulas de todas as escolas do CRA, involucrando cada vez a máis axentes e propoñéndose metas e obxectivos cada vez máis amplos.
Contamos cun proxecto noso. Que nos une como centro e que crea sentimento de pertenza entre todos os que o construímos e participamos del.
Contamos cun proxecto tamén para vós. Por suposto, sería emocionante e o broche de ouro perfecto saber que este camiño serviu de inspiración a outros centros e que a partir do seu coñecemento comezasen o seu propio percorrido a partir desta idea, e así puidésemos compartir ensinanzas, xa que canto máis siga medrando o proxecto do panadeiro, máis seguiremos aprendendo.