Toquiña arredor do mundo

Unha proposta de proxecto documental integrado en infantil e primaria sobre unha viaxe arredor do mundo, a contaminación mariña, o traballo cos ODS e a economía circular como eixe.

Natalia Iglesias Rodríguez
CEIP Plurilingüe de Toques (Toques - A Coruña)
natalia.iglesias28@edu.xunta.gal

 

 

Como naceu esta idea?

Como docentes sabemos que as aulas son espazos creativos, dinámicos e escenarios onde día a día presenciamos grandes e pequenos acontecementos pero, certo é tamén, que ás veces podemos sentir que nos quedan pequenas.

 

Este sentimento tivémolo as cinco mestras e mestres que puxemos en marcha este proxecto, que nos levou a saír das nosas aulas e converter os corredores e o patio escolar (desenvolvendo empresas e un sistema monetario xestionado e creado polo propio alumnado, os patios dinámicos e mais o horto escolar), o comedor escolar (aproveitando as súas instalacións e desenvolvendo accións empregando as 3R e o compostoiro como ferramentas) e a biblioteca escolar, tan chea de información, en grandes espazos de aprendizaxe e investigación.

 

Cales eran os nosos obxectivos?

  • Desenvolver as competencias clave do noso alumnado.
  • Fomentar a inclusión e a atención ao alumnado NEE e NEAE.
  • Fomentar o traballo en equipo e a cooperación na resolución de retos.
  • Mellorar a convivencia no centro e dotar de ferramentas para a resolución de conflitos, especialmente nos momentos de lecer.
  • Concienciar a comunidade educativa do impacto das nosas accións no medio e dar a coñecer os ODS.

 

Como nos adaptamos aos diferentes niveis educativos?

 

 

Realizamos un proxecto aberto, que nos permitise adaptarnos ás diferentes competencias do alumnado desde infantil ata os últimos cursos de primaria.

Empregamos a mascota da biblioteca e a súa viaxe como un eixe condutor mediante o que os retos ían chegando en forma de postais, creando un ambiente máxico para o alumnado máis cativo, e converténdose nun xogo para o alumnado do segundo e terceiro ciclo de primaria.

Nesas postais a nosa mascota percorría o mundo, dicíanos en que país estaba e nós debiamos investigar e enviarlle información sobre os retos que ela nos propoñía.

 

Que pasos demos para comezar?

  • Decidimos o proxecto: a nosa mascota viaxaría por un país cada mes e medio.
  • Pensamos nos produtos finais que realizariamos para rematar o proxecto.
  • Todas as actividades realizadas no día a día estarían enfocadas á elaboración pouco a pouco deses produtos finais, vinculando os contidos curriculares de diferentes materias

Como desenvolvemos o proxecto?

A metodoloxía que empregamos foi ABP, aprendizaxe baseada en proxectos, na que o alumnado traballou contidos curriculares e desenvolveu as súas competencias traballando nas diferentes actividades propostas no proxecto documental integrado, a través da investigación, busca e tratamento da información, elaborando os produtos finais, e no que empregamos en todo momento unha avaliación formativa.

 

Que tipo de actividades realizamos?

Traballar coa escala métrica en Matemáticas, creación de maquetas en Plástica, traballo con planos en Ciencias Sociais e as enerxías en Ciencias Naturais, para finalmente construír unha casa sostible con materiais de refugallo nas que traballamos transversalmente os contidos de todas esas materias.

 

 

Empregar as regras de tres en Matemáticas para calcular a cantidade de toqueses (a moeda do centro) que gañabamos ao entregar tapóns ou pilas na tenda sostible, para a súa posterior reciclaxe en colaboración con asociacións, e co proxecto Pilabot da Consellería de Medio Ambiente, entendendo un chisco de como é unha economía circular.

Ver contidos de Ciencias da Natureza e Ciencias Sociais mediante a investigación de como afectan os plásticos e microplásticos na nosa alimentación e saúde, así como a doutros animais, especialmente nos ecosistemas mariños. O aprendido reflectímolo mediante a creación de textos científicos e descritivos, que formaron parte da revista de divulgación científica, e en esculturas climáticas como esta, expostas no centro para a concienciación da contaminación mariña na comunidade educativa.

 

 

O alumnado de educación infantil agardaba os retos que chegaban nas postais da nosa mascota cada mes, para traballar sobre a cultura, tradicións e gastronomía, traballando a súa conciencia sobre as diferentes expresións culturais dos países propostos.

O alumnado entendeu a importancia das accións humanas no medio analizando as problemáticas que a mascota ía atopando na súa viaxe, animándonos a atopar solucións para mudar o rumbo do noso planeta mediante pequenas accións enmarcadas nos ODS, converténdose o alumnado de segundo e terceiro ciclo no chamado COMANDO CAMBIO, liderando as investigacións, expoñéndoas ao resto do centro e comezando a mudar pequenos hábitos no noso día a día (reciclando, creando compostoiros, buscando reducir o uso de plásticos no comedor escolar, aproveitar e rexeitar os residuos para as aulas, creando xogos con refugallo para o patio...)

Traballamos a economía circular e a economía creando un sistema monetario de noso no centro, baseándonos no euro para a súa elaboración, desenvolvendo deste xeito o seu espírito da iniciativa e emprendedor, xestionando as súas empresas, pagamentos e cobramentos mediante a creación dun banco, unha tenda sostible e unha empresa de seguridade.

As TIC foron fundamentais na investigación, busca e tratamento da información, así como empregando ferramentas de ofimática e de edición dixital como Canva para a creación e maquetación da revista medioambiental Toquiña preocupada polo mundo, que nos permitiu traballar, ao  mesmo tempo, a súa competencia lingüística nun contexto real.

Asemade, desenvolveron a súa competencia social e cívica mediante a posta en marcha dos patios dinámicos a través das empresas, como un xogo, e mediante a colaboración e o traballo en equipo, aprendendo a respectar as diferenzas á hora de acadar un consenso, e dotando pouco a pouco de ferramentas ao alumnado para a resolución dos conflitos que adoitan aparecer neste tipo de actividades, permitindo mellorar a convivencia no centro e nas aulas.

 

Produtos finais e avaliación

Todas as actividades foron encamiñadas á adquisición dos contidos, o desenvolvemento das competencias clave no alumnado, a inclusión, pero tamén a plasmar o traballo nun produto final que permitise valorar a consecución dos obxectivos propostos. Neste proxecto elaboráronse catro produtos finais ao longo de todo o curso escolar:

  • Revista medio ambiental Toquiña preocupada polo mundo.
  • Guía de viaxe Toquiña arredor do mundo.
  • Ecodocumental Un curso sendo máis sostibles.
  • Converter o centro nun museo onde as familias puideron gozar dunha exposición da man do alumnado, na que puxeron en valía todo o aprendido e todo o traballo realizado durante este curso escolar.

Conclusión

Puidemos comprobar os beneficios da investigación sobre temas da realidade que nós rodea, de incluír inquedanzas que cada día xorden nas aulas, mudando o proxecto se era necesario, tendo en conta os intereses que ían xurdindo no alumnado, e de derrubar as paredes das aulas e facer do centro un grande espazo de interacción e aprendizaxe.

A mellora das competencias clave do alumnado e da autonomía no traballo viuse reflectida ao longo de cada actividade, nunha maior actitude crítica e concienciación sobre as problemáticas que acontecen no  noso planeta, e sobre a nosa influencia sobre elas día tras día, así como na importancia do traballo en equipo para a consecución dos produtos finais, que podedes escanear a continuación para coñecer un pouco máis sobre este proxecto documental integrado.

 

eco-documental

revista
"Toquiña preocupada polo mundo"

guía de viaxe
"Toquiña arredor do mundo"

 

Dedicar este artigo ao esforzo e implicación dos profesores Silvia Serén, Javier Troitiño, Yohana Villarabide e Diego Fraga, piares fundamentais deste proxecto, que puxeron toda a súa profesionalidade e personalidade en cada unha das actividades, facendo posible a creación dun proxecto conxunto e inesquecible.

 

 

Sección: