Pintando bodegóns na escola

Flora Mato García
EEI de Donramiro (Lalín - Pontevedra)
floramato@edu.xunta.gal

 

 

Esta secuencia didáctica desenvolveuse na EEI de Donramiro ao longo do primeiro trimestre do curso 2021/22. Nela participaron 21 nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos.

Partindo de cadros de bodegóns de artistas galegos, fomos descubrindo e analizando os elementos que os compoñen, experimentando e explorando as súas posibilidades para chegar ao proceso de creación dun bodegón por parte do noso alumnado. As obras foron expostas e poxadas no Casino de Lalín e o recadado foi doado a unha asociación local que traballa con familias de distintas nacionalidades en risco de exclusión social.


Actividades

1. Fase de sensibilización. Nesta primeira fase documentámonos, precisamos ver moitas obras distintas para captar a estrutura dun bodegón. Analizamos e categorizamos os elementos que o compoñen. Traballamos con obras de Seoane, Maruja Mallo, Colmeiro, Barreiro, Maside e Carme Corredoira entre outros.

 

 

2. Escribímoslles unha nota ás familias explicando que precisabamos elementos presentes nos bodegóns categorizados en utensilios e alimentos típicos de outono (propios da estación na que nos atopabamos), e a aula encheuse de vasos, teteiras, mel, cabazas, millo…, polo que nos vimos na obriga de crear un espazo que albergase todo este material e que ademais nos permitise seguir traballando no noso proceso creativo. Quedou configurado do seguinte xeito:

  • Zona de exposición das obras dos e das artistas traballados.
  • Zona de materiais clasificados.
  • Mesa central para as composicións.
  • Zona de cabaletes para pintar desde as diferentes perspectivas

 

 

3. Comezamos o proceso creativo dos bodegóns. En grupos de catro alumnos e alumnas fixeron a súa propia composición elixindo elementos das distintas categorías e dispuxéronos sobre a mesa. A partir da observación da composición que lles servirá como modelo, cada neno e nena de xeito individual bosquexará primeiro con rotulador permanente. A continuación pintará con acuarelas o seu propio bodegón utilizando un lenzo de 40 x 50 como soporte.

 

 

4. Escritura espontánea con intención comunicativa e de xeito contextualizado do título para elaborar o tríptico que acompañará a nosa exposición.

 

 

5. Rematamos a secuencia coa exposición dos cadros do noso alumnado no Casino de Lalín. O recadado pola súa venda foi para a asociación local Carabelo, que traballa con familias de distintas nacionalidades en risco de exclusión social.

 

 

 

Sección: