Máis alá da perda auditiva

A diversidade como elemento enriquecedor das aulas, ferramenta que, ben empregada, non entende de límites, ao igual que as olladas dos pequenos e pequenas cando integran novas aprendizaxes.

Elena Álvarez,  Carolina Fernández, Alba Gorgoso e Sofía Pérez
CEIP Princesa de España (Verín-Ourense)
ealvarezso@edu.xunta.gal
carolina.fenandez.alvarez@edu.xunta.gal
agorgoso@edu.xunta.gal
sppuga@edu.xunta.gal

 

 

Desde o curso académico 2007/08, o CEIP Princesa de España de Verín vén traballando con alumnado con perda auditiva e, xa desde o 2011/12, conta coa figura dunha intérprete de lingua de signos (en diante ILSE). Nos seguintes anos, incorporouse máis alumnado xordo, un total de catro alumnos e alumnas para unha soa ILSE, o que resulta ineficaz. Ademais, esta necesidade vese incrementada debido ao contexto sociofamiliar desfavorecido do que proveñen, piar fundamental para a intervención con este alumnado.

A principal necesidade que manifesta o alumnado xordo ao comezar a súa escolarización é o acceso á comunicación, entendido como dereito fundamental e que vén da man da aprendizaxe da lingua de signos española (en diante LSE) como lingua natural das persoas xordas cuxo coñecemento ten implicacións fundamentais, como en calquera ser humano a súa lingua nai (estruturación do pensamento, acceso á información do contorno e do currículo, enriquecemento das relacións sociais etc.), que ninguén poría en dúbida nunha persoa oínte, pero que non é así no caso que nos ocupa.


Neste punto, hai varias cuestións fundamentais: a incorporación da figura da intérprete de lingua de signos para cada alumno ou alumna desde o inicio da escolarización (e manter a súa presenza en todas as etapas educativas), favorecer e levar á práctica a aprendizaxe da LSE de xeito real desde o seu comezo como lingua vehicular por parte de toda a comunidade educativa e fomentar a relación escola-familia, dándolle o valor que a LSE ten para o desenvolvemento das nenas e nenos xordos (a meirande parte deles nace en familias oíntes que a descoñecen, arredor do  90-95 %). De non teren este acceso á LSE, estariamos a falar dunha privación lingüística.

En calquera caso, é prioritario facilitarlle o acceso á LSE desde o principio (idealmente xa nos 3 primeiros anos de vida nas propias familias) e asegurar a entrada de información académica e social nesa lingua.

Por que o contorno máis próximo se volve tan fundamental? En calquera aprendizaxe, a estimulación e a implicación da familia é de suma importancia, e isto merece un acompañamento tanto desde o punto de vista médico inicial, onde aínda hai un enfoque oralista sobre o bilingüe (linguas territoriais/LSE), como  un compromiso do contorno para o correcto acceso á LSE desde equipos multidisciplinares.

Unha das principais barreiras que nos atopamos neste proceso é o acceso á lectoescritura por parte do alumnado xordo, non só pola deficiencia auditiva en si mesma senón por outros factores. Entres estes están a necesidade dun período de asimilación do contorno máis próximo (e iso leva o paso dun tempo crucial nestes primeiros anos), a metodoloxía de ensino-aprendizaxe da lingua escrita que cambia con respecto a como o fan os oíntes e a falta de formación específica dos equipos docentes, así como a non continuidade do profesorado duns cursos académicos para outros.

Pasos que nos levaron ata hoxe...
En canto á vida diaria no noso centro, houbo e hai temas centrais que favorecen o desenvolvemento persoal e académico en todas as súas vertentes: fomento da cooperación e traballo en equipo, coñecemento e expresión de emocións e difusión e sensibilización sobre a LSE, que grazas á diversidade presente no noso centro o traballamos como unha oportunidade, nunca como un atranco.

Concretamente, en canto á metodoloxía de traballo, destacamos que o acadado ata hoxe é froito directo dun proceso de ensaio-erro, xa que partiamos dunha situación nova para a maioría do equipo, que cada curso se renovaba. Chegamos á conclusión de que o xeito máis proveitoso de mostrarlle a información é a combinación visual de imaxe real+signo+palabra, xa fose en papel ou dixital ou directamente en vídeos signados (interpretados no colexio ou extraídos da rede).

Comezamos con material sinxelo maquetado por nós (vocabulario básico, sinalización dos espazos comúns do centro en LSE, obradoiros de lingua de signos para o alumnado e para o profesorado de xeito informal nun inicio e  posteriormente regulado) que foi enriquecéndose coa incorporación de material audiovisual signado (contos, receitas de cociña, entrevistas,  achegas das distintas materias, resumo de excursións, dramatizacións, debuxo como mediación  dalgún problema...,  colaboración entre diferentes cursos e mesmo con algunha familia…).

A sección de Verín do CFR de Verín facilitounos a formación en LSE nos últimos anos a través do PFPP A emoción de signar, o que favoreceu a súa expansión a todo o profesorado e isto axudou a mellorar as relacións co alumnado. Ademais, coñecemos as características das persoas xordas e a implicación que teñen no seu proceso de aprendizaxe. Esta formación xa debería incluírse nos estudos académicos universitarios, polo menos dos especialistas (AL e PT) e debería facerse extensible en xeral a toda a sociedade.

Exemplos de actividades levadas a cabo:

  • Dramatización  de problemas matemáticos.
  • Material audiovisual signado como porta de entrada dos contidos curriculares fóra do centro, como ferramenta de estudo, por exemplo, o Padlet.
  • Material adaptado manipulativo para achegar os contidos, sobre todo os máis abstractos nas áreas de ciencias, matemáticas.
  • Incorporación á biblioteca inclusiva do centro de contos, materiais da Fundación CNSE, dicionarios visuais, tarxetas de vocabulario; aínda que  nun principio atopamos pouco material adaptado no mercado para estas idades.
  • Elaboración de vídeos, aproveitando as actividades conmemorativas (25N, 14 de xuño: Día Nacional da LSE); a motivación intrínseca pola aprendizaxe da LSE por parte dos pequenos e pequenas do centro e que facilitou a rápida difusión e sensibilización de gran parte da comunidade educativa. Completa a experiencia que o propio alumnado xordo compartise as súas vivencias como persoas con perda auditiva e resolvese as dúbidas do resto dos compañeiros.

O traballo na aula ordinaria actualmente, parte da proposta de actividades de inclusión recollidas na actividade formativa que realizamos no centro.  Tendo como base a inclusión da alumna, a formulación das actividades será a accesibilidade, traballo en grupo e experiencias próximas.

Para a accesibilidade, o uso das TIC é fundamental. En concreto usamos o WhatsApp para que a alumna reciba os enlaces do material elaborado co Padlet, no que elaboramos vídeos en LSE de cada unidade. É un material no que predomina a entrada visual de información. Caemos na conta de que é un material que facilita a aprendizaxe e fixémolo extensible para todo o alumnado. Para o traballo grupal priorizamos actividades manipulativas e visuais tipo lapbook, flipbook etc.

Para as experiencias próximas, semanalmente realizamos unha saída pola localidade ou unha visita (virtual ou presencial) dunha profesional (veterinaria, enfermeira etc). A intención a curto prazo terá que ver coa lectoescritura, intentaremos un obradoiro de teatro no que traballar con toda a clase.


A modo de conclusión, sería desexable que se creasen prazas de atención preferente nos centros con este alumnado para así darlles continuidade aos especialistas. Do mesmo xeito, o profesorado debería de recibir unha formación intensiva no mes de setembro para resultar de maior proveito. Tamén sería importante a creación dun banco de recursos educativos accesible para os docentes da comunidade, de xeito que o traballo individual fose de utilidade para os demais. Non queremos rematar sen agradecerlles o seu traballo a todos os mestres e mestras implicados nesta viaxe, así como ás intérpretes que deixaron unha gran pegada neste alumnado e que permitiron as aprendizaxes acadadas ata os tempos actuais. Grazas!

 

Sección: