Escola sen paredes
Alicia Tojeiro Ríos
CEIP Isidro Parga Pondal (Oleiros - A Coruña)
aliciatoji@edu.xunta.ga
Unha escola sen paredes pode parecer un título un tanto irreal para ser real, imposible para ser posible ou ser tan desconcertante que faga que agora mesmo sigas querendo ler este artigo. Mesmo para outros, unha escola sen paredes é… un soño!
O proxecto que vou contar aconteceu inicialmente dentro dunha aula de terceiro de primaria, con 25 nenos e nenas, do CEIP Isidro Parga Pondal en Oleiros, unha vila próxima á Coruña, onde, como se por arte de maxia se tratase, un día as paredes desapareceron.
Escola sen paredes trabállase no marco dos proxectos de formación de profesorado de aprendizaxe por proxectos en primaria, o voluntariado miúdo e a incorporación de novas ferramentas tecnolóxicas nas aulas.
Son mestra e imaxino unha escola diferente, na que a educación do saber vai acompañada da educación do ser. Busco preparar o meu alumnado para o futuro, pero o futuro é cambiante e incerto. De feito, aconteceu que chegou un becho, a covid, que nunca esqueceremos. Fíxoo para obrigarnos a parar, pensar e reflexionar. De súpeto, ese futuro incerto converteuse no presente. E puiden ver que o respecto, a solidariedade e a empatía non entendían de barreiras e que a humanidade nunca poderá xa vivir sen tenderlle a man á tecnoloxía. Estas son as reflexións que lle dan orixe ao noso proxecto aprendizaxe-servizo «Os limpamundos internacional», a unha escola sen barreiras onde podes aprender desde calquera sitio (non só a escola) e en calquera momento, procurando, pois, unha escola máis aberta e humana onde se comparten o coñecemento e as emocións.
Limpamundos podes estar a pensar. Por que? Porque se dedican a LIMPAR todo o que non lles gusta do seu MUNDO. Eles son alumnos críticos e construtivos que toman decisións e adoptan propostas creativas e diferentes nos centros e quérenas compartir.
Deste xeito, hai uns anos, ao regreso do patio comeza a acción «Por un mundo mellor» desde as paredes dunha aula e pouco a pouco conseguen deixar pegada na súa comunidade máis próxima e afastada ao cruzar océanos sen barcos nin avións. Aconteceu que, cando tocou o timbre para regresar ás clases, o patio estaba cheo de papeis espallados polo chan. Un escenario desastroso. Tiña que facer algo. Saímos ao patio e pregunteilles que pensaban do acontecido. A resposta foi unánime: «Profe, isto non nos gusta, temos que arranxalo».
Moitas foron as actividades que tiveron lugar nos meses posteriores: aprender sobre a reciclaxe de expertos, falar dos efectos da contaminación no planeta, desenvolver un «uniforme» de traballo para patrullar os recreos na procura do lixo, escribirlles cartas aos cativos maiores pedíndolles que nos apadriñasen e nos axudasen na tarefa, participación das familias para concienciar sobre a problemática elaborando esculturas con plástico, propoñerlles accións concretas a outros centros do concello, entre outras.
O que comezou co plástico e a acción dos nenos na súa comunidade continuou con outros proxectos que seguiron a «limpar»: traballar xuntos polos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable establecidos pola ONU na súa Axenda 2030.
Estas son algunhas das nosas accións compartidas internacionalmente:
Non deixarei de buscarte. A historia de Quin
A través deste conto sobre un canciño adoptado, a hora de lingua vólvese emocionante.
Grandes reflexións en asembleas e debates sobre valores como a resistencia, o respecto e o coidado dos animais buscarán levar á aula a fin do maltrato animal. A maxia continúa o día que Quin vén á clase e os nenos cosen mantas coa axuda das familias para lle entregar á protectora de Lugo.
Xogar para pensar máis e mellor: por unha educación de calidade
Querer amosar que aprendemos xogando levou os cativos a deseñar catro xogos cos que poder traballar as funcións executivas. Deste xeito, coa colaboración de Anhida e Crecer Creando, xorden catro xogos para o desenvolvemento da xestión do tempo, a fixación de obxectivos, a flexibilidade cognitiva e a organización e planificación. Ao mesmo tempo, mestúranse con contidos curriculares como o universo, as unidades de tempo, os tipos de textos e as plantas. Xogos que podes atopar (de acceso libre e gratuíto) na páxina de Crecer Creando, para servir como recursos educativos para todos.
Conferencias internacionais dos limpamundos
Alianzas para acadar os obxectivos. Escolas do Perú, México, Chile, Colombia, A Arxentina, O Senegal e España únense ao grupo limpamundos os sábados desde xaneiro ata a abril para permitirlles aos nenos compartir proxectos relacionados cos ODS. Os pequenos convértense en mestres. Ao mesmo tempo, expertos enriquecen os contidos.
Por que traballar así?
Eu penso que aprender facendo en conexión con aprender escoitando son as mellores formas de aprender para a vida, hoxe e mañá. Este é o camiño que vai permitir desenvolver nos cativos competencias como a lingüística, mediante a escritura de textos, as argumentacións e os debates orais; a competencia social, traballando en equipo, sendo solidarios e empáticos; a competencia dixital, co emprego de ferramentas tecnolóxicas para a comunicación e a representación de información; o sentido de iniciativa e espírito emprendedor, na procura de solucións e a toma de decisións e, por último, aprender a aprender tomando conciencia das propias necesidades de aprendizaxe.
Pero o desenvolvemento das competencias nas aulas require de docentes que coiden a súa metodoloxía. Así, nestes casos a aprendizaxe é motivadora; non hai teito de contidos para aprender, cada un pode ir ata onde queira ao longo do proxecto; non hai educación sen comunidade; a educación debe servir para transformar o mundo, para melloralo; o clima será cálido e acolledor, coidando de que todos os nenos queiran estar alí; eu encárgome de xerar conflitos, motivar... e os estudantes investigan, propoñen actividades, comparten as súas investigacións, ensinan os compañeiros, danlles solucións aos problemas da aula; traballo coa realidade e pola realidade; todos os alumnos teñen algo que achegar. Somos un equipo diverso e iso é enriquecedor.
Preparemos os nenos para a sociedade que queremos. E agora… Quererías ser ti tamén un limpa-mundos? Xuntos por un mundo mellor!