O virus das emocións no IES Xesús Taboada Chivite

Traballando a intelixencia emocional en tempos de pandemia
O virus das emocións no IES Xesús Taboada Chivite é unha resposta educativa á situación ocasionada pola pandemia da covid-19. Conscientes da necesidade de favorecer unha educación emocional e seguindo a traxectoria iniciada xa hai uns anos, durante este curso escolar 2020/21 decidimos facer fronte á situación actual co noso propio virus, o das emocións, para coñecelas, comprendelas e xestionalas en beneficio persoal e social.

Lucía Rúa López e Josefa Pérez Rolán
IES Xesús Taboada Chivite (Verín - Ourense)
luciarua@edu.xunta.gal
jprolan@edu.xunta.ga

 

 

Na actualidade temos claro que as emocións teñen unha influencia determinante no desenvolvemento das persoas, polo que, se ensinamos o alumnado a identificar e xestionar as emocións, ensinarémoslle, pola súa vez, a integrarse de forma máis saudable na sociedade.

Esta é unha das razóns polas que os centros educativos deben asumir a función de «educar» desde unha perspectiva ampla, garantindo o fin último da educación, que é favorecer o desenvolvemento integral do alumnado, é dicir, abarcando un amplo campo de capacidades, contidos, habilidades, destrezas e tamén competencias, sobre todo no momento actual que vive o noso alumnado tras a aparición da covid-19. Debemos asumir contidos importantes e facelos inherentes ao noso currículo, tales como a empatía, a resiliencia, o traballo en equipo, a capacidade de adaptación, a solidariedade ou a intelixencia emocional entre outros aspectos esenciais para a nosa sociedade, xa que, se o pensamos, poden chegar a ser moito máis necesarios que outro tipo de contidos que en menos dun ano esquecerán e, sobre todo, non lles axudarán a ser máis felices.
O noso centro educativo pretende compatibilizar esta función ampla de formar e educar e así o vimos facendo nos últimos cursos escolares. Desde hai anos o centro leva a cabo programas e proxectos que favorecen unha educación emocional como:

O Programa ChiviTEI de titoría entre iguais co alumnado de terceiro da ESO exercendo de titor do alumnado de primeiro da ESO para favorecer a súa acollida e integración, que se complementa con actividades conxuntas que tratan a inclusión, a autoestima ou as habilidades sociais. Estas actividades son creadas polo propio profesorado do centro a través dun grupo de traballo que forma parte do PFPP (Plan de formación permanente do profesorado). Dentro das actividades creadas salientamos «A primeira marabilla do mundo», onde tiñan que simular o que había dentro dunha pequena caixa e onde finalmente atoparían un espello que reflectiría a súa imaxe, e así con moitas outras actividades, xogos, vídeos ou debates, sempre elaboradas tendo en conta a filosofía DEA (deseño emocional da aprendizaxe).


O contrato-programa Iguála-T, para favorecer a igualdade desde un punto de vista aberto a diferentes realidades afectivo-sexuais, culturais, étnicas ou de xénero. Todas as actividades deste eido pretenden sensibilizar desde a emoción e non confrontación e poden verse no blog creado ao respecto 


Os programas do Erasmus+ nos que, a través de dous proxectos, pretendemos difundir a importancia de compartir experiencias e aprender con e dos demais. Un dos proxectos, co título Sharing4caring: My school, agent of solidarity, céntrase en favorecer a mobilidade do alumnado traballando a integración da diversidade. E por outro lado, o proxecto centrado na mobilidade do profesorado que abarca unha formación inclusiva e novas metodoloxías e que leva por título Open2diversity (hipervínculo aquí, https://erasmuschivite1.blogspot.com).

Outras iniciativas que se levan a cabo son:

As actividades do equipo da biblioteca que impulsan diferentes valores ao longo do curso e conmemoran datas sinaladas para o noso centro, como o 8 de abril, Día Internacional do Pobo Xitano 
Radiochivite, que promove a difusión de temáticas importantes e no que o alumnado é o protagonista e ten un papel moi activo coa súa participación directa.

As actividades promovidas polo EDLG, que fomentan o uso da lingua galega traballa temáticas moi humanas. 

Este curso escolar 2020/21, debido á situación vivida desde o 14 de marzo do 2020, consideramos que era o noso deber atender o momento sensible e cheo de incerteza que estabamos a vivir, onde as emocións debían liberarse para poder coñecelas, comprendelas, controlalas e poder xestionalas en beneficio persoal e social. Por iso, decidimos contrarrestar co noso propio virus, o virus das emocións, que pretende intensificar o noso labor; é dicir, ademais de seguir co que estabamos facendo, ampliamos o noso abano apostando por outros proxectos e iniciativas que traballan de forma máis directa a educación emocional:

O contrato-programa Con-vive, onde se traballa a convivencia a través de múltiples actividades, entre as que destaca lectura conxunta e compartida do libro Invisible de Eloy Moreno sobre o acoso escolar e que serviu para que florecesen moitos sentimentos encontrados e realidades moi próximas. Dentro do Con-vive tamén tivemos a sorte de que unha exalumna fixese no centro o seu traballo fin de grao abordando as emocións a través da arte e o alumnado puido expresarse e representar as súas emocións a través dunha exposición: «EmociónaTe». 

A nosa aula de convivencia está en proceso de reconstrución con base nunha filosofía emocional. Imos creando pouco a pouco un espazo no que o alumnado se sinta acollido. Este curso a idea estrela foi a «Roda das emocións», un mural grande que axuda o alumnado a situarse emocionalmente, porque nese mar de emocións debemos reflexionar sobre o que sentimos para logo analizar as causas e as posibles accións.

Roda das emocións na aula de convivencia


Tamén houbo actividades promovidas polo equipo de dinamización da lingua galega, que este ano puxo o acento na importancia das persoas maiores na nosa sociedade e que nun centro coma o noso derivou en fermosas manifestacións por parte do alumnado: fotografías, anécdotas, vídeos das súas avoas e dos seus avós... sacando as emocións do alumnado nun ano tan duro onde moitos maiores xa non poden compartir as nosas experiencias.

Imaxe gañadora do concurso: Chegando a Ítaca


Neste curso, entre as actuacións máis representativas para traballar a educación emocional debemos situar nun lugar relevante o programa Educación responsable: programa para o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade; un proxecto educativo en colaboración coa Fundación Botín, que tamén promove a comunicación e mellora da convivencia nos centros docentes a partir do traballo co profesorado, alumnado e familias. Co programa ER estamos aprendendo moito e consideramos que, a pesar do intenso e esgotador traballo que supón, está sendo moi gratificante tanto profesionalmente como persoalmente. Abordaremos algúns aspectos do programa que axudaron a difundir a pandemia do virus das emocións:

O programa ER comezou cunha formación docente onde valoramos a importancia de estar ben con nós mesmos para poder transmitir esa afectividade. A formación impartida polo psicólogo Ismael Villar fíxonos recoñecer que os medos e as frustracións docentes son compartidas entre nós e que sentirnos así nos fai ser humanos e sobre todo individuos emocionalmente vivos.

O programa ER céntrase cada trimestre nunha temática:

No primeiro trimestre abordamos a literatura e as emocións co alumnado de primeiro da ESO que, a través da lectura dun libro, reflexionou sobre as ansias de liberdade que se teñen a certas idades en contraposición cos sentimentos de morriña, soidade, apego familiar... creando un caderno de bitácora das emocións. 

No segundo trimestre traballouse o proxecto ReflexArte co alumnado de terceiro da ESO onde a través da arte moderna se realizas unha viaxe ás emocións, neste curso focalizada na fotografía, na arquitectura e nos olores. A través das fotografías do seu refuxio no fogar, tiveron que rememorar emocións, particularmente vividas no confinamento e onde salientou entre todas a emoción de calma, tranquilidade, serenidade... como a emoción máis desexada entre o alumnado. [Foto 3, AQUÍ] Creación do alumnado no proxecto ReflexArte

No terceiro trimestre abordarase o coro das emocións que levará a cabo o profesor de Música e membro do equipo de ER. 
O programa compleméntase de forma transversal cun banco de ferramentas que promove actividades que traballan ámbitos da intelixencia emocional, co que se obteñen iniciativas como unha ovación pública a alumnos/as da clase por parte dos seus propios compañeiros/as, actividades centradas en tabús adolescentes que axudan a exteriorizar os seus sentimentos e segredos, vídeos sobre a empatía, o traballo en equipo ou a capacidade de superación. 

Neste momento do curso consideramos que foi un acerto este virus das emocións porque no noso centro, e posiblemente na maioría, a nosa xente miúda está a vivir unha  auténtica revolución das emocións, que rebrotan, saltan e caen sen control. 
Por iso, nestes tempos tan incertos, a escola non debe desconectarse do que pasa na sociedade, aínda que non o recolla o currículo. Recordando a Quino nas viñetas de Mafalda:  «Como siempre: lo urgente no deja tiempo para lo importante».

Viñeta de Mafalda

Sección: