De karlos el travieso a Adolfo pero non golfo
Miguel Abraira Pérez
IES San Paio (Tui - Pontevedra)
A guía sinalou o sorriso burlón do profeta e todos sorriron con el, cativados pola espectacularidade dun pórtico que parecía latexar tras a última restauración. Semellaba que en calquera momento escoitariamos os vinte e catro músicos iniciando o seu concerto celestial. Ata que de súpeto, diiing!, un son mundano rachou aquela maxia e a luz azul dunha pantalla de móbil iluminou a estancia, e logo unha segunda e unha terceira. Os rapaces comezaron a precipitarse e amorearse arredor delas, como avelaíñas atraídas por unha luz no medio da noite. «Profe, suspéndense as clases!», espetaron incrédulos, como pedindo explicacións. Ao fondo, a moza que nos guiaba volveu a cabeza cara ao arco da dereita. Era o do Xuízo Final. Enormes bocas devoraban as persoas a pares.
Contextualización
Na semana seguinte daquel 12 de marzo de 2020, vin como aqueles 52 alumnos de segundo de bacharelato aos que levaba todo o curso dándolles clases de Historia de España descubrían para as súas vidas o significado real de conceptos como pandemia, confinamento, estado de alarma... e, por suposto, clases non presenciais, mentres o profesorado, superado polas circunstancias, desataba unha avalancha dixital de tarefas, en xeral mecánicas e pouco estimulantes («deberes», no seu sentido máis rudo) sobre un alumnado máis só, desarmado e perplexo que nunca.
Sentín que algo fallaba e que unha situación tan fría e anómala como a que estaban vivindo requiría de respostas novas. Algo cálido e insólito. Así que na segunda semana empecei a armar un reto, a organizalo e a preparar todos os pasos para sorprendelos... e para motivalos a sorprender.
Obxectivos
Este reto debía cumprir unha serie de requisitos, que funcionaron como primeiros obxectivos:
- Resultar creativo, informal e motivante.
- Demandar repasar, investigar, empatizar e elaborar algo novo a partir do coñecido.
- Facelos sorrir, aprender e tamén ensinar a historia na súa rede social de referencia sen apenas decatarse de que o estaban facendo, desde a motivación e o entretemento.
- Conectar co seu ocio e a súa forma máis habitual de relacionarse, nun tempo, precisamente, de frío distanciamento social para todos.
- Servir, por último, eficazmente á finalidade da materia que lles ensino. É dicir, descubrir e asimilar a historia de España, como se a vivisen, como se lles afectase persoalmente, como se fosen parte dela.
Recursos e descrición da actividade
O soporte sería, como non, Instagram, a «súa» rede social; un medio que todos dominabamos e tiñamos ao noso alcance pois todos eles dispoñían xa dunha conta, así como dun smartphone con acceso á rede. Iamos converter o seu ocio en recurso.
Cada alumno escolleu un personaxe de entre os 57 que eu preseleccionara da historia contemporánea de España (séculos XIX e XX, onde máis se detén o temario da materia) e que lles acheguei por medio dunha táboa nun arquivo editable compartido: Napoleón, Godoy, Goya, Fernando VII, Don Carlos, Isabel II, Espartero, Amadeo de Saboya, Cánovas, Concepción Arenal, Afonso XIII, o xeneral Picasso, Azaña, Clara Campoamor, Millán Astray, Unamuno, Dolores Ibárruri, Adolfo Suárez... e así ata 57. Unha vez elixido o seu, cada un encargaríase de crear e de usar a conta de Instagram que ese personaxe tería se na súa época existise esa rede social. Que nome usaría? Que foto de perfil? Que diría a descrición da súa biografía? Usaría emojis? Poñería unha localización, unha ligazón ou de quen ou que ideas era seareiro? A quen seguiría? Que publicaría? A quen mencionaría?...
Durante a videoconferencia para explicar o reto, acolleuse calquera idea que servise para darlle credibilidade, vida propia e impacto. Así, decidimos que canto máis ocorrentes e atrevidos fosen, máis nos ririamos e quereriamos saber dese personaxe; non queriamos unha wikipedia, queriamos o salseo de poder seguir un personaxe histórico, coas súas teimas, fobias, ideas e ata cambios de humor. E como dicilo é máis fácil que facelo, dei un paso adiante: para servir de guía ou referencia e, pola súa vez, poder mover, mencionar, relacionar e dar difusión a todo o proxecto, eu mesmo me encarguei dun dos personaxes, asumindo cada unha das normas; para ensinar, motivar e axudar desde dentro.
Por suposto, foron necesarias unha serie de normas ou pasos que todos os perfís creados (case todos con nomes enxeñosos) debían cumprir, a través dun mínimo de cinco publicacións. Todas elas debían constar de:
• Unha imaxe (ou varias; Instagram permite ata 10 por publicación).
• Un texto acompañándoa, no que o personaxe falase sobre si mesmo, sobre as súas ideas ou sobre algún dos feitos que lle tocou vivir, sempre segundo a súa forma de ser ou pensar. Isto obrigaba o alumnado a un estudo do personaxe: da súa vida, as súas relacións, o seu legado ou o contexto histórico no que lle tocou vivir. Había que sabelo todo del ou dela, para empatizar e falar como se realmente fosen esa persoa.
• Mención cunha @ diante a, como mínimo, outros dous personaxes da listaxe, de tal modo que ao ser mencionados se xerou un frenético cruzamento de declaracións, respostas e alusións. Para que todos puidesen coñecer a conta de Instagram de cada personaxe, mantiven o documento compartido no que cada un deles se anotara e escribira o nome da conta creada. Por exemplo, eu, que era Godoy (o controvertido valido de Carlos IV), abrín unha conta para el chamada @soygodoyyalareinaledoy, e calquera podía atopala consultando ese documento. Ao cabo de dous días, xa nos seguíamos todos entre nós... e empezabamos a ter ducias de seguidores externos que celebraban o que publicabamos.
• Finalmente, cada unha desas publicacións debía incluír a etiqueta ou hashtag #HistoriadeEspañaenInstagram, o que nos permitiría atopalas todas xuntas alí.
Deste modo, xerouse de maneira inmediata toda a trama de relacións e interaccións habituais en Instagram, con personaxes aludíndose, etiquetándose e fiando conversas continuamente, en especial aqueles coetáneos ou máis próximos no cronolóxico ou con vínculos claros entre eles.
Concedemos 10 días para levalo a cabo (desde o xoves 26 de marzo ao domingo 5 de abril, ambos incluídos), un prazo o suficientemente amplo como para evitar que alguén o publicase todo xunto e de maneira artificiosa. Debía ser crible e esa credibilidade ía en gran parte na forma de usar a rede, que debía ser actual a pesar de facerse con personaxes doutro tempo. Nese sentido, por idade e costume de uso nesta rede nos rapaces de 17-18 anos, era unha aposta gañada de antemán. Do mesmo xeito, fixamos un prazo o suficientemente curto como para que ninguén tivese tempo de esgotar o seu personaxe ou de chegar a cansarse do reto.
Sorpresa: directo en televisión!
Durante eses días, levei a cabo un control de todo o que se ía publicando (algo que resultou fácil, xa que ao ser eu un dos personaxes todos empezaron a seguirme), deixando moita liberdade para que sentisen que, en efecto, podían ser todo o ousados e creativos que forna animados a ser. O meu rol e tarefa, máis alá de publicar como un deses personaxes históricos, centrouse en comprobar que as publicacións fosen cumprindo as normas e funcionando na práctica coa orixinalidade agardada, pero tamén en interaccionar a fondo con cada unha das publicacións, compartíndoas fóra dese círculo e entre os meus propios seguidores (e estes, pola súa vez, cos seus). Esta difusión acabou chegando moito máis lonxe do que agardabamos, ao suscitar o interese dun programa da Televisión de Galicia, que solicitou entrevistarme en directo (e, como non, por videoconferencia) para explicar o que presentaron como unha experiencia innovadora en tempos particularmente difíciles. Mentres eu falaba, amosaban en pantalla o traballo dos rapaces, expectantes e orgullosos nas casas.
Avaliación
«Vouvos ser sincero: isto pode saír incrible... ou pode saír de pena. Depende de vós». Foi o que lles dixen o día que expliquei a actividade; percibía ben que a idea lles gustaba e se estaban emocionando con ela, pero non quería enganalos: todo dependía da súa implicación á hora de cumprir as normas e de intentar lograr o matiz provocador, pero documentado que buscabamos. Cumpriron?
Dende o mesmo inicio, os resultados foron espectaculares, especialmente en canto ao nivel de motivación do alumnado e de identificación e empatía co personaxe elixido. Falando en primeira persoa, como se fosen esa persoa, o alumnado comezou a usar con total normalidade conceptos complexos e propios da materia (pronunciamento, espadón, carlista, rifeño, isabelino, anarquista...), en todos os contextos posibles (guerras, monarquía, ditadura, república, transición), incorporando expresións propias daquel tempo e personaxes («cirurxián de ferro», «requeté», «pucheirazo»...) e incluso permitíndose xogar coa temporalidade ao incorporar elementos diacrónicos para lograr facer máis actual e comprensible un personaxe que, sempre, era doutro tempo. Os alumnos estaban tan motivados que:
• Explotaban a fondo todas as posibilidades de Instagram (describían o personaxe con enxeñosos perfís, publicaban máis post dos acordados, usaban as historias —publicacións máis dinámicas, que se esvaecen pasadas 24 horas—, facían memes para ridiculizar os seus inimigos, houbo ata directos (emisións de vídeo en directo), e enviábanse mensaxes privadas sen saírse do personaxe!.
• Levaban ese rol a todos os terreos, incluso nas mensaxes de WhatsApp entre eles, algunhas das cales me enviaron para que vise ata que punto estaban emocionados e entregados á tarefa.
• Durante as correccións que lles facía cando publicaban («usa puntos e á parte», «non esquezas poñer comas»...), había personaxes que me «troleaban», como @unam1 (Unamuno), cando contestou ao meu intento de corrixilo cun «El grande de las Letras soy yo... pero bueno, le haré caso».
• E algúns dábanme as grazas con mensaxes na propia rede social por propoñerlles este reto («entrar en la cuenta es como estar en una realidad paralela», «nos hace más ilusión entrar en estas cuentas que en las nuestras», «has conseguido lo inimaginable: alumnos disfrutando de aprender materia de clase!?»...). Dalgunha maneira, sentín que, á nosa maneira, estabamos facendo historia.
Reaccións públicas á actividade do alumnado
Para avaliar o que estaban facendo, tanto en tempo real como de maneira sumativa, deseñei unha táboa a modo de rúbrica, para poder valorar o grao de consecución dos obxectivos, tanto nos aspectos formais (cumpre as normas?) como concretos da materia (manexa conceptos axeitados?, mantense fiel ao contexto histórico?...), como tamén á hora de traballar as seis competencias básicas que este reto nos permitía desenvolver: comunicación lingüística, dixital, aprender a aprender, social e cívica, sentido da iniciativa, e conciencia e expresión cultural. En total, oito criterios que se valoraban do 1 ao 5. Así valorei (en verde) cada un deses criterios nun dos perfís de Instagram creado por unha alumna, o do tipógrafo ferrolán Pablo Iglesias, fundador do PSOE.
Ver rúbrica no arquivo adxunto.
A oportunidade do desenlace
Cando as tiven avaliadas todas, envieille as rúbricas a cada alumno para que puidesen ver a súa valoración e elaborei un vídeo con música para comunicarlles dun xeito orixinal a todos (os alumnos e as moitas persoas que se uniran para seguir na rede o que estaban facendo) cales foran os cinco personaxes gañadores, os que obtiveran os 40 puntos. Quedei tan marabillado polo seu traballo que, máis alá dunha recompensa na nota, quixen ter un detalle con eles. Escollín as dúas mellores publicacións de cada un deses gañadores e impriminas en papel fotográfico e formato polaroid. Por detrás, escribinlles algo a modo de recoñecemento cómplice. Todas acababan igual: «Xuño de 2020. Do ano en que convertemos o problema dun encerro forzado nunha oportunidade de aprender doutro modo». Que menos, despois de tanta complicidade e ilusión. Esta historia podería acabar aquí. Pero, seis meses despois daquilo sucedeu algo que me sorprendeu e me convenceu do impacto que esta actividade tivera sobre eles. Recibín unha mensaxe dun daqueles alumnos gañadores, o que levara o personaxe de Adolfo Suárez, entón xa en Compostela como universitario. A mensaxe era unha fotografía da foto polaroid que eu lle dera. Detrás víase o claustro da Facultade de Historia. Reprodúzoa aquí co seu permiso, porque non pode haber outro punto final a este artigo. A experiencia a proba da covid.
Ligazóns á experiencia e conclusións
Esta ligazón leva á primeira das publicacións que fixen na miña conta profesional de Instagram, compartindo e dando saída ao reto a todo o que facían os rapaces relacionado con el. As catro seguintes tamén gardan relación co proxecto.
Nesta outra, pódense ver as máis de 200 historias destacadas, case todas capturas do que ía acontecendo neses dez días que durou o reto. Están ordenadas cronoloxicamente, de máis antigo a máis recente, e transmiten moi ben a motivación, empatía e profundidade lograda polos alumnos, non só desde o punto de vista histórico e didáctico, senón incluso cun ton acorde coa rede social que nos serviu de soporte e estímulo. Un simple móbil e unha rede social a priori pouco pedagóxica foron os únicos recursos para entusiasmar e mover un alumnado angustiado a aprender e ensinar Historia, chamando a atención das familias, profesorado e persoas alleas que descubrían a actividade, nun momento de alarma e confinamento. Sen tarefas repetitivas e mecánicas.