Habitar o espazo educativo no CPI Manuel Suárez Marquier

Unha reflexión desde o confinamento
O alumnado, as familias e un profesorado ben formado son o motor da transformación, a través de procesos participativos, dos espazos do CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal). Reflexión, desde o confinamento durante a pandemia do COVID-19, sobre como habitar o espazo educativo, facéndoo diverso, significante e educativo.

Elena Gómez Dahlgren
elenagomez@edu.xunta.es / pezpie@gmail.com
@elenagdahlgren / @_mat.arte_ / @proyectovia

 

 

A 29 días do decreto do estado de alarma polo COVID-19, comecei a escribir este texto cun estilo teórico e formal. Aínda que o meu confinamento no rural galego é privilexiado, e así é o da maioría do alumnado do noso centro, a situación que estamos a vivir faime pensar con nostalxia: o espazo educativo mudou da realidade física e tanxible a unha realidade virtual. Botamos de menos un colexio que está agora baleiro, á espera do noso regreso ás aulas. Semella un bo momento para a reflexión, mais non son quen de facela sen deixar translucir a parte máis emocional do noso traballo.

O colexio

O CPI Manuel Suárez Marquier, coñecido popularmente como o Cole da Mata, sitúase na esquina máis sur da provincia de Pontevedra, mirando a Portugal (concello do Rosal, Baixo Miño). O contexto é rural e presenta un nivel socioeconómico medio-baixo, cun alumnado amable e participativo, reflexo da implicación das familias na súa educación. A convivencia no centro de educación primaria e secundaria favorece un ensino interdisciplinario e globalizado, familiar e próximo, no que unhas etapas se nutren das outras. 

O municipio pode presumir dun microclima cálido, dunha paisaxe fermosa, produtora de viños e outras delicias gastronómicas, pero tamén dunha destacable cultura musical (a banda) e deportiva (atletismo, remo ou balonmán). O noso alumnado, aínda que participa nesa cultura, é moi diverso en relación coas necesidades educativas que presenta e coas súas oportunidades. O colexio é, por isto e tamén pola distancia coas urbes máis próximas, un centro neurálxico de cultura, formación e apertura ao mundo, que substitúe moitas das ofertas presentes nas cidades (cine, concertos, teatro e viaxes culturais) e que procura establecer vías para combater as desigualdades a todos os niveis. A preocupación polo desenvolvemento axeitado do potencial do noso alumnado fai que a atención á diversidade sexa unha prioridade para nós, e desa preocupación xorde o proxecto de transformación dos espazos do noso centro.

O edificio e o patio escolar

O centro foi creado no curso 1978/79, nunha zona pouco poboada preto da capitalidade do municipio. Rodéano zonas de monte e terras de labradíos e as comunicacións por estrada son boas. Deu acollida ao alumnado de EXB e, desde a reforma da lei, ao alumnado de educación primaria e secundaria obrigatoria do concello do Rosal e, na ESO, ao alumnado do concello de Oia, escolarizado na etapa anterior no CEIP Refoxos.

O edificio foi construído, como moitas escolas, con poucas concesións á estética e ao deseño. O gris é a cor dominante. Con todo, o espazo é amplo e luminoso dabondo, con dous patios interiores (un con zona de xardín, e outro pavimentado con tenis de mesa) e un acceso cuberto. Presenta un aspecto coidado, grazas ao traballo do persoal non docente e docente, e ao respecto xeneralizado das nosas rapazas e rapaces. Temos unha biblioteca que é a zona máis agarimada do centro, cun equipo dinamizador activo, dous pavillóns (primaria e secundaria), campo exterior de deportes e un espazo exterior que máis adiante describirei con detalle. 

A planta inferior acolle as aulas de educación primaria, administración, algúns departamentos, como o de orientación, sala do profesorado, biblioteca e aulas específicas de secundaria para as materias de Tecnoloxía e Plástica. No piso superior están o resto das aulas de educación secundaria, a sala de gardas, a radio (avozdamata) e outros departamentos. Hai tres anos, as inquedanzas do claustro materializáronse na creación de aulas materia en secundaria, transformación que veu ser outro punto de inflexión na transformación xeral do espazo de todo o colexio.

O patio

Os pavillóns de deportes, especialmente o de primaria, dividen o patio escolar en dúas áreas, definidas tamén polo seu uso. A parte rodeada polo edificio central e o pavillón de primaria é a destinada ao recreo de secundaria. Está pavimentada na súa totalidade, con apenas unhas árbores nun lateral. É a única e escasa zona cuberta de todo o centro. A pista de fútbol sala, rodeada cun valo metálico, e outra zona con pistas de atletismo e canastras de baloncesto determinan o percorrido do alumnado de secundaria no recreo: os que xogan ao fútbol ou ao baloncesto (maioría de nenos) e as que dan voltas ao redor das pistas (maioría de nenas).

Tras o pavillón de primaria e co pavillón de secundaria nun lateral, atopamos a zona de recreo de educación primaria: un descampado de xabre que aínda conserva as porterías do seu uso como campo de fútbol 11, baleiro ata o fondo, onde un marabilloso e escaso bosque de diferentes árbores acolle o areeiro, unhas mesas e bancadas e pouco máis.

 

 

De decorar a repensar

A palabra que me ven á cabeza ao pensar neste proxecto é «interminable». Porén, vou intentar matizala ou, polo menos, ser algo máis descritiva: as transformacións no noso centro son un proceso continuo, aberto e, o máis importante, froito dunha profunda reflexión conxunta de toda a comunidade educativa, na que o papel do alumnado e das familias é fundamental. 

Hai anos, a reforma da biblioteca, que pasou a ser un dos motores dinamizadores do centro, formou a moito profesorado no traballo en equipo e a min persoalmente, na implicación co centro máis aló da simple docencia. Por outra banda, unha das debilidades dalgunhas profesoras de Plástica son as paredes baleiras ou en mal estado. Isto, acompañado do apoio e a confianza do resto do claustro, e mesturado coa participación (máis ou menos) incondicional do alumnado, favoreceu o florecemento de murais e outras intervencións no microclima marabilloso do Rosal, florecemento que, literalmente, se tornou selva coa creación das aulas materia en secundaria no curso 2017/18 (no seguinte enlace podedes ver o vídeo, feito polo alumnado de Plástica, do proceso deste mural.

E xa non paramos: píntanse as portas de cada aula con retratos de mulleres destacadas nos diferentes ámbitos do coñecemento, fanse murais temáticos nas aulas e colócanse frases célebres nas escaleiras. Redecóranse e reorganízanse moitos espazos interiores do centro, instálanse os estoxos do alumnado, a antiga cociña muda a laboratorio de ciencias para primaria e trabállase na mellora da biblioteca grazas á concesión do Plan LIA-2. Literalmente, unha toleada.

Agora ben, estes cambios non poden ser acometidos sen formación específica, e esta percepción, ao meu regreso dun congreso sobre dispositivos e espazos educacionais en arquitectura (Porto, maio de 2017, ludicarquitecture, decídenos a formar o grupo de traballo.

 

 

Quen, que, para que, cando, como e con que?

A arquitecta Carmen Cerezo, que con Emilio Velilla forma o colectivo La Casa de Tomasa, fixo o primeiro taller participativo con primeiro da ESO. Co habitual entusiasmo do alumnado cando as clases non semellan clases (non esquecer isto debería ser decreto lei na educación), exploraron, sinalaron e analizaron unha pequena parte do cole, e prepararon maquetas coas súas propostas, insistindo nunha: bancadas para sentarse (menciónoa porque é a petición máis repetida, algo tan sinxelo e non o tiñamos). 

O camiño estaba marcado e formouse así o grupo de traballo Habitar o espazo educativo, cunha primeira e fundamental premisa: o alumnado ten que ser o motor e ideólogo dese cambio, e co alumnado as súas familias, e coas familias os que traballamos no colexio. 

O espazo educativo é para ser habitado, non soamente ocupado. O obxectivo xeral do proxecto é o enriquecemento dos espazos do centro para toda a comunidade, buscando potenciar a súa capacidade motivadora e educativa. O labor é titánico, había que escoller un punto de partida: decidimos comezar o noso labor coa remodelación do patio.

Comezou a nosa formación que, como a tarefa acometida, non ten fin e constrúese a metodoloxía ao tempo que facemos. Seguindo a liña de traballo recomendada polo pedagogo en arquitectura colectiva e permacultura, Joan Vitoria i Codina (O Globus Vermell), a metodoloxía de traballo implica observar, pensar e facer de forma continua, mais non lineal, comunicando e avaliando os progresos, e (moi importante) celebrando os resultados. 

Reflexionamos sobre os conceptos básicos da arquitectura (dimensión, forma, enerxía, materiais, uso e tempo) para investigar xuntos como é o noso patio e aprender contidos das diferentes áreas do currículo: coñecemos quen somos nós e as nosas familias, os nosos costumes e a contorna (Ciencias Sociais), observamos o clima, orientación e vexetación (Ciencias da Natureza), medimos (Matemáticas) e deseñamos o plano e a maqueta (Tecnoloxía e Plástica). Tratamos temas transversais como a perspectiva de xénero (xogar como nenos vs. xogar como nenas), a diversidade (funcionalidade e accesibilidade do espazo), a identidade e a sustentabilidade.

A sustentabilidade é outra das nosas premisas. O colexio é, seguindo os principios da permacultura, un organismo vivo e conectado coa súa contorna. As transformacións teñen que ser coherentes e sostibles. O proceso é participativo e cooperativo, e os recursos, materiais e humanos, témolos na propia comunidade educativa: os rapaces saben mellor ca ninguén como é e como queren o seu patio, e así moitas nais e pais, que tamén estudaron aquí, e todos eles saben «facer». Implicámolos na construción das cousas e na achega de materiais (unha familia trae pintura, outra un palé, aquela un andamio, temos familiares que fan carpintería, moitos saben de hortas e todos podemos pintar), porque os recursos, moitas veces, témolos, insistiu Fermín Blanco (Sr. Lupo) cunha paixón contaxiosa, e insistiu tamén no gozo do proceso, dun traballo paso a paso, sucesivo e vivencial. O resultado favorece a diversidade, é integrador, flexible e responde ás necesidades educativas e sociais reais. 

Rematamos o curso 2018/19 con algúns proxectos en marcha en diferentes materias. Recordades as bancadas? O alumnado de terceiro da ESO deseñounas como exercicio de Debuxo Técnico e pintamos o chan do patio de mesas de tenis. E tiñamos o máis importante: coñeciamos á perfección os puntos fortes e as debilidades do colexio, marcadas nun plano a escala feito coa colaboración do Departamento de Matemáticas.

 

 

Coas ideas moi claras, estabamos listos para invitar as familias a traballar con nós.

Chegou a volta ás clases deste curso e chegou o día do taller participativo coas familias. Comezamos cunha actividade dinamizadora trocando roles (os maiores fomos o alumnado e os rapaces e rapazas foron pais, nais e profesorado), repartimos merenda e saímos xogar ao patio para podermos experimentar a realidade do espazo no seu uso. Logo, en grupos aleatorios e sobre o plano do colexio, fixemos propostas (incluídas as bancadas, por suposto). Foi unha tarde marabillosa e os resultados chegaron máis aló do esperado: rapazada, familias e profesorado, implicados e conscientes, redeseñamos o patio xuntos e gozando.

 

 

Na seguinte reunión do grupo de traballo ordenamos todo o material. Enumero as propostas: trasladar o campo de fútbol sala, pintar un circuíto multixogos, lombas, areeiro, rocódromo, gradas para teatro e cine exterior, bancos (bancos da amizade), reformar os baños eliminando a separación de xéneros (isto é primordial para lograr a inclusión do colectivo LGTBIQ+), labirinto e espiral de herba, horta, patio cuberto, fontes, actividades deportivas (canastras de  baloncesto, carril bici, minigolf, pista skate, tirolina, mesa xadrez e de tenis de mesa exteriores e zona cuberta. Coido que non esquezo ningunha.

O seguinte paso: a presentación ao claustro, á ANPA e ao resto da comunidade (concello). Analizamos proles e contras e xustificamos a proposta nun vídeo que condensaba todo o traballo de máis de 3 anos. 

 

 

O principal cambio será eliminar a división do patio por etapas (primaria-secundaria) e modificar as relacións de xénero ao desmantelar o campo de fútbol sala e transformalo nunha zona de multixogo con circuítos pintados no chan e quitando a rede que o limita. Queremos aproveitar o noso descampado para favorecer a diversidade, a integración e a psicomotricidade con lombas, troncos, tubos, crear recunchos e ampliar o bosquiño. Incluiremos elementos didácticos en relación co medio ambiente: composteiro, horta e biodiversidade. E seguimos abertos a moitas ideas máis. Case nada.

Un espazo baleiro á espera 

A pandemia do COVID-19 baleirou os colexios, os comercios, as rúas,  modificando a vida. O noso espazo cotián reduciuse ao mínimo e botamos de menos os lugares nos que faciamos comunidade. Ao noso regreso retomaremos a actividade docente e os proxectos que quedaron interrompidos. O confinamento veu reafirmar a importancia dos procesos fronte aos contidos, dos espazos e das persoas como axentes do ensino, en facer  o patio que queremos, rompendo a barreira entre tempo de lecer e tempo de aprendizaxe, seguros de que o xogo é educativo e a aprendizaxe ten moito de xogo. 

Os cambios serán feitos de forma gradual (nisto somos realistas) e con moito traballo, aínda que seguro que contamos co alumnado e as familias para gozar dun proceso rico, aberto e construtivo, sumando esforzos e fortalecendo os vínculos coa escola. Flexibilizaremos os espazos, permitiremos o imprevisto e avanzaremos cara a esa escola aberta e inclusiva defendida por Francesco Tonucci. O patio estará en cambio e mantemento continuo, e cada un deses cambios pode ser aproveitado nalgunha das áreas do currículo (ou en varias ao mesmo tempo). Facéndolle caso a Jack Lambert, o secreto dun adventure playground (patio de aventuras) de éxito está no seu continuo desenvolvemento, en que nunca está rematado, un terrain vague que pode ser moitas cousas para cada neno e nena.

Ao participaren nesta transformación, os nenos e nenas e as familias apodéranse e engaden ao espazo do colexio unha experiencia, un relato. Un espazo vivido ten significado, faise propio e único. E un espazo significado é educativo. O patio ten que ser flexible, funcionar como vehículo dunha aprendizaxe activa, vivencial e social. Un espazo para volver estar xuntos, que é o que botamos en falta agora. 

Non é unha utopía, soamente se necesitan ideas, traballo e tempo. A experiencia dos diferentes formadores xa mencionados e doutros que cito na bibliografía proporciónanos confianza na viabilidade dun proxecto que nos entusiasma. Non podo rematar sen lles dar as grazas a todas as persoas que están a facer posible este proxecto, en especial ao noso alumnado e ás súas familias, ao equipo de traballo (no que temos a todo o equipo directivo!) e aos profesores, profesoras e persoal non docente do noso centro e do concello do Rosal, sen esquecer a Pilar Vila Racionero do CFR de Vigo pola súa infinita paciencia; e grazas a Carmen, Emilio, Joan, Fermín e tantos outros e outras pola inspiración.  

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Acaso, María (2013). rEDUvolución. Paidós.
Arnau, Jesús e Bueno, Mariano (2017). El huerto con flores. Cultivo ecológico en pequeños espacios. Barcelona: RBA Libros.
Freire, Heike (2011). Educar en verde. Ideas para acercar a niños y niñas a la naturaleza. Barcelona: Ed. Graó de Irif.
Freire, Heike. Patios vivos para crecer y aprender. Cuadernos de Pedagogía, 465, marzo 2016. Dispoñible en http://www.cuadernosdepedagogia.com/content/Inicio.aspx
Herreros Ara, A. (2001). Los patios escolares. Revista Padres y Maestros (Universidad Pontificia de Comillas), 260. Dispoñible en  http://revistas.upcomillas.es/index.php/padresymaestros/article/view/2819/2509
Tonucci, Francesco (1991). La ciudad de los niños. Barcelona.
_________ (1999). ¿Enseñar o aprender? Caracas: Laboratorio Educativo.
Vela, Priscilla e Herrán, Mercedes (2019). Piezas sueltas. El juego infinito de crear. Albuixech: Litera Libros.

 

Congresos e seminarios

Ludantia. I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a infancia e a mocidade. Habitar desde o lúdico: desde o patio escolar á cidade como taboleiro de xogo. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Pontevedra 2018.
Ludic Architecture. Centro de Estudos de Arquitectura e Urbanismo, Facultade de Arquitectura da Universidade de Porto, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, 2017.
Puema. Por uma Educação em Arquitectura. Sede da Ordem dos Arquitectos, Lisboa 2019.
Xornada de formación A diversidade sexual e de xénero nas aulas. Materia pendente?, 2020, Pontevedra http://www.edu.xunta.gal/portal/node/30025 

 

Outras consultas

http://www.tierraenlasmanos.com/reformar-patio-escuela-en-espacio-educativo/
http://www.eligeeducar.cl/pinta-tu-patio-9-juegos-para-colorear-jugar-aprender-el-recreo
https://www.pinterest.es/chicosquesonrien/patios-escolares/?lp=true
IPA Espanya, Associació Internacional pel Dret dels Infants a Jugar Imma Marín (directora): Els patis de les escoles: espais d’oportunitats educatives. Fundació Bofill, estudis breus, 31 (2010): http://www.fbofill.cat/publicacions/els-patis-de-les-escoles-espais-doportunitats-educatives
The Boston Schoolyard Iniciative. Transforming Boston’s Schoolyards (Boston, 2013): https://www.youtube.com/watch?v=HiNzMqIEWWU  
http://schoolyards.org/
Blog El pati que volem: https://elpatiquevolem.wordpress.com/about/
Blog del AMPA del CEIP Santo Domingo (Madrid, Algete, 2014-2016): https://ampaceipssantodomingo.wordpress.com/category/actividades-ampa/patio-del-colegio/nuestro-proyecto/
Colectivo Miudiño: https://miudinho.gal/
Patios dinámicos, Gey Lagar: https://patiosyparquesdinamicos.com/
Proxecto Reinventando el patio, ANPA Colegio Agora (Madrid, 2014): http://ampaagora.com/index.php/reinventando-el-patio-el-video/#.V4Nr7eeLRGE
Proxecto Autocoles (Basurama). Proxecto no Colegio IDEO (Madrid, Las Tablas, 2014-2015): http://basurama.org/proyecto/autocole-ideo-imaginarpatio-construirpatio/
Meet up Patios escolares (Madrid): http://www.meetup.com/es-ES/Madrid-patios-escolares/

 

 

Sección: