Robótica educativa nun CEE

Silvia Rodríguez Rodríguez
silvia.rodriguez@edu.xunta.es
 Rosa Ana Fernández Jácome
nasarofer@edu.xunta.es
CEE O Pino (Ourense)
 

 

No Centro de Educación Especial O Pino introduciuse a robótica educativa no currículo cuns escornabots modificados baseados no sistema arduino. Mellorouse a accesibilidade, instalándolles dispositivos bluetooth e coa elaboración dunha aplicación que permite dirixilos a través da tableta e do teléfono móbil. Elaborouse material multidisciplinar para a atención á diversidade. O seu impacto na aula foi notorio e positivo.

O noso centro atópase nos arrabaldes da cidade de Ourense. O CEE O Pino acolle alumnado dos 12 aos 21 anos de idade que presente algún tipo de discapacidade psíquica ou sensorial.
A filosofía do centro xira arredor da procura da aceptación, da autonomía e da felicidade. Formamos o noso alumnado para acadar valores e actitudes para a súa vida. A través dun currículo funcional pretendemos acadar o seu desenvolvemento persoal, a súa autorregulación, así como o seu equilibrio emocional. Os centros de interese e os obradoiros complementan o traballo de aula nas áreas instrumentais básicas.
A metodoloxía empregada ao longo do proceso caracterizouse por ser activa, colaborativa e creativa. Isto permite manter un alto grao de motivación do alumnado e do profesorado.

Unha ferramenta educativa valiosa é a innovación; por iso nos decidimos a introducir a robótica educativa no currículo ofertado, a cal se entende como un conxunto de actividades pedagóxicas que apoian e fortalecen as áreas específicas do coñecemento e desenvolven competencias no alumnado. Esta experiencia sérvenos de canle para mellorar as habilidades, traballar o autoconcepto e fomentar o traballo en grupo. Ademais, é un elemento con moita carga motivacional.
Todo iso, sen esquecer o noso fin, que é a atención á diversidade, potenciando a accesibilidade e a participación de todo o alumnado.
Neste contexto xurdiron os seguintes obxectivos:

  • Fomentar a mellora da calidade de ensino co emprego da robótica educativa.
  • Aumentar a competencia dixital do profesorado e do alumnado.
  • Potenciar a accesibilidade dos robots a través de axudas técnicas.
  • Afianzar conceptos de maneira interdisciplinar (matemáticas, ciencias, carpintería, habilidades da vida...) grazas a un método de aprendizaxe máis eficaz e atractivo.
  • Favorecer a aprendizaxe participativa e colaborativa.
  • Elaborar materiais e deseñar actividades para a atención á diversidade.

A experiencia tivo lugar no curso 2016/17 e no 2017/18. Partiu da participación nun PFPP e, coa formación e axuda recibida por parte da asesora e dos relatores, realizouse o proxecto. A súa implicación foi fundamental, nel participamos a totalidade do claustro do centro (catro mestres de Pedagoxía Terapéutica) dun xeito multidisciplinar.

Na primeira fase, montáronse seis robots, escornabots modificados baseados no sistema arduino. Estes introducíronse nas aulas para que o alumnado se familiarizase con eles. Comezaron movendo os escornabots cara adiante e cara atrás, comandos sinxelos situados na botoeira do propio robot. Fóronse engadindo movementos e xiros, aumentando así a dificultade. Cando acadaron o control e foron capaces de anticipar os movementos, iniciouse a elaboración das alfombriñas didácticas.

O alumnado participa en todas e cada unha das fases do proceso de elaboración, aspecto que resulta moi enriquecedor (desde o tratamento da madeira para os soportes da alfombriñas ata o deseño e a execución).

O alumnado no obradoiro de carpintería cortando as bases das alfombriñas

 

Abranguen diversas temáticas, todas elas encamiñadas a acadar uns obxectivos específicos que consideramos prioritarios e que reflicten as áreas que se traballan día a día no proceso de ensino–aprendizaxe

Na segunda etapa, intentouse mellorar a accesibilidade nos dispositivos robóticos. Engadíuselle un dispositivo bluetooth que permitiu conectarse coa MAC. Coa axuda da app Inventor, en programación creouse a aplicación CEE O Pino apk desde a que se controlan os escornabots por tableta ou teléfono móbil. Isto permite regular a velocidade segundo a destreza do alumno ou a dificultade da actividade.


O proceso de instalación e implementación para unha correcta execución da aplicación é o que segue:
Para poder empregar a aplicación nunha tableta ou teléfono móbil con sistema operativo Android 4.0 ou superior, é preciso realizar as seguintes tarefas:
Programar o noso escornabot. É preciso cargarlle o firmware específico que figura na url que se referencia a continuación: https://www.edu.xunta.gal/centros/cfrourense/aulavirtual2/course/view.php?id=440

O arquivo denomínase “ceeopino.ino” e, para realizar a devandita actualización, temos que dispor do ide de arduino (1.8.5), que pode ser descargado da seguinte url: https://www.arduino.cc/en/Main/Software. Este software é multiplataforma, totalmente compatible cos sistemas operativos presentes no sistema educativo galego.
Unha vez cargado o firmware, procederase á calibración do robot coa alfombriña didáctica que imos traballar —no noso caso, será formato A0 e as cuadrículas que a compoñen de 15 x 15 cm—.
A continuación, instalarase na tableta ou móbil o sotfware desenvolvido na app Inventor que figura na anterior url denominada: app control escornabots CEE O Pino.
Por último, procederase a verificar o correcto funcionamento e comunicación entre o robot e o dispositivo móbil vía bluetooth.
Continuouse coa elaboración de material didáctico facendo fincapé na transversalidade dos temas.
 
O impacto na aula foi notorio. Pasouse do emprego da robótica como algo puntual e lúdico a que sexa un piar do proceso de ensino-aprendizaxe mediante o cal se traballan todos os contidos do currículo.

O nivel de satisfacción foi pleno por parte de todos. Mantemos a ilusión e segue sendo moi enriquecedor. Superamos as dificultades que atopamos no camiño: falta de tempo no horario lectivo, as limitacións espaciais orixinadas pola estrutura do propio centro e a gran variabilidade do tipo de alumnado e o seu abano de capacidades.
É un proxecto aberto á nosa contorna e a toda comunidade educativa. Na páxina web do centro pódese consultar a información e ter acceso á descarga da aplicación. Outros centros educativos solicitaron o préstamo do material e a experiencia foi moi positiva.
No tocante ás nosas expectativas de continuidade, pretendemos:



 

Bibliografía: 

 

 

García, J. N. (2001): Dificultades de aprendizaje e intervención psicopedagógica. Barcelona: Ariel.

Cabrerizo, J. e Rubio, M. J. (2007): Atención a la diversidad. Teoría y práctica. Madrid: Pearson.

https://escornabot.com/web/es

 

Sección: