Abrindo o colexio ás familias

Marta Castro Girona
martacastro@edu.xunta.es
CEIP Paradai (Lugo)
 

 

O CEIP Paradai está situado nunha área periférica do núcleo urbano de Lugo, moi próximo a un dos maiores barrios da cidade, representativo do desenvolvemento dos anos cincuenta e sesenta. Ao mesmo tempo, o centro atópase preto do parque da Milagrosa, o cal é un recurso moi importante, tanto polas amplas e variadas instalacións do seu complexo deportivo coma polos seus contedores culturais. Cómpre subliñar que o contorno socioeconómico da zona é baixo, é o distrito tradicional de asentamento da poboación inmigrante en Lugo.

Motivado pola diversidade cultural presente no noso centro, onde o alumnado procede de dezaoito nacionalidades e diferentes etnias, culturas e crenzas, precísase dun traballo conxunto de todo o profesorado. En consecuencia, a nosa proposta de actividades e experiencias está encamiñada a acadar obxectivos que se adapten á nosa situación e vivencias. Consideramos, polo tanto, que o programa que propoñemos, cuxo propósito fundamental é o de guiar as actividades escolares e da vida cotiá cara a unha convivencia intercultural baseada no respecto mutuo, servirá para acadar unha mellor convivencia e entendemento do alleo. Ademais, este labor tamén axudará para que se preparen e desenvolvan máis axeitadamente nun mundo cada día máis globalizado.

Por todo isto, desde o CEIP Paradai queremos reverter esta situación en positivo, fomentando a inclusión como un dos valores prioritarios e converténdoa nunha das fortalezas do centro. Somos conscientes de que esta non é exclusiva do centro, pero que tampouco podería facerse sen ela e que debe contar coa participación e colaboración conxunta, en especial da familia e da comunidade local. Así mesmo, pretendemos sacar proveito deste aspecto que nos caracteriza e darlle ao noso alumnado unha visión máis ampla sobre a realidade que nos rodea.

Así pois, desde o curso 2016/17 un dos obxectivos do centro foi mellorar a convivencia escolar, mellora que dinamizaría as relacións interpersoais e facilitaría o desenvolvemento das propostas educativas no centro, fomentando un clima positivo entre escola e familia. Un bo ambiente no centro é fundamental para o seu óptimo funcionamento, beneficiando a toda a comunidade educativa. Apostamos firmemente por que as familias se vexan integradas, reflectidas e implicadas no día a día da vida escolar.

Nese curso escolar, no marco do Plan Proxecta e a través de Conecta Cultura, desenvolvemos o proxecto A multiculturalidade, moito en común, e así puidemos comprobar por nós mesmos a gran cantidade de elementos que compartimos todas as sociedades. Na práctica levamos a cabo unha serie de propostas coas que quixemos achegar entre si as diferentes culturas que conviven no centro. Por ese motivo, en todas as conmemoracións que se celebraron no centro, o eixe común foi a multiculturalidade. Para tal efecto, contamos coa colaboración e boa disposición de diferentes asociacións e familias.

A posta en marcha deste proxecto, grazas tamén á implicación do profesorado, permitiu afondar no coñecemento de múltiples aspectos das diferentes culturas que existen no noso colexio. En primeiro lugar, comezamos coa celebración do magosto e, aproveitando que en Educación Física estabamos traballando os xogos populares do mundo, realizamos una xincana de xogos de diferentes partes da xeografía.
A seguinte actividade integradora que organizamos foi o Día Internacional contra a Violencia de Xénero no mes de novembro, onde participamos na proposta municipal das mensaxes en negro e traducimos, en colaboración coas familias, os diferentes lemas ás linguas existentes no centro (galego, castelán, yoruba, urdú, árabe, romanés etc.). Cada curso elaborou os carteis con diferentes técnicas plásticas traballadas en Educación Artística.

No Nadal investigamos e afondamos no coñecemento sobre as diferentes tradicións e personaxes característicos destas datas nos diferentes países de procedencia do alumnado. Este tamén participou cantando arrolos típicos das súas orixes ao resto do centro.

Máis adiante, e aproveitando que a través da materia de Música se estaban a traballar os bailes do mundo, decidimos que no Entroido o alumnado realizase una mostra aberta aos demais do aprendido.
Para conmemorar o Día Internacional do Pobo Xitano solicitamos a colaboración da Fundación do Secretariado Xitano e implicamos a tres familias do centro para que lles presentasen ás nenas e nenos unha exposición sobre a súa cultura. Desde a escola de nais e pais tamén se promoveu que outras familias puidesen coñecer de man das implicadas esta actividade. Finalmente, o resultado foi todo un éxito e produciuse un achegamento desta minoría étnica ao resto da comunidade.

Novamente, contamos coa colaboración das familias coa finalidade de celebrar o Día Internacional do Libro. Na hora establecida no Proxecto Lector e durante unha semana, levamos a cabo sesións de contacontos nas que interviñeron as familias procedentes de Marrocos, Nixeria, Italia, Canarias etc. Mentres estas narraban os contos no seu propio idioma, eran traducidas polas súas fillas e fillos, ataviadas cos seus traxes tradicionais e engadindo boas doses de humor e fantasía propias do seu lugar de procedencia.

En última instancia, para a semana das Letras Galegas propuxemos que as familias autóctonas adquirisen certo protagonismo nesta conmemoración, propiciando un maratón de lecturas da obra dos escritores homenaxeados.

 

Cómpre destacar que en todo este proceso a colaboración coas asociacións e familias foi fundamental e desde o centro abríronse as portas para lograr unha maior integración e participación en prol dunha mellor convivencia.
De igual xeito, é preciso sinalar o bo resultado que está a dar a escola de nais e pais. Cada ano que pasa o poder de convocatoria e participación nela é maior. Os temas que se tratan son escollidos entre as inquietudes e os intereses mostrados polas familias ou por situacións específicas do centro.

Todas estas propostas que comezaron, como xa sinalamos, ao longo do curso 2016/17 continúan en marcha, fundamentalmente, grazas á implicación das familias, que é moi positiva cara á mellora da convivencia e a boa marcha do centro. Engadíronse ás propostas xa existentes outras novas, como foi o achegamento dos diferentes oficios.


O profesorado continúa coa súa formación, esta vez, cun plan de formación permanente no centro, dentro da liña de convivencia, co que pretendemos afondar nas necesidades e nas fortalezas do colexio. Entre as actuacións que se están a levar a cabo está a de revisar o plan de convivencia e adaptalo ás características do centro.

En definitiva, hai que salientar o incremento da participación das familias na vida do centro. Podemos destacar que nas reunións de principio deste curso escolar a participación das familias foi dun 58 %, a súa colaboración en diferentes propostas que realizamos desde o claustro de profesores (tarefas en familia, mostrarnos a súa profesión e outras) é moi elevada. Supera en moitos casos o 70 % de familias implicadas. Ademais, a asistencia ás charlas da escola de pais está entre un 15 % e un 20 %.

O noso propósito é que a súa participación non só continúe senón que se incremente e contemos coa súa participación como axentes de acollida ás familias de incorporación tardía ao centro. O obxectivo último vai encamiñado a que poidamos ir escola e familia da man na procura dunha educación de calidade do noso alumnado.

 

Sección: