A nova masculinidade: deconstruir para construir

Xosé Cabido Pérez
xcabido@edu.xunta.es
 IES Plurilingüe Fontexería de Muros

 

Contextualización

No centro onde imparto docencia (IES Fontexería de Muros - A Coruña) e en especial no Departamento de filosofía vimos traballando transversalmente a igualdade de xénero como parte esencial dos nosos obxectivos educativos. En toda materia do Departamento o traballo para a igualdade efectiva é unha constante nas tarefas propostas e debates. Ademais do noso labor na aula, colaborabamos nas actividades reivindicativas dos días dedicados a rememorar a loita pola igualdade.

Nos últimos anos, coa participación nos Proxectas: 365 días en igualdade e Donas de si, xunto coa inxección de enerxía motivadora desde a Dinamización de Igualdade do centro, medramos no traballo para desbotar a discriminación por razón de xénero e orientación sexual. Medramos na cantidade de accións encamiñadas a este obxectivo e no aumento da participación do profesorado.

Pois ben, vai xa para catro anos cando comezamos unha liña que, por novidosa, resultou motivadora á par que nos preocupaba como sería recibida polo alumnado: traballar a igualdade con homes e mulleres por separado. O obxectivo deste artigo pretende explicar a experiencia e xustificar a proposta ao mesmo tempo que invitamos a seguila.

O obradoiro que denominamos de novas masculinidades comezou facéndose con alumnado de 3º da ESO e desde o curso pasado facémolo tamén con 1º de Bacharelato nun formato distinto. Detereime en explicar a experiencia do obradoiro de 3º da ESO.

Xustificación filosófico-política do obradoiro

O obxectivo xeral do obradoiro xa está descrito nas liñas anteriores, mais o camiño para chegar a esa utopía da igualdade e non discriminación pasa sempre por concienciar e educar os axentes do conflito: mulleres e homes.

Resulta obvio a cantidade e calidade do discurso feminista creado nos últimos anos e o seu éxito nos cambios sociais, mais pouco ou nada de discurso construímos no mesmo tempo para habitar esta nova realidade. Como diría Paulo Freire: sen concienciación non hai liberación, e neste proceso é preciso liberar tamén o home do patriarcado do que el se privilexia pero tamén é vítima. Debemos preguntarnos cal é o papel dos homes neste proceso de reivindicación liderado polas mulleres. Somos simples espectadores ou debemos tomar partido. Somos vítimas do machismo, da sociedade patriarcal? Mais para tomar partido debemos ter en conta dúas cousas: escoitar as mensaxes do feminismo e falar entre nós. Se os homes non falamos entre nós para construír un novo relato, un imaxinario que nos faga sentir partícipes desta revolución igualitaria, tenderemos a actitudes defensivas que xustifiquen accións e relacións sustentadoras do patriarcado heterosexual.

Antes de inmiscirnos na concreción do proxecto é preciso contestar a unha pregunta: cal é a xustificación de traballar por separado? Non nos estenderemos moito pero cómpre afirmar a necesidade de que os homes reflexionemos sobre o machismo asumindo a nosa posición privilexiada. Existen peculiaridades do ser home que nos espazos mixtos resulta, para os nenos, difícil de verbalizar (emocións, sexualidade...) imposibilitando a reflexión sobre accións sustentadoras do machismo. Ademais é esencial a observación doutros modelos de masculinidade, tanto no ofrecido polo condutor do taller como polos novos modelos que comezan a verse. Non podemos negar que o patriarcal fai infelices aos nenos mais por causas distintas que ás nenas polo que é imperativo abordar. Non pretendemos culpabilizalos do machismo mais si responsabilizalos de coñecelo e asumir os beneficios e os privilexios deste sistema que nos defende e educa como superiores. Este recoñecemento lévanos á necesidade de renunciar ao poder para crear un mundo igualitario e libre. Neste camiño construímos unha felicidade baseada na igualdade e na capacidade de ser como nós queiramos ser. Para todo isto debemos deconstruír e logo reinventar as relacións coas mulleres e entre os homes desde a igualdade.

O proxecto ponse en marchar co obxectivo de deconstruír o concepto de masculinidade tradicional substantivado nunha concepción heterosexual uniformadora e patriarcal. Queremos deconstruír o concepto de masculinidade co fin de cargalo dun significado polisémico no que terán cabida outras masculinidades igualitarias e non heterosexuais. Esta análise deconstrutiva non só abranguerá ao concepto de xénero e aos estereotipos ou roles que se nos obriga a ter como machos, senón tamén ao propio concepto de sexo base da división sexual da sociedade. A metodoloxía quere ser dialóxica e práctica apoiada en medios audiovisuais. O obradoiro condúcese con preguntas que poden ser para responder no momento oralmente ou para escribir. O método do cuestionamento e do diálogo ten como obxectivo evitar a percepción de adoutrinamento para que sintan que son eles os que chegan ás súas propias conclusións-revelacións. No diálogo fomentamos o uso da primeira persoa do plural, o “nós os homes”, para facilitar a participación e evitar exposicións individuais incómodas. A experiencia ponse en práctica na hora de titoría de 3º da ESO traballando a dinamizadora de igualdade coas mulleres e eu cos homes na biblioteca. Desde o comezo deste proxecto dobráronse o número de horas que se fixeron necesarias comezando o primeiro ano con tres horas, no momento actual xa estamos nas oito e pensamos en aumentalas.

Estrutura do obradorio

O obradoiro estrutúrase en catro partes:

1. Análise dos estereotipos;

2. A mochila masculina;

3. A nosa relación coas mulleres e a nosa sexualidade e

4. A nosa relación con homes e a homosexualidade

A experiencia comeza coa deconstrución do concepto de masculinidade analizando os condicionamentos de xénero motivado por nacer cun sexo ou outro. Pretendemos incidir na orixe cultural das condutas ás que se nos obriga polo feito de ser homes para inferir as seguintes conclusións:

- estamos determinados a obrar en función do que a sociedade agarda de nós como homes;

- non somos libres, polo que ser home segundo a sociedade patriarcal é unha imposición;

- rematamos preguntándonos se queremos ser así e se este modelo de ser home é tóxico ou beneficioso. Recoñecendo ser beneficiarios dos privilexios, abrímonos á reflexión do pernicioso que é o machismo.

O traballo anterior faise deténdonos no axente de socialización máis pernicioso para os estereotipos masculinos: a publicidade. Facemos uso e análise de imaxes e vídeos de anuncios publicitarios potenciadores dunha imaxe do home heterosexual, forte, valente, sempre desexado, con dereito ao uso e abuso do corpo da muller. Rematamos coa frase de Simone de Beauvoir cambiando de sexo: non nacemos homes facémonos e o corolario é claro: podemos cambiar, ser o que queiramos ser.

Esta análise enlaza coa segunda parte do proxecto: o recoñecemento da carga que supoñen os estereotipos masculinos que chamamos a mochila da masculinidade heterosexual. Neste apartado revisamos as implicación negativas que sobre a nosa vida como homes ten o heteropatriarcado hexemónico. O obxectivo consiste na toma de conciencia de que o machismo ademais de ser prexudicial para a muller resulta nocivo tanto para integridade física como psicolóxica dos homes. Nestes dous primeiros apartados facemos uso de vídeos e imaxes para identificar estereotipos nocivos. Esta parte complétase con fichas onde se demanda do alumnado identificación de atributos físicos e psicolóxicos dos sexos á par que comezamos o proceso de dúbida sobre estas mensaxes heteroimpostas.

As consecuencias da mochila masculina fanse obvias: perdemos as emocións, a felicidade de criar, a empatía dos coidados, eternamente frustrados no deporte e na sexualidade, aumento das condutas de risco (accidentes tráfico, drogas)...

Chegados a este recoñecemento iniciamos o camiño por unha nova análise crítica que debe ir parella a como construír o cambio. Para isto reflexionamos como o sistema quere que sexa a relación coas mulleres e entre nós e como nós queremos que sexa. Comezamos explorando a diferenza dos nosos comportamentos entre amigos e amigas abordando a cuestión dos piropos para reflexionar sobre o dereito masculino a xulgar o corpo dunha muller. Seguimos adentrámonos no mundo do amor e do desamor para introducir a cuestión do control como inicio do maltrato. Visionamos vídeos (Encuentra el verdadero amor) onde se reflexiona sobre o control da vida privada da parella, do móbil e do control dereito entre outras cousas. Abordamos a sexualidade masculina e a cuestión do consentimento sexual e a insistencia abusiva. Resulta alarmante a necesidade imperiosa de que os adolescentes homes aborden estas cuestións, pois a conclusión que se deriva é a inseguridade e infelicidade que xera a imposibilidade de cumprir cos estereotipos. E esta frustración é o fundamento da infelicidade dos adolescentes mais tamén pode ser o embrión para a xestación de futuros maltratadores e neste aspecto coñecer outras formas de ser home no mundo contribuirá a minimizar este efecto. De forma tanxencial abordamos a prostitución e a pornografía entendida como a mensaxe que se nos dá aos homes sobre o uso do corpo das mulleres. Aos homes se nos educa na idea de que temos dereito ao uso e gozo do corpo das mulleres, mensaxe incluída no pacto entre homes.

No último apartado achegámonos á relación entre os homes e a homofobia presente no pacto heterosexual polo que de feminino en sentido negativo ten. Primeiro nos preguntamos cal é a nosa forma de relacionarnos e como só podemos tocarnos de forma violenta ou con moita forza. Non hai lugar para a emoción entre homes. Renunciamos aos afectos e caricias entre nós por consideralas femininas perdendo unha fonte de alegría e saúde. O apartado da relación entre os homes e o contacto físico podemos afirmar que é o núcleo duro, pois é a afirmación máis visible da masculinidade. Preténdese que reflexionen sobre os beneficios destas prácticas que as mulleres veñen realizando e que achegan saúde e felicidade.

Rematamos este apartado coa reflexión sobre o dereito ás distintas opcións sexuais centrándonos no odio que se nos ensina aos homes contra a homosexualidade. Facemos exercicios para imaxinar situacións con persoas homosexuais e cal sería a nosa conduta para ver o absurdo da aprendizaxe homofóbica e ampliar o noso ser ao respecto e á diversidade. Queremos que comprendan que nos namoramos de persoas e non de sexos.

Acabamos esta explicación da nosa experiencia animando aos centros a poñer en marcha proxectos deste tipo pola súa necesidade, tal como informa o alumnado ao avaliar o obradoiro. Facemos un chamamento á administración para que asuma a cuestión das novas masculinidades como un eixo esencial no plan de formación de profesorado para poñer en práctica nos centros. O valor social desta formación é tan importante que non debemos deixalo ao voluntarismo do profesorado. Debemos esixir da administración educativa que asuma a vangarda da igualdade.

Para comezar aconsellamos os libros de Ritxar Bacete, Nuevos hombres buenos e o de Barbijaputa, Machismo: ocho pasos para quitártelo de encima. Ademais podedes atopar na rede: La nueva masculinidad adolescente, un obradoiro do que podemos tomar ideas e exercicios.

Como dixo Alexander Ceciliasson: “Os homes coma min temos dúas tarefas fundamentais na loita feminista: unha retroceder e calar, a outra falar con outros homes”.

 

 

Sección: