Respirando a convivencia
Xaquín Rodríguez Pomares
trasdosvalos@edu.xunta.es
IES de Vilalonga (Sanxenxo-Pontevedra)
Concitando sensibilidades
No IES de Vilalonga parecía que nada se movía. O instituto grande do concello de Sanxenxo, cunha extensa oferta educativa, moito alumnado e un claustro de profesorado numeroso e heteroxéneo, padecía unha inercia de funcionamento, tan forte e asentada, que semellaba envolver e trillar calquera iniciativa innovadora.
—Un instituto sen alma— dixo algún interino xa preto dun final de curso.
Mais cando se conseguen concitar sensibilidades, todo se remove nas entrañas das institucións educativas. Entón, no reencontro coa ilusión perdida, é cando as ideas de cambio, a chegada de aire fresco acaban véndose como oportunidades máis ca como perigos.
Todo comezou na cafetería, nun dos momentos libres, nese espazo vital onde todos volvemos a ser quen somos, sacamos a nosa careta e sacudimos as cargas da responsabilidade por un momento. Na cafetería, cando hai pouca xente, o traballo queda aparcado e por iso podemos analizalo desde fóra, en perspectiva. Entre o chifre da máquina de café e o olor doce dos croissants, podemos preguntarnos dun xeito natural o por que da nosa vocación. Na pausa serena, entre o ambiente do café fumegante, debullamos máis doadamente as motivacións que nos fixeron encadear a esta difícil profesión nosa.
Alí, na cafetería do instituto coincidían tres días á semana, á quinta hora, un profesor, unha orientadora e unha conserxe. Alí falaban do divino e do humano, dos problemas diarios, de como os vivían e de como lles afectaban persoalmente. Alí falaban das cousas que querían cambiar xa. E alí decidiron, xa case ao final do curso, apostar forte por unha das súas ideas comúns e pasar das palabras aos feitos.
E comezaron de abaixo cara arriba:
— Preocúpanos o tema do acoso escolar.
Alguén da dirección do centro respondeu:
— A nós tamén. …
E seguiron coa dirección, algo máis arriba:
— Preocúpanos o tema do acoso escolar.
— A nós tamén… —respondeu alguén do CFR de Pontevedra. …
E buscaron centros na zona para facer rendible un plan de formación para o curso seguinte:
— Preocúpanos o acoso escolar…
— A nós tamén— foi a resposta dalgúns centros.
E así, dese xeito, concitando sensibilidades, ao curso seguinte comezou na comarca unha fase de formación. Catro centros embarcáronse nun programa de titoría entre alumnado co obxectivo de non deixar lugar nin respiro ao acoso escolar.
Pero faltaba algo máis, pois os programas poden quedar unicamente en arquivos de ordenador se non se respiran. Logo da fase de formación que organizou o CFR de Pontevedra, un grupo de profesores do IES de Vilalonga comezou a facer visible tanta sensibilidade acalada, enterrada baixo os tons grises do día a día, mergullada baixo o cansazo e a decepción acumulada. Este descubrimento dunha sensibilidade compartida rescatou, dalgún xeito, a ilusión por seren educadores.
A efectividade do alumnado
Tras o curso de formación, comezou a levarse a cabo o programa proposto. Cada alumno de primeiro da ESO ía ser guiado por un de terceiro da ESO. A relación entre eles foi cimentándose nunha serie de encontros pensados para ir forxando confianza mutua e o programa foi ancorándose por medio dun conxunto de sesións desenvolvidas na hora de titoría. Nelas traballáronse co alumnado as habilidades da intelixencia emocional: coñecemento propio, estima propia, calidades asertivas, empatía…
Enseguida o rapaces comezaron a sacar todo á luz. Non eran casos de acoso en termos estritos, eran os pequenos conflitos diarios, pequenos pero importantes. En xeral, o alumnado entendeu que ninguén debe consentir un maltrato, que ninguén pode quedar impasible vendo sufrir un compañeiro. Comprendeu que pequenos e reiterados malos tratos fan a vida difícil a calquera. Deste xeito, foise diluíndo a figura do acusón como o que avisa do maltrato e enchéndose de forza a figura do valente, do que dá a cara polos demais e sabe o que non se pode consentir. O profesorado que coordinaba este programa comprobou a enorme capacidade do alumnado para poñerse na pel do outro, para recoñecer e cambiar de actitude, para perdoar e pedir perdón, para pasar de ser o que produce maltrato a ser un valedor do débil.
Dábaselle a oportunidade ao alumnado de asumir un compromiso e de facelo depositario de confianza. Así, algúns deles que tiñan grandes dificultades académicas convertéronse en excelentes titores. Houbo algúns que en etapas educativas anteriores sufriran maltrato e que se foron facendo fortes, cheos de razón e determinación para seren veladores da boa relación entre compañeiros e non permitiren preto deles ningún abuso. Así transcorreu o primeiro ano dun programa contra o acoso escolar. Pero a medida que se vían bos resultados na convivencia entre iguais, o profesorado implicado, cada vez máis numeroso, ía sendo consciente de que había máis aspectos da convivencia sen solucionar. Un deses problemas era o do alumnado que parecía desertar dos procesos educativos, que rebentaba as clases e lles facía a vida imposible aos docentes. Eses mozos pasaron ao primeiro plano nos obxectivos deste grupo de profesores.
Que ninguén quede fóra
A primeira charla do curso de elaboración do Plan de convivencia, xa no seguinte curso, foi un revulsivo para o centro. Joan Vaello, un auténtico “gurú” da docencia real, deixou pensando a todos os asistentes. Nos días seguintes, no centro non se falaba doutra cousa. O seu estilo pedagóxico, baseado na eficacia, na prevención e nas propostas de traballo en equipo, seguían a fertilizar o terreo.
Daquelas charlas con café á quinta hora quedaban algunhas frases, unha delas era: “Que ninguén quede fóra”. E da charla de Vaello quedaba un contundente “é posible”. A síntese era inmediata: “É posible conseguir que ninguén quede fóra”.
Usando unhas cantas ideas de Joan Vaello e sistematizándoas, o grupo base dese profesorado de común sensibilidade comezou a desenvolver unha iniciativa orientada a ese alumnado perdido de primeiro e segundo da ESO. A quen querían incluír? Aos desafiuzados do sistema educativo, aos que lle fan perder a paciencia a calquera, aos que rebentan as clases, aos que fan insufrible entrar na aula, aos que todos queren que marchen expulsados á súa casa canto antes, aos que lle fan desexar ao profesorado que cumpran xa os 16 anos para non ter que velos máis diante…
Son mozos e mozas sen apoio, moitos deles sen apoio familiar. Son os que non tiveron nunca a confianza de ninguén, os que non foron valorados por ninguén, os que só recibiron malas palabras e chamadas de atención, os que se saben fóra porque ninguén os quixo incluír dentro.
Ao final do primeiro trimestre, nas sesións de avaliación, había unha listaxe de alumnos con problemas de comportamento. Buscouse alí mesmo quen podería encargarse de cada un deles. Había que buscar, para cada alumno, o docente máis influínte nel, o que lle espertara máis empatía e confianza. Ese ía ser o seu “titor emocional”.
Tratábase de manter unha breve entrevista co alumno e propoñerlle un compromiso de cambio, comprometéndose o profesor a ser o seu valedor, a deter ante a xefatura de estudos os procesos de sanción se el demostraba a súa melloría. Esta titoría especial estaría regulada, nun primeiro momento, por medio dunhas fichas nas que, durante unha semana, os profesores que lle deran clase terían que anotar como fora o seu comportamento. Continuaríase cun control permanente, pero máis suave, do comportamento. E todo isto tería que acompañarse con medidas de reforzo positivo: felicitacións expresas por parte dos profesores, da xefatura de estudos e mesmo unha carta de felicitación aos pais unha vez demostrase e mantivese o cambio.
Cumpría propiciar tamén un cambio no profesorado, conseguindo que destacasen no alumno os máis mínimos detalles positivos. E tamén buscar momentos especiais no medio das clases nos que o mozo puidese amosar os seus intereses, as súas capacidades, as súas calidades… Eran os chamados “momentos de gloria”, reforzos públicos da súa actitude positiva.
Cando nos relacionamos doutro xeito cos rapaces, desde o afecto e a confianza, todo cambia. O proxecto deu resultado: a partir da metade da segunda avaliación, a medida que os profesores titores emocionais ían poñendo en práctica este programa, os envíos á aula de convivencia baixaban considerablemente.
Un dos efectos que emerxeron destas medidas foi que o profesorado comezou a falar do alumnado doutro xeito, apostando, valorando, intentando axudar… Pouco a pouco xurdiu a coordinación entre todos. O alumnado foi consciente de que os seus profesores se interesaban por eles e traballaban xuntos. E algúns pais tamén foron percibindo que algo distinto comezaba a xurdir.
Non desapareceron os conflitos, non houbo milagres… Non está nada concluído, non hai panaceas nas iniciativas educativas. Pero agora no claustro de profesores comezan a substituírse lentamente os repetitivos e desacougantes “é que…” por algúns esperanzadores “e se…?”. E alí, no lugar no que se respira o arrecendo a café e croissants, comeza a sentirse o pulso da ilusión que un día nos alentou para ser educadores.