O ABN nas nosas aulas e o traballo colaborativo

A curiosidade dunha mestra de educación infantil propiciou a inclusión deste método nas nosas aulas e implicounos a dúas mestras máis que habitualmente traballamos de modo colaborativo. Actualmente xa somos doce os docentes que nos estamos a formar cun PFPP para aplicar o ABN en todo o centro escolar.

Isabel Costa García
isabelcostagarcia@edu.xunta.es
M.ª del Carmen Marquina Fuentes
carmarquina@edu.xunta.es
M.ª Guadalue Prieto Cid
lupeprieto@edu.xunta.es
CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo (O Carballiño-Ourense)
 


No primeiro trimestre do curso e pasiño a pasiño o ABN aparece na aula de 4 anos, que rapidamente contaxia ás outras e culmina coa realización dun curso no CFR de Ourense sobre a realidade deste método en aulas de infantil coma as nosas. Isto ten a súa continuidade na actualidade, xa que comezamos neste curso académico 2017/18 un PFPP cun curso e un seminario que, ademais de servir para iniciarnos e coñecer o método, vai permitir que a este xeito de traballar se incorporen a meirande parte das aulas do noso centro (nove en total), desenvolvendo deste xeito o traballo colaborativo, compartindo experiencias e materiais e fomentando de xeito activo a adquisición de conceptos. Está claro que o traballo conxunto de todos os docentes dunha etapa fai que as experiencias sexan moito máis produtivas.

 

Que é o que fundamenta a nosa decisión? Intentar achegarlles aos nenos conceptos matemáticos que son abstractos, que teñen carácter acumulativo e requiren dun elevado nivel de concreción e convertelos en todo o contrario, algo dinámico que é posible contar, separar, xuntar, calcular de distintas maneiras e que se adaptan en gran medida ás características evolutivas destas idades, tendo en conta que os nenos saben máis do que transmiten... Isto é o que debemos ter en conta para ofrecerlles un gran número de oportunidades para que se produza a aprendizaxe. A idea básica é que os nenos son moi capaces e aprenderán. O noso labor consiste en ofrecerlles unha ensinanza axeitada. A partir desta premisa, todo o mundo que rodea os nenos está cheo de matemáticas: formas xeométricas (as portas, as ventás, os pasos de peóns, os tellados das casas), conceptos como cerca/lonxe en relación co colexio ou coa súa casa, o número (presente nas rúas, nas matrículas, no ascensor, nos anos que ten, nas rodas dun coche, os pisos que teñen os edificios…). Para facelo dunha maneira óptima, hai que ter en conta tres procesos cognitivos claramente diferenciados: a subitización ou capacidade de aprender de golpe o cardinal dun conxunto, a estimación ou aproximación e, por último, contar. Contar é algo que lles encanta. Contan e repiten a listaxe de números ata o infinito. Está nas nosas mans aproveitar algo que aparece de xeito intuitivo e brindarlles a oportunidade para que conten dentro da aula de infantil infinidade de cousas e obxectos, empezando polo seu corpo e o dos demais, para engadir obxectos da aula, que forman parte da vida cotiá, traballar exercicios de numeración e de contar máis alá do 9 ou do 10, que son os que aparecen nos libros de texto cos que traballamos. O ABN permite que a decena apareza nas nosas aulas de forma lúdica e manipulativa e permite tamén incorporar nas clases a táboa do 100 (na aula de 4 e 5 anos). Sen esquecer o carácter global da educación infantil presente nas áreas de coñecemento, así como as competencias básicas que cómpre conseguir (especialmente a matemática), e incorporándoo á vida cotiá, na asemblea, recantos de xogos, expresión oral… favorecendo o traballo cooperativo, cunha motivación para aprender máis, tanto por parte dos nenos coma dos mestres. Os principios metodolóxicos que nos empurraron a traballar o ABN son o de igualdade, o de experiencia, o respecto aos ritmos individuais e, o máis importante, a autoaprendizaxe e o papel activo dos pequenos.

Esta aventura comeza nunha aula de 4 anos, pero nun curto espazo de tempo chegou á clase de 5 anos e posteriormente á de 3 (curso 20016/17). Iniciouse nas rutinas diarias como a asemblea, contando o número de nenos e nenas que estaban no cole, os que quedaban na casa, co calendario a partir do día do mes, de xogos cos dedos da man e pouco a pouco fíxose presente en tempos cada vez máis amplos. Apareceron nas mesas a recta numérica e aprendemos a agrupar os obxectos por decenas, xa sexan depresores, pauíños ou tapóns dentro de bolsiñas. Tamén colocamos no chan a recta numérica que permite na aula recitala ao mesmo tempo que nos movemos, recitala camiñando para diante ou para atrás, e tamén formular problemas (“Ponte no número 3. Se dás catro saltos cara adiante, a que número chegaches? ). Os recadros das familias dos números en tamaño grande enriba do encerado e tamén en tamaño pequeno para colocar cada número coa súa familia e na orde correcta. Traballamos asemade coa táboa do 100 nas aulas de 4 e 5 anos e elaboramos o noso material a partir de ideas que recollemos de Internet.

 

 

 

Realizamos múltiples actividades que nos permitiron engadir ao noso vocabulario palabras do ABN como veciños, familias, grupo, decena, amigos, arañas, soles… e incorporalas na nosa vida, tanto dentro coma fóra do colexio. Grazas a que os materiais se comparten na rede, ábrese un abano moi enriquecedor para o seu achegamento ás aulas. Tamén se incorpora á aula moito material sinxelo, normalmente de refugallo, como tapas de rotuladores, tapóns de botellas e bricks e outros que non estaban habitualmente como pauíños, gomas, bolsas con autopeche, botóns grandes… que se converten en imprescindibles para facer subitizacións, para contar, formular problemas e facer estimacións. Estas inquedanzas fixeron que no mes de abril, coa idea de intentar saber un pouquiño máis sobre o tema, fósemos ao CFR de Ourense a un curso impartido por mestras que están a traballar con el, que nos demostraron coa súa experiencia e cos seus coñecementos todo aquilo que os nenos son capaces de observar, manipular e aprender coa súa inclusión nas aulas, deixando tamén un pequeno marco teórico e práctico que, debido a súa pequena duración, soubo a pouco..

 

 

A reflexión sobre a práctica é que se trata dunha metodoloxía que foi moi ben acollida pola totalidade do alumnado, que a demanda con máis frecuencia e que permite en todo momento que a duración estea en función da motivación e dos intereses dos pequenos. Observamos como unha actividade que funcionaba nunha aula era trasladada á outra, atendendo ás características dos nenos, con maior ou menor dificultade segundo o seu grao de madurez (exercicios de subitización no chan con policubos que na clase de 4 anos eran ata o número 5 e na clase de 5 anos ata o número 7). As dificultades atopadas nun principio foron a falta de material, a escasa formación, ao que hai que engadir non comezar na clase de 3 anos (clase de 4 e 5) partindo da base desde os primeiros días. En lugar de desanimarnos, estamos nestes intres a traballar no colexio nun curso e seminario que contribuirán a que nós didacticamente sigamos incorporando nas aulas as matemáticas e traballemos con nenos valores tan importantes como compartir, cooperar, colaborar, escoitar, esperar… que parte dos seus intereses e que permite adaptarse ao nivel de aprendizaxe de todos e cada un deles. Tamén hai que resaltar que algo que comezou en tres aulas en concreto se vai xeneralizar ás outras aulas do noso centro, xa que no curso de formación están a participar case a totalidade de mestras que imparten na nosa etapa educativa. Valoramos esta incorporación de xeito moi positivo e motivador para todos (nenos e profesoras) e estamos dispostas a seguir aprendendo para poder transmitilo.

 

 

Bibliografía: 

 

 

MARTÍNEZ MONTERO, J. e SÁNCHEZ CORTÉS, C. (2011): Desarrollo y mejora de la inteligencia matemática en la educación infantil. Madrid: Wolters Kluwer Educación.

Xogos na rede Actiludis

Grupo de Facebook: método ABN

 

Vídeos:

Concepción Bonilla: Secuencia numeración ABN 5 años

Canle de Youtube de Mar Quirell

Método de Algoritmos ABN Elena Cojo Carrasco e Rebeca Goméz Martín

 

Palabras clave: 
Sección: