O trivial das intelixencias

O presente artigo sintetiza as actividades levadas a cabo no proxecto do CEIP Espedregada sobre as intelixencias múltiples de Howard Gardner. Expoñemos os obxectivos que nos propuxemos e o procedemento de planificación e secuenciación das actividades levadas a cabo. Comentamos as dificultades atopadas no proceso e incidimos nas repercusións positivas que tivo en xeral e especialmente no alumnado con necesidades educativas especiais. Recollemos as ferramentas de avaliación e publicitación.

Mónica García Fuentes
monica.g.fuentes@edu.xunta.es
Ruth Pedrosa Vázquez
rpedrosa@edu.xunta.es
CEIP Espedregada, Raxó (Poio-Pontevedra)

Fundamentación

O noso proxecto parte dun grupo de traballo no que pensamos a actividade como un medio para que a comunidade educativa aborde conxuntamente estes obxectivos:

  • Concienciación de toda a comunidade educativa sobre a relevancia de todas as habilidades e dimensións que están presentes no desenvolvemento global do ser humano.
  • Traballar sobre estas habilidades e dimensións, potenciando o seu desenvolvemento, no mesmo nivel de relevancia.
  • Detección de habilidades agochadas do alumnado en xeral e especialmente dos alumnos con necesidades educativas especiais para, a partir da súa posta en valor, fomentar a mellora do autoconcepto e da imaxe que os demais teñen deles. Isto redundará nun aumento considerable da autoestima do noso alumnado.

Descrición

Para lle dar unha resposta máis axeitada ao noso alumnado e, en especial, aos alumnos con necesidades educativas especiais, baseámonos nas oito intelixencias de Howard Gardner para desenvolver O trivial das intelixencias múltiples, un proxecto que xorde no claustro. Estase a levar a cabo, durante o presente curso 2016/17, en todos os niveis do centro (infantil e primaria) e implicando a toda a comunidade educativa: familias, alumnos, mestres e recursos da contorna.

A proposta do grupo de traballo foi abordar mensualmente cada intelixencia e, tendo en consideración as diferentes circunstancias de cada mes (festividades, avaliacións, clima…), estableceuse unha planificación.

A partir de aí, o proxecto estrutúrase de dous xeitos: por unha banda, a principio de cada mes, o grupo de traballo propón un documento no que se recolle a definición, as habilidades e algunhas actividades que se poden desenvolver en relación coa intelixencia correspondente; pola outra, o equipo que coordina as actividades e festividades do centro, o TAC (biblioteca, extraescolares, dinamización e TIC), organiza unha serie de actividades, tanto no ámbito de centro como algunhas específicas por nivel, en estreita relación coa intelixencia que se quere traballar.

En setembro, puxemos en marcha o noso proxecto O trivial das intelixencias múltiples e a primeira intelixencia que abordamos foi a intelixencia cinestésico-corporal. Ao ser o primeiro mes, custounos poñela en marcha, pero a finais de mes xa todas as aulas traballaran esta intelixencia, achegando a súa creatividade. Xurdiron actividades tan interesantes coma un obradoiro de mimo, a representación dun conto sen palabras, só mediante a expresión corporal. Como actividade grupal, fixo un baile todo o centro no que destacaron alumnos que, desde o punto de vista simplemente académico, non adoitan salientar.

Cómpre sinalar que, a finais de setembro, o grupo de traballo detectou a necesidade de implicar as familias e fixémolo de dous xeitos: compartindo con elas todas as actividades desenvolvidas no centro (desde o blog do proxecto) e tamén animándoas a traballar cada intelixencia desde a casa. Ofrecéronnos numerosas mostras de como o fan.

Durante o mes de outubro, a intelixencia que se traballou foi a intelixencia lingüístico-verbal, que nos levou a explorar o mundo da banda deseñada, da radio, das rimas e da lingua de signos española, entre outras…

En novembro, abordamos a intelixencia visoespacial. Aínda que ao comezo era a gran descoñecida para nós, obrigándonos a pescudar sobre ela, posteriormente resultou a máis motivadora. Podemos salientar as actividades sobre elaboración de efectos ópticos, a visita da empresa Ciencia en Movemento, a presentación e mostra das obras do médico e escultor R. Costa e mais a actividade do efecto bolboreta na que participou todo o centro na montaxe do circuíto.

A intelixencia musical foi a elixida para finalizar o primeiro trimestre. Elaboramos instrumentos musicais con materiais de refugallo, un músico, externo ao centro, levou a cabo un obradoiro de percusión; realizamos un flashmob e, incluso, varias familias foron visitar o Parque dos Sentidos, en Marín, onde os nenos e nenas puideron interactuar libremente con instrumentos musicais xigantes.

Comezamos o ano coa intelixencia interpersoal. Malia sermos conscientes da importancia de potenciar as habilidades propias desta intelixencia, o feito de abordala de xeito específico permitiunos percibir máis claramente as carencias das que a nosa sociedade adoece neste sentido. Levamos a cabo algunhas iniciativas solidarias: recollida de roupa, tapóns e alimentos; charla a cargo do presidente do Banco de Alimentos de Vigo; visita á Cruz Vermella; e creamos un pasaporte solidario, no que o noso alumnado recolle as actividades solidarias que levaron a cabo durante o presente curso escolar.

Dentro da interpersoal, debemos facer especial mención das actividades enfocadas cara á prevención do acoso escolar. Asistimos a unha representación teatral, en inglés, con análise e reflexión previa na aula; ademais, contamos con dúas charlas de axentes externos ao centro: unha, a cargo da Comandancia da Garda Civil de Vigo, e a outra, grazas á Asociación Avante.

En febreiro, incidimos sobre a intelixencia intrapersoal. Non resultou doado o traballo para desenvolver as habilidades implicadas, xa que a capacidade de metacognición nesta área aínda non se atopa desenvolvida dabondo a estas idades. Porén, é esencial o coñecemento dun mesmo para poder coñecer os demais e ser quen de establecer relacións positivas. Nas aulas, traballáronse as emocións, os sentimentos, o autoconcepto e a autoestima a partir de diferentes tipos de texto, imaxes e vídeos. Ademais, no centro celebramos o día de Viva eu!, no que recollemos, nun mural, os puntos fortes e febles dos diferentes membros da comunidade educativa.

Durante este mes de marzo, e coincidindo co comezo da primavera, estamos centrados no desenvolvemento da intelixencia naturalista. Á parte dos conceptos relativos a animais, plantas, minerais, clima, espazo, solsticios e equinoccios etc., tamén os introducimos no abraiante proceso da cimática. Coidamos o invernadoiro e mais a horta escolar, puxemos en valor o noso proxecto de reciclaxe, visitamos o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, e celebramos no centro unha Festa da Primavera, na que degustamos froitos de tempada.

Por último, a intelixencia matemática, que abordamos no mes de abril e no que temos previstas as seguintes actividades: no centro, charla cunha profesora da Universidade de Vigo e obradoiro de xogos de mesa e tradicionais, no chan (nos que as matemáticas teñen un papel relevante); na aula, iniciámonos na xeometría sagrada; e trataremos de conciencialos de que as matemáticas están presentes nas diferentes estruturas da natureza.

Valoración da experiencia

Desde o primeiro momento, a acollida do proxecto por parte de toda a comunidade educativa foi moi positiva. O claustro amosou moi boa disposición e ofreceu un grande abano de ideas e recursos. O alumnado, por propia iniciativa, comezou a pescudar e achegar datos. As familias implicáronse activamente nas dinámicas que se lles propuxeron. Finalmente, destacamos tamén a excelente resposta das diversas entidades externas ao centro.

Esta implicación, por parte de todos os membros da comunidade, repercutiu nunha mellora do clima e unha colaboración máis estreita familias-escola e escola-contorna. 

Unha das vantaxes que hai que salientar da implantación do proxecto foi a apertura a unha realidade moi ampla e, ás veces, descoñecida para nós: a oportunidade de investigar, xunto co noso alumnado e familias. Deste xeito, adaptamos a nosa metodoloxía á nova realidade que está a experimentar o noso centro. Xa non somos as fontes de coñecemento principal; somos as ferramentas que os impulsan a acadar os obxectivos que, mes a mes, nos imos formulando. Esta eliminación dos “roles” asumidos ata o momento axuda a rotar o protagonismo, despuntando cada mes (dependendo da intelixencia que se vaia traballar) un neno ou nena, cunha habilidade diferente. Un dos mellores exemplos vivímolo no mes de novembro, coa intelixencia visoespacial, cando un neno de condutas disruptivas e rendemento baixo amosou a capacidade de crear figuras con calquera material que se lle facilitase, algo que abraiou os seus compañeiros e que lle permitiu mellorar a súa integración no centro.

Entre os aspectos negativos, o máis destacable é o pouco tempo que se lle dedicou a cada intelixencia. Existen demasiados compromisos ao longo do curso que xa ocupan tempo, sen nos esquecer dos contidos e obxectivos de cada curso. Outra dificultade foi a coordinación: o grupo de traballo preparou e avaliou moitas das actividades levadas a cabo no centro e o feito de non estar composto pola totalidade do claustro complicou, ás veces, o intercambio de información.

Todas estas son valoracións recollidas durante as sesións do grupo de traballo. Para levar a cabo unha análise máis obxectiva do proceso, estamos a elaborar unha serie de ítems (que valoren os resultados acadados en cada unha das intelixencias) e uns tests (para valorar a opinión do alumnado, das familias e dos mestres). Ademais, o derradeiro día de clase, celebraremos a Feira Medieval, na que haberá uns xogos con actividades que foron traballando ao longo do curso relacionadas coas oito intelixencias. Así, poderemos determinar se os cambios foron interiorizados ou só superficiais. Ese mesmo día, realizaremos unha exposición: O Trivial das Intelixencias Múltiples, en Fotografías; nela, presentaremos oito murais coas fotografías máis representativas do proxecto. Como colofón final, elaboraremos un álbum coas mellores fotografías e comentarios cara a anos vindeiros.

 

Sección: