Recreos alternativos
Recreos para a convivencia e a diversidade
Recreos alternativos é un proxecto educativo que nace co obxecto de atender á diversidade do alumnado que presenta máis dificultades cara á relación interpersoal e para favorecer o desenvolvemento das habilidades sociais e a mellora da convivencia nos períodos de recreo de todo o alumnado.
Cristina R. Gómez Iglesias
cristina.gomez@edu.xunta.es
Xefa Departamento de Orientación
IES Sanxenxo (Portonovo)
Fundamentación
Logo de analizada esa diversidade, identificamos unha significativa presenza de alumnado con TDAH e con trastorno de Asperger, con dificultades maiores do habitual para establecer relacións interpersoais adecuadas e cunha especial falta de habilidades sociais en contextos pouco dirixidos.
Os períodos de recreo eran para eles un tempo que vivían como imposto e que non sabían como xestionar. Por iso os viamos deambular polos patios sen obxectivo ningún, só esperando o momento para poder volver á aula.
Era esta, pois, unha situación diaria xeradora de ansiedade e, ademais, potencialmente favorecedora de conflitos ao ser este alumnado branco fácil de posibles acosadores.
Por iso o proxecto dos recreos alternativos xurdiu inicialmente da necesidade de lle dar unha resposta ao noso alumnado TDAH e Asperger, pero nada máis poñelo en marcha caemos na conta das posibilidades que se nos abrían para favorecer globalmente unha adecuada convivencia e proporcionarlle a todo o alumnado do centro espazos para o ocio axustados ás súas necesidades, intereses, habilidades e personalidades.
Os profesores que participamos neste proxecto constituímonos como grupo de traballo. Levamos xa catro anos desenvolvendo ideas e loitando para que a boa convivencia no centro e a atención á diversidade sexan os nosos sinais de identidade.
Descrición
O proxecto Recreos alternativos fíxose posible grazas á participación voluntaria de profesores que ceden tempo incondicionalmente para o alumnado que precisa da súa atención neses recreos.
Organizámonos como grupo de traballo e cada comezo de curso reunímonos para formular ideas, facer novas propostas e tomar decisións sobre as actividades.
Nos anos que levamos co proxecto programáronse os seguintes obradoiros:
- Taller de ciencias
- Xogos de enxeño
- Baile latino
- Clases de guitarra
- Literatura portuguesa
- Club de arte
- Club de lectura de inglés
- Tempo de biblioteca
- Club de rock
- Obradoiro de scratch
- Torneos deportivos
- Informática
- E a novidade cara ao curso que vén: a radio do centro (Onda 2E)
É importante sinalar que a colaboración do alumnado resulta imprescindible, xa que obradoiros como, por exemplo, o de Baile latino é impartido por alumnos e alumnas de orixe sudamericana.
Unha vez decidida a proposta de actividades cara a un novo curso, son os alumnos os que proceden ao deseño do cartel informativo de cada ano, na aula e no horario lectivo de Educación Plástica.
Os distintos obradoiros son logo repartidos ao longo da semana atendendo á dispoñibilidade do profesorado.
Como norma xeral, o alumnado asiste ás distintas actividades propostas de xeito completamente libre; non existe obrigatoriedade de participar sempre nos mesmos obradoiros. Os rapaces e rapazas elixen onde estar e que facer. Non existen grupos organizados nin por idade, nin por xénero, nin por curso. Así, nun mesmo obradoiro pode convivir alumnado de distintas idades e xéneros, o que favorece o respecto e a aprendizaxe cooperativa e por imitación.
Desta maneira os alumnos e alumnas aprenden a relacionarse dun xeito natural, pouco programado e con total espontaneidade.
Ao longo do curso e nos distintos obradoiros desenvólvense moitos traballos e proxectos. Todo culmina na exposición da Semana Cultural do centro.
A metodoloxía empregada nos distintos obradoiros propicia que o alumnado participante aprenda sen esforzo, tal como sucede, por exemplo, no Club de arte, no que a análise e a reflexión sobre obras de arte favorece unha aprendizaxe moi significativa.
Valoración da experiencia
No IES Sanxenxo levamos xa catro anos executando este proxecto con éxito.
Cada mes de setembro o alumnado pregúntalles aos seus titores sobre as propostas para os recreos do novo curso, o que amosa a excelente acollida que o proxecto ten entre eles.
Consideramos que o proxecto cumpre sobradamente as nosas expectativas previas con respecto á atención á diversidade. En concreto, as seguintes:
- Redución de conflitos nos tempos de recreo e mellora do clima de centro.
- Aumento da satisfacción persoal do alumnado polo emprego do seu tempo de recreo con maior liberdade.
- Redución da frustración e de eventuais situacións de interacción social desencadeantes de ansiedade.
- Desenvolvemento e aumento da creatividade.
- Mellora da autoestima e do autoconcepto do noso alumnado.
- Mellora cuantitativa e cualitativa da implicación do alumnado na vida do centro.
- Redución moi significativa das condutas disruptivas.
O proxecto Recreos alternativos incardínase entre as actividades de titoría, as actividades da Semana Cultural, o Plan de convivencia e o Plan xeral de atención á diversidade, e conforma un sistema que nos permite reducir a conflitividade de xeito moi notable e favorecer a convivencia e a vida no centro.
Este proxecto foi posible grazas á aprobación unánime do claustro de profesores e profesoras e á xenerosa participación do profesorado e do alumnado responsable das distintas actividades. Todos eles ceden sen contrapartida ningunha tempo propio. É este apoio o que transforma Recreos alternativos nun verdadeiro e singular proxecto de centro.
Grazas, compañeiros e compañeiras, por converter unha idea nunha realidade.
Número:
Sección: