Encántanme as mates

Mates manipulativas no CEIP As Covas-Meaño

Magoia Bodega Pérez
magoia@edu.xunta.es
Monse Tenorio González
monsetenorio@edu.xunta.es
CEIP de Meaño (Pontevedra)


Nenos e nenas de segundo. Hoxe aprenderemos a facer restas levando. Temos que seguir os seguintes pasos:

  • Empezamos a realizar a resta pola dereita. Cando o número do minuendo é menor, temos que pedir axuda.
  • Á columna das decenas, pedímoslle unha. Como neste caso é cero, tamén lle temos que pedir axuda á columna das centenas.
  • Agora xa podemos converter o cero das unidades en dez. O cero das decenas tamén se converte en dez porque lle demos unha centena, pero como lle prestou unha decena para facer un dez nas unidades, quédase convertido nun 9. As centenas, que eran catro, ao regalar unha ás decenas quedan convertidas en 3.
  • Xa podemos restar. Dicimos do 5 ao 10 van 5. Do 7 ao 9 van 2 e do 0 ao 3 van 3. Resta resolta!!!!

Esta mesma explicación vólvese dar curso tras curso porque “a resta levando é o máis difícil de segundo”. E curso tras curso volvémonos preguntar: “Pero que película lle estamos contando ao noso alumnado? E sobre todo… para que?”

Á resta levando úneselle que levas 1 na suma (unha que?), que cando te atopas con sumas do tipo 20 + 5 hai nenos que teñen que colocala en vertical para podela resolver, que moitos suman 5 + 4 cos dedos, que non dan entendido o que é unha decena e unha unidade, que aprenden as táboas de multiplicar pero non saben para que serven, e co eterno debate das avaliacións: “Que podemos facer para que mellore o noso alumnado na resolución de problemas?”

Todo isto fixo que realmente nos preguntásemos: “Funciona o que estamos facendo?”

No CEIP As Covas levamos varios cursos cunha premisa moi clara: o que non funciona temos que cambialo. Sempre cunha mirada crítica, construtiva e realista. Sempre coa formación, apoio e axuda do noso Departamento de Orientación.

No que respecta ás mates, empezamos timidamente investigando, probando, descubrindo, participando en congresos de matemáticas ABN, formando grupos de traballo, lendo libros e artigos, vendo vídeos de Youtube, compartindo recursos con outros centros (CRA de Meis)...

Demos o paso ás matemáticas ABN primeiro en infantil e despois en primaria, mediante unha implantación gradual, comezando por primeiro e segundo. O primeiro que detectamos no alumnado é o cambio de actitude ante a materia das Matemáticas. A medida que imos utilizando rectas e táboas numéricas, crucigramas numéricos, casas e soles de números… xa imos descubrindo a facilidade coa que comprenden a numeración.

Cando comezamos cos algoritmos ABN, aprendemos que non existe só unha fórmula para resolver o cálculo das diferentes operacións matemáticas. Existen diferentes posibilidades para diversos alumnos, a través dun proceso de construción e descubrimento persoal que parte da experimentación manipuladora para chegar á representación gráfica e simbólica en contextos funcionais e con pleno sentido.

A resta “levando” (levando que?) que expoñiamos ao principio resólvea así unha nena de segundo:

  • Nada máis ver a resta inventa o problema (con esta metodoloxía non se fan algoritmos sen sentido, sempre debemos contextualizalos): “Teño 75 euros no peto e quero mercar unha videoconsola que custa 400. Canto teño que aforrar? Primeiro teño que conseguir 25 para ter 100. E despois tería que conseguir 100, outros 100 e outros 100 máis para chegar aos 400. Faltaríanme 325 euros para podela mercar”.

Pero outro compañeiro explícaa e resólvea deste outro xeito: “Teño 400 cromos e regálolle 75 á miña irmá. Cantos cromos me quedan? Primeiro doulle 70 polo que me quedan 330 e despois doulle 5 polo que me quedan 325”.

Preguntámoslle: “Como sabes que quitando 70 a 400 quedan 330?” E dinos: “Porque o amigo do 70 é o 30”.

E outro neno resólvea así: “Pola comuñón regaláronme 400 euros, pero gastei 75 nunha bicicleta. Cantos euros me quedaron? 400-75 son 325 euros”.

Hai un respecto absoluto e total polo ritmo de aprendizaxe de cada alumno. Cada un resólveo como lle resulta máis doado, pero todos chegan á mesma conclusión. Entenden o que fan.

Os resultados foron rápidos, especialmente en cálculo mental e resolución de problemas. Pero queriamos avanzar tamén na experiencia manipuladora doutros aspectos das matemáticas, máis alá da numeración, como a medida e a xeometría que na nosa experiencia anterior tiñan unha forte abordaxe a través de material impreso: libro de texto, fichas.

Foi entón cando, a través dun plan de formación continua (PFPP) que iniciamos no centro, nos achegamos a novas liñas de traballo desde o movemento OAOA, en colaboración con outros centros da zona como o CEIP de Chancelas e o CEIP San Tomé de Cambados.

Con OAOA recuperamos materiais de traballo como as regretas, o xeoplano... que quedaran fóra de uso e analizamos o seu importante valor educativo. Aprendemos algoritmos sorprendentes, orixinais, algúns deles feitos polos propios nenos. Melloramos en cálculo mental seguindo, como non, a estela dos rapaces que non paraban de sorprendernos.

 

Que problemas foron xurdindo?

Fundamentalmente a presión de garantir que o alumnado que comezou con este método continúe toda a primaria con el. O claustro non conta neste momento con todo o profesorado definitivo, polo que cómpre tamén artellar medidas para conseguir estabilidade e coherencia neste proxecto nos vindeiros cursos, a medida que vaia progresando a súa implantación.

O cambio que comezamos supón un desafío importante en canto a formación persoal, experimentación, elaboración de material, información e formación para as familias, avaliación permanente, valoración do impacto na atención á diversidade...

Necesitamos máis formación e experiencia nesta nova abordaxe: numeración, uso das regretas, algoritmos, xeometría, tarefas competenciais e pequenos proxectos. Tamén necesitamos unha comunicación estable coas familias e avanzar nos talleres de formación e intercambio.

Nalgún caso tamén nos atopamos co obstáculo de que nas casas ou nas pasantías se estaban utilizando algoritmos tradicionais, ocasionándolle unha gran confusión ao alumnado. Fixéronse reunións co profesorado de clases particulares e de gabinetes para explicarlles o método. Tamén se fixeron talleres para familias, cunha moi boa aceptación. Aprendemos que estes talleres son necesarios, así mesmo, para tranquilizar e darlles seguridade ás familias, porque deixar de lado os algoritmos tradicionais en moitos casos dá bastante vertixe.

Este cambio supón un grande esforzo como equipo, como centro e como familia pero estamos seguros de que paga a pena.

Temos claro que, unha vez que demos o paso, xa non se pode dar marcha atrás. Como docentes non podemos volver ao método tradicional cando sempre que chega a hora de Mates escoitamos un “Beeen!!!!” e cando máis da metade dunha clase recoñece que as Mates son a súa materia preferida.

Non podemos volver atrás cando nenos e nenas descubriron unha gran competencia matemática que coa metodoloxía tradicional pasaba desapercibida.

Non podemos volver atrás porque esta metodoloxía si que funciona. Temos mellores resultados en numeración, cálculo mental e resolución de problemas.

E, sobre todo, non podemos dar marcha atrás cando observamos que esta metodoloxía é tremendamente respectuosa co ritmo de aprendizaxe de cada un dos nosos alumnos e alumnas.

 

E agora… Quen se anima a explicar a resta levando?

 

 

Sección: