Coordinarse no centro a través da materia oratoria

“Empregar a palabra perante o público é unha habilidade cada vez máis necesaria (segundo se afirma desde a orde que regula a nova materia de Oratoria). A participación democrática activa, o desenvolvemento persoal, a consecución dunha carreira académica de éxito e o exercicio de calquera profesión pasan hoxe en día polo satisfactorio desempeño en situacións variadísimas nas cales a oratoria resulta extraordinariamente útil” e, porén, nunca antes esta disciplina estivo tan pouco presente na escola coma agora. Co fin de cambiar esta situación, a LOMCE introdúcea para primeiro e segundo da ESO, pero en forma dunha hora semanal nun único nivel, cun doado risco de convertela nunha “María”, malia manifestar a súa importancia. No IES Ramón Menéndez Pidal pensamos que o problema segue sen estar solucionado se a limitamos a esta hora, polo que decidimos darlle un enfoque multidisciplinar xa que consideramos que é a única forma de que teña a importancia que merece.

Antonio Frade Fraga
afrade@edu.xunta.es

IES Ramón Menéndez Pidal (A Coruña)
 

 

Xa hai anos, no IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz vimos a necesidade de coordinar o noso traballo atendendo fundamentalmente á competencia lingüística (ortografía, elaboración de resumos, esquemas, presentación de textos…) e decidimos facer un grupo de traballo. Logo de varias reunións, constatamos que era máis complicado chegar a acordos no ámbito da escrita ca no ámbito da oralidade. As lagoas das ensinanzas recibidas no ámbito oral, as súas inexistentes avaliacións no ámbito formal e a evidente necesidade de desenvolver esta capacidade entre os mozos fixo que resultase máis doado o traballo conxunto nesta dirección.

Unha necesidade axudou a que esta idea frutificara. Nos primeiros cursos da ESO as diferenzas de coñecemento e capacidade dos alumnos son moi grandes, e os rapaces que van quedando descolgados do sistema ou se incorporan doutras nacionalidades, en moitísimas ocasións, son conscientes das súas dificultades no ámbito escrito. Este feito xustifica moitos desánimos, faltas de atención, condutas disruptivas… Non obstante, a súa maior idade e o seu grao de desenvoltura manifestou que no ámbito oral podían estar á altura dos seus compañeiros e incluso superalos se a actividade non esixía un grande esforzo de estudo previo.

 

SERGIO-VIDEO TONO-DOMINICANA from Antonio Frade on Vimeo.

Buscamos entón un método para traballar a lingua oral no que o innovador fose a interdisciplinariedade e a unificación dos textos orais e a súa avaliación. E así moitas materias diferentes puideron ter un criterio máis medible á hora de avaliar a competencia lingüística, conseguiron xestionar mellor a aula no momento das exposicións orais (algo temido por máis dun docente), e descubriron que certos alumnos se motivaban simplemente polo feito de verse con capacidades semellantes ás dos seus compañeiros. É dicir, a actividade no ámbito emocional e de motivación supuxo un revulsivo espectacular nas nosas aulas.

Porén, malia ter un reflexo evidente na nota de todos os profesores que se apuntaban voluntariamente, a súa cualificación (nunca superou os 0,5 puntos nas materias non lingüísticas) non determinaba un cambio nos resultados académicos nada substancial, a pesar do seu potencial no ámbito emocional, convivencial e laboral. Pero a aparición da materia de Oratoria coa LOMCE reverteu esta situación xa que o reflexo do traballo nunha nota específica para este apartado permitiu dar uns resultados que antes sempre eran insuficientes animicamente.


No IES Ramón Menéndez Pidal, seguindo as nosas experiencias previas de Guitiriz, introducimos Oratoria en primeiro da ESO no curso 2015/16, e convertémola en obrigatoria para todo este nivel. Deste xeito, creamos unha oferta pedagóxica unificada no centro. Fixémola depender de Orientación, pola preocupación deste departamento de favorecer a avaliación do alumnado con hiperactividade no ámbito oral (aspecto para o que se mostra esta rapazada moito máis competente ca para o ámbito escrito) e porque así non estaría suxeita ás horas de ningún departamento. O profesorado, plenamente convencido das posibilidades educativas desta materia, podía escollela con máis liberdade. E así, tendo catro cursos en primeiro da ESO, dous fóronlle adxudicados a unha profesora do Departamento de Historia e outros dous a un profesor de Lingua Castelá.

A maneira de darlle un carácter interdisclinar foi a seguinte: nun claustro do curso 2014/15 presentouse para ser aprobada e expúxose o seu funcionamento. Comentouse que ao comezo do curso, unha vez coñecidos xa os profesores que iamos impartir clase en primeiro da ESO, habería unha reunión obrigatoria para todos os docentes deste nivel para explicar a organización da materia de Oratoria e pedir voluntarios para implicarse nela. Esta xuntanza sería uns días antes do inicio do curso. As exposicións individuais preparadas na hora de Oratoria serían presentadas finalmente nas materias que decidisen colaborar, pois a temática do exposto estaría relacionada con elas e decidido por elas. Ademais, a estrutura sería común a todas, así como as pautas de avaliación. En canto a horas de clase investidas, comentóuselle ao profesorado que nunca superarían as dúas horas por materia ao trimestre. Os profesores implicados cederían sempre un mínimo de 0,5 puntos para avaliar na súa materia o apartado de Oratoria.


 

Desta maneira, asegurando dous ou tres profesores como mínimo que participen por curso e facendo un calendario semanal de exposicións, os rapaces acaban tendo que preparar unha exposición oral semanal. E dicimos “preparar” porque non dá tempo a que todos os nenos saian expoñer cada semana, nin tan sequera que todos sexan avaliados por cada profesor. Pero isto non é un problema, pois os docentes, sen que os rapaces o saiban, repartimos os alumnos que iamos avaliar e asegurámonos de ter así notas de todos. Chega con que ao final da avaliación o profesor de Oratoria as poña en común para que sexan sumadas en cada materia colaboradora. Todo é coordinado a través de correo electrónico. Procuramos que as reunións sexan mínimas, unha ao inicio do curso, outra por trimestre e unha de avaliación final, co obxectivo de que os profesores non se boten para atrás polo tempo de horas de preparación que implica esta actividade.

Para cumprir co currículo de Oratoria, a actividade proposta na primeira avaliación é a construción dun texto argumentativo cunha pregunta base relacionada con cada materia. Para a súa presentación todos os nenos deberán traer un esquema escrito que non pase de vinte palabras e atender a apartados necesarios como un título, unha introdución, a presentación de cinco argumentos, un exemplo… e achegarse o máximo posible en tempo aos tres minutos. Preguntas posibles serán para as linguas: é o latín unha lingua morta?; para valores: cres que se perdeu o respecto polos “maiores”? ou en ciencias: se estamos na época da reciclaxe, non ten sentido pechar a leira co somier?

Pero o texto argumentativo contén textos expositivos intercalados e o traballo destes deixámolo para a segunda avaliación, así como o traballo de atención auditiva e toma de notas. No segundo trimestre na hora de Oratoria poñemos audicións de radio (como se viña facendo na avaliación de diagnóstico) ou vídeos relacionados coa materia (Os invertebrados en Ciencias, o Paleolítico en Historia…) que non superen os 15 minutos e reprodúcense dúas veces. Na primeira ocasión os nenos só poden escoitar e na segunda collen notas. Despois, no tempo sobrante da clase e na casa, estruturan o discurso, elaboran o seu guión e preparan unha exposición na materia correspondente similar en forma á da primeira avaliación. Os vídeos son colgados nun blog de aula onde tamén aparecen os blogs individuais que se lle piden a cada alumno e onde deberán escribir os esquemas que valorará o profesor de Oratoria.

Na terceira avaliación traballarán tamén sobre un texto expositivo, pero nesta ocasión deberán expoñer un tema do libro de texto correspondente, que se planificará en Oratoria para ser presentado nas diferentes materias. Aquí a ficha de avaliación valorará máis a memorización e o contido ca a estrutura formal da composición oral.

Finalmente, en canto á avaliación da proposta, desde o punto de vista organizativo o maior problema está en empezar con ela; pero o feito de ser voluntaria e que todo o mundo vexa a súa necesidade fai que todos os anos sexa ben recibida. Só os departamentos que teñen menos de tres horas semanais manifestaron algún tipo de receo. O profesorado que a desenvolve sempre subliña os seus beneficios e está disposto a repetir a experiencia, pois non é moito o traballo que supón tal como xa se indicou ao longo deste artigo. Ademais, a corrección da actividade faise no mesmo momento da exposicións orais.


 

Para os alumnos, a actividade tanto no momento da súa preparación como no da súa exposición nas distintas materias supón un xeito de traballar distinto do habitual, o que tamén agradecen. Ademais, a posibilidade de poñer en valor os rapaces que normalmente non acadan bos resultados académicos (destacando entre estes os hiperactivos) xa xustifica este traballo colaborativo de centro. Por se fose pouco, os pais reciben un horario trimestral das exposicións (faise unha por semana), co que por unha parte publicitamos o centro e por outra lles damos información sobre as tarefas dos nenos, o que sempre agradecen.

 

 

Sección: