A aproximación á lectoescritura en educación infantil desde un enfoque construtivista
Iván Tourón Morais
ivan.touron@edu.xunta.es
Escola de Educación Infantil de Sarria
A importancia da iniciación da lectoescritura en educación infantil segue a ser un tema de gran controversia tanto no momento idóneo de comezo como no método empregado.
Partindo dunha análise da realidade diaria da nosa escola, concluíuse na necesidade de concretar aspectos referidos a este tema, tanto desde o punto de vista da reflexión sobre como encamiñar esta tarefa como sobre os métodos máis propicios para contribuír a este obxectivo establecido no currículo desta etapa.
Por isto, o profesorado acordou recibir formación específica sobre este tema no CFR de Lugo a través da participación nun PFPP, para o que se programaron dous grupos de traballo.
Partindo dunha autoavaliación da tarefa docente e levando a cabo unha análise crítica dos principais fundamentos teóricos existentes, tales como a valoración dos diferentes modelos didácticos ou os procesos que interveñen na aprendizaxe da lectura e escritura, optamos na escola pola posta en marcha dunha experiencia que terá como marco de referencia psicolóxico o construtivismo; de tal xeito que, partindo das representacións previas do alumnado, se acheguen novos coñecementos coa finalidade de integralos de xeito funcional e facelos propios, proceso no que o mestre ou mestra xogará un papel fundamental á hora de favorecer as condicións máis axeitadas e as mediacións precisas.
Tendo en conta esta concepción construtivista á hora de contribuír de xeito significativo ao desenvolvemento dos procesos que interveñen na lectoescritura, faise preciso levalo a cabo propoñéndolles aos nenos e nenas situacións de uso real da lectura e da escritura, moi lonxe dunha simple exercitación mecánica de sílabas ou do trazo das grafías.
Aínda que na escola contamos cunha programación por niveis para a aproximación á lectoescritura que abarca cuestións relativas á organización dos contidos, á planificación de espazos e tempos, dos recursos materiais etc., nesta experiencia unicamente se recollerán exemplificacións de actividades para a aproximación á lectoescritura que son levadas a cabo no día a día das nosas aulas.
Na propia dinámica diaria das aulas son moitas as circunstancias e situacións reais nas que os mestres e mestras empregamos a linguaxe escrita. O obxectivo prioritario será, pois, que as ditas situacións de uso da linguaxe escrita se convertan en situacións de aprendizaxe significativa para os nenos e nenas, de tal xeito que, coa mediación e axuda do mestre ou mestra, o alumnado se vaia facendo partícipe do uso cotián da lingua escrita e vaia achegándose así ao seu coñecemento.
As actividades que se levan a cabo nas aulas teñen un carácter global, sen lle daren resposta específica a un obxectivo único, xa que os obxectivos relacionados coa aprendizaxe da lectoescritura trabállanse de xeito globalizado e a través de todas e cada unha das áreas de coñecemento.
O elemento primeiro que hai que ter en conta, polo compoñente afectivo que para o neno ten, é o propio nome e o nome dos compañeiros da aula. Para isto, o neno sempre contará co referente gráfico do seu nome, tanto no seu lugar habitual de traballo individual, no control de asistencia aos diferentes recunchos, nas tarefas da asemblea, así como nos lugares e obxectos de uso persoal, como son o percheiro, o vaso ou o estante para gardar os traballos. Deste xeito, os nomes escritos sempre están presentes na dinámica ordinaria do día a día e concretamente nas actividades do momento da asemblea, como poden ser a elección do encargado das diferentes tarefas e o reconto dos nenos presentes e ausentes na aula, entre outras.
Paralelamente, vaise traballando a escritura do nome, respectando os ritmos individuais de aprendizaxe. Como o facemos? Escribindo o nome dos nenos nos seus traballos ao mesmo tempo que imos remarcando os sons das letras do seu nome, convidándoos a revisar o seu nome para que constaten que está escrito de forma correcta e incluso convidándoos a que escriban o seu nome coa axuda do referente visual e empregando para isto sempre o reforzo positivo.
Así estámoslle a dar un uso real e funcional á linguaxe escrita a través da representación do máis próximo a eles e elas: os seus nomes.
Outro dos elementos primordiais que hai que ter en conta é a organización dos espazos e dos materiais da aula, aspecto fundamental para favorecer unha dinámica axeitada e para o desenvolvemento das actividades que incidan na autonomía do alumnado. Isto acadámolo rotulando os diferentes recunchos e poñéndolles rótulo tamén ás bandexas de material de emprego habitual. Con isto estamos a contribuír ao mesmo tempo á aprendizaxe da lectoescritura e como o facemos? Ademais de rotular cada recuncho co seu nome, contamos cunha listaxe que contén o nome dos recunchos onde o neno terá que identificar o nome daquel recuncho no que se dispón a traballar e indicará a súa asistencia a el colocando a súa fotografía e/ou o seu nome.
A listaxe de control de asistencia aos recunchos por parte do mestre ou mestra tamén está visible; deste xeito os nenos e nenas poden levar un control paralelo, ademais de poder comprobar a correcta escritura dos rótulos e dos nomes.
No referente á rotulación das bandexas de material, tamén lle estamos dando funcionalidade ao emprego da linguaxe escrita xa que, por unha banda, permitiranos atopar os materiais de forma autónoma e, por outra, será máis sinxelo poder gardalos unha vez se deixen de empregar.
Outras actividades de organización temporal, como é o caso da data e o tempo meteorolóxico, son tarefas cotiás nas que tamén se fai preciso o uso real e significativo da linguaxe escrita. Estas actividades resultan moi axeitadas para establecer relacións entre grafías e sons, por exemplo, fixámonos en que todos os días da semana rematan na mesma letra, o S, ou que a palabra “luns” comeza pola mesma letra ca os nomes de Luís e Lucía.
Igualmente, á hora de constatar o tempo meteorolóxico, escribirano con axuda no panel do tempo e, ao final do mes, na tarefa de estatística do tempo meteorolóxico terán que facer un reconto escrito da meteoroloxía do dito mes (chuvia 6 días, sol 5 días…).
En todo este proceso de aprendizaxe no que os nenos e nenas comezan a facer as súas propias producións escritas, debemos ter presente a necesidade de valoralas e respectalas, sen incidir nos erros e enfatizando sempre o valor comunicativo desas producións.
Nesta liña, no que á produción escrita se refire, propoñémoslles aos nenos actividades como a colaboración na elaboración e deseño de notas sinxelas para lles enviar ás familias, notas que deberán ter unha resposta positiva nas respectivas casas para remarcar así esa función comunicativa da linguaxe escrita. Outra das actividades de produción é a de lles poñer nome aos seus debuxos e dedicarllos a un compañeiro de clase.
Debemos ter en conta que os nenos xa teñen experiencias previas á chegada á escola coa linguaxe escrita, xa que acotío interactúan cos textos escritos que atopan na rúa, na televisión, nas etiquetas dos produtos, nos carteis dos establecementos, nos sinais da rúa etc., polo tanto, preséntansenos como un recurso do máis útil no achegamento ao proceso lectoescritor.
Outro dos recursos de gran motivación é o emprego doutros soportes diferentes ao papel á hora de codificar e descodificar textos, polo que se programan actividades para seren levadas a cabo no recuncho do ordenador.
A prensa escrita proporciónanos tamén un medio idóneo para o traballo da lectoescritura. Así, nos talleres de prensa buscamos información, interpretámola, comparámola… e sérvenos xa desde ben pequenos e de xeito autónomo para resolver sinxelas situacións, como a de identificar a data do día, buscar o tempo meteorolóxico, consultar a programación da televisión ou atopar palabras interesantes para traballar no proxecto de clase.
Outra ferramenta imprescindible para levar a cabo este traballo son os contos. Ademais de todas as funcións didácticas que os contos posúen, desde o punto de vista da lectoescritura preséntansenos como fundamentais para que o neno ou nena descubra o uso literario do texto escrito. Por isto, proporcionámoslles contos de temáticas variadas e levamos a cabo actividades como mirar e ler contos individualmente e en grupo, falar dos argumentos, contarlles contos aos demais, ilustrar e producir contos sinxelos, dramatizalos etc.
Ademais de todas estas actividades, elaboramos materiais de aproximación á lectoescritura para os diferentes recunchos, tendo en conta a necesidade de que sexan materiais lúdicos e motivadores, é este o caso dos materiais elaborados con velcros para identificar palabras clave do proxecto ou os xogos para compoñer palabras.
Aínda que se poderían enumerar moitísimas actividades, as xa mencionadas serven para constatar, despois de vivir esta experiencia, que a aprendizaxe da lectoescritura debe ser un proceso natural e fundamentalmente demostra que co uso real da linguaxe escrita se poden acadar situacións funcionais de lectura e escritura que permitan a aprendizaxe de ler e escribir atopándolle significatividade e escapando dos procesos mecánicos carentes de sentido para os nenos e nenas.