Xogando coas Maths. Confección artesanal de materiais para o ensino bilingüe
Emilia Teresa Fraga González
CEIP Plurilingüe O Ruxidoiro – Barbadás (Ourense)
fragaet@edu.xunta.es
Este é o meu ano académico número 38, así que hai moitos, moitos anos que empecei a traballar na escola, botade contas…
Cando eu rematei os estudos, era especialista en Matemáticas, materia que me encantou desde que teño lembranzas. Quixen estudar Exactas, pero, cousas da vida, naqueles anos non se estudaban en Ourense e non podía ir a Santiago, así que me decidín por Maxisterio. Como me alegro, porque puiden facer durante moitos anos algo que me gustaba; ensinarlles aos cativos a harmonía que encerran as Matemáticas, e tiven a satisfacción de ir resolvendo retos que te facían aguzar o enxeño e non deixar fíos soltos ao razoamento…
Aos poucos anos, pensei que tiña que estudar inglés, dalgún modo barruntaba que ía formar parte do meu futuro, así que empecei... Despois de varios cursos en academias privadas, escola de idiomas, viaxes a Londres pasar vacacións cuns amigos, tiven a sorte de poder participar nos itinerarios formativos para a mellora da competencia lingüística e comunicativa en lingua estranxeira do profesorado: cursos en Canterbury, Vancouver, dous cursos de inmersión en Ottawa...
O PALE era un programa de apoio ao ensino e aprendizaxe de linguas estranxeiras. Hoxe recibe o nome de PIALE (Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras). Trátase dunha serie de itinerarios formativos para que o profesorado mellore a súa competencia lingüística e comunicativa a través do contacto directo con persoas dos países de fala inglesa, francesa, alemá e portuguesa, tanto dentro do Estado español como no estranxeiro.
Eu tiven a fortuna, ao longo de varios anos, de participar nas dúas modalidades que ofertaba este programa.
Estas experiencias formativas enriqueceron tremendamente o meu traballo e toda a miña personalidade, a docencia adquiriu para min novas cores, incorporando á miña práctica as novas tecnoloxías, coñecendo colegas cos que colaborei e aprendín novos enfoques para facer o meu traballo aínda máis atractivo e eficaz.
No colexio onde estou, presentei o proxecto de seccións bilingües, coa materia de E. Plástica. Nese intre estaba soa, sen axuda de ninguén, non había máis profesores de inglés, e cando a Xunta publicou o Plan galego de potenciación das LLEE, creando a rede de centros plurilingües, a directora do meu centro preguntoume se me apetecía facer a solicitude para Matemáticas, o meu soño, a materia que máis me gustou sempre e ademais nun idioma que me ten reportado tantas satisfaccións...
Proxecto aceptado, empezaba o camiño. Ilusións? Non podía ter máis. Axuda? Era o momento de botar man do enxeño, xa que non había nada publicado, estaba todo por facer!
As actividades deseñadas, entre outras, foron a elaboración dun blog de aula , unidades didácticas interactivas [ ud_1 / ud_2 / ud_3 / ] e, por último, buscando a complicidade e colaboración das familias, a confección artesanal de materiais para o ensino, como foi un ábaco para cada un dos nenos e nenas de primeiro de primaria. Poderiamos compralo nun bazar a moi baixo prezo, nunha desas tendas rexentadas por chineses, pero non ía ser o mesmo, nin por asomo!
Cando estiven en Otawa (Canadá), a profesora que me aceptou na súa aula traballaba moito as Matemáticas coa axuda dun ábaco, un para cada neno, construído polos mestres daquel centro. Eu non podía facer tantos ábacos soa, e os nenos eran tan pequenos… Ao confeccionalos os papás e as mamás, aquel material adquiría un valor para o neno impresionante, e dábame a min a oportunidade de coñecer ben as familias e que elas me coñecesen a min. Isto redunda en beneficios para todos: ao relacionarnos e traballar conxuntamente, coñecémonos máis e estréitanse os lazos afectivos. Os nenos perciben iso e resulta moi positivo.
Falei coas familias e… aceptaron a proposta. Encargáronse eles de mercar os materiais (arames, táboas, bolas, pegamento…), fixeron varios grupos e, fóra do seu horario laboral e do meu escolar, puxémonos mans á obra. Todos traballando para todos, non importaba para quen sería cada ábaco e, ao cabo de varias tardes, velaí o resultado.
O obxectivo principal é o de gozar aprendendo matemáticas e… xogando! Noutras materias xa se viña facendo, por que non en Maths?
Que conseguimos co uso do ábaco?
-Mellorar a concentración.
-Mellorar a observación.
-Mellorar a capacidade de escoitar.
-Mellorar a memoria.
-Desenvolver a capacidade de cálculo mental.
-Facilitar a comprensión.
-Fomentar a autonomía.
Cada neno/a empezou a familiarizarse co seu ábaco, a aprender o que representaba o valor de cada bóla, como representar as unidades, decenas etc. Traballouse a orientación e a lateralidade, e a falta de capacidade de abstracción nestas idades substituíuse pola representación visual e manipulativa dos diferentes números, da posición dos díxitos e da representación de cantidades de unha, dúas, tres e catro cifras.
Aprender a sumar: unidades con unidades, decenas con decenas, sumas levando e sen levar.
Restar: igual que a suma, pero quitando bólas, as operación deste xeito facíanse con rapidez e total comprensión.
Como é lóxico neste nivel de primaria, non chegamos a efectuar outras operacións, pero os ábacos foron de grande utilidade e, con tanto uso, tiveron que pasar varias veces por “quirófano”.
A acollida desta proposta por parte de pais/nais non puido ser mellor, algún saíu ferido cando serraban as táboas, pero non importaba, estaban a facer algo que necesitaban os seus fillos, e estaban pasándoo moi ben, e facendo amizade entre todos.
Os pequenos e pequenas eran felices, traballaban con algo que lles fixeran expresamente os papás e mamás, algún quedou pasmado ao ver que llelos poderían mercar pero preferiron dedicarlles aquel tempo e iso deulle un valor inapreciable aos personalísimos ábacos.
E gozaron aprendendo, que era o meu principal obxectivo.
Agora deixo o ensino, xubílome e no colexio xubilan o proxecto… Dóeme e teño a esperanza de que alguén colla a “veceira” e prosiga e mellore unha experiencia tan motivadora.