Unha ópera na escola. O proxecto LÓVA

Esta experiencia é o resultado das inquietudes dun grupo de profesorado do noso centro de facer na escola algún cambio significativo e positivo que respondese ás necesidades do século XXI.

Juan M. Fernández Fernández
xoanmfernandez@edu.xunta.es
Clara Goás Vargas
claragoas@edu.xunta.es
Ana I. Vázquez Rico
anaiv@edu.xunta.es
CPI SAN SADURNIÑO (A Coruña)
 

As inquietudes dun grupo de mestres e profesores do noso centro de facer na escola algún cambio significativo e positivo que respondese ás necesidades do século XXI tiveron a súa resposta no curso 2012/13, cando, a través dun curso do CFR de Ferrol, nos chegou a noticia da existencia dun proxecto moi especial, o Proxecto LÓVA (A ópera: un vehículo de aprendizaxe).

Tomamos a decisión de asistir á formación de LÓVA que se imparte cada ano en xullo no Teatro Real de Madrid. É un curso moi intensivo e completo, que nos abriu unha ventá a unha escola diferente e comprendemos que outra educación é posible.

En setembro puxemos en marcha o proxecto, co apoio de compañeiros e equipo directivo, en quinto de primaria e cuarto da ESO. A experiencia foi tan boa que ao ano seguinte repetimos e no presente curso, ademais de en quinto de primaria, estase a levar a cabo en sexto de infantil. Tamén formamos un grupo de traballo LÓVA para seguir formándonos e intercambiando experiencias.

Que é LÓVA?

Unha clase convértese nunha compañía de ópera e dedica o curso enteiro a crear unha ópera ou breve musical. Os nenos e nenas organizados en profesións escriben o libreto, deseñan e constrúen a escenografía, compoñen a música, crean o vestiario, fan a publicidade, recadan fondos, crean a iluminación… En definitiva, crean, producen e, ao final, representan unha ópera ou musical enteiramente orixinal e sen axuda de adultos.

Pero LÓVA non é un proxecto exclusivamente artístico, é un proxecto de aula que dura un curso completo e ao que se lle dedica unha boa parte do horario semanal e no que a clase vive unha experiencia inesquecible a partir do traballo coas emocións.

O proceso é moi complexo: comeza “formando compañía” a través de dinámicas e actividades diversas que van desde as propias de calquera compañía de ópera ata aprender a expresarse, acatar ordes, traballar en equipo, tomar decisións con criterio, escoitar os demais, ter empatía, reflexionar, aprender dos erros…E todo integrado no currículo coincidindo cos obxectivos educativos que, ao estaren interconectados, cobran profundidade porque todo o que se fai ten sentido, todo o que se aprende se aplica en situacións reais que achegan habilidades para a vida e permiten acadar as competencias.

LÓVA non é tan só montar un espectáculo inventado pola clase. En realidade, a ópera é un pretexto e o realmente importante acontece cada día. A énfase no proceso está por riba do produto final. “O espectáculo está na aula”. É un proxecto de educación emocional para o desenvolvemento da persoa en sociedade. As nenas e os nenos aprenden, e tamén os mestres, que é posible o que parece imposible. É unha metáfora para toda a vida. http://proyectolova.es/" target="_blank">http://proyectolova.es/

LÓVA en San Sadurniño

O resultado da experiencia na práctica foi moi positivo tanto para o alumnado como para o profesorado, pero diferente en cada ano e etapa.

En primaria

Levouse a cabo en quinto nas materias de Lingua Galega, Música e Plástica no curso 2013/14. A acollida foi tan boa que repetimos co mesmo grupo, en sexto, durante o curso 2014/15 e continuamos neste xa cun grupo diferente.

É moi emocionante ver como os rapaces e rapazas foron crecendo como persoas, medrando en confianza, sendo capaces de falar en público, de expresar os seus sentimentos e pensamentos aos demais… e un longo etc. Houbo erros, problemas, conflitos, dificultades, non é un camiño de rosas, pero aprender a superalos e resolvelos é unha parte moi importante da aprendizaxe.

O alumnado está altamente motivado e entusiasmado porque todo o que se fai cobra relevancia e sentido, un sentido moi especial para eles. Pálpase a ilusión, tamén nos estudantes máis desmotivados ou inseguros que se comprometen a facer cousas que nunca pensaron que fosen posibles.

Así, por exemplo, moitos aos que non lles gustou xamais facer unha redacción estaban encantados de contar as súas experiencias diarias como parte da promoción do espectáculo no blog da compañía   http://pegadasmusicais.blogspot.com.es/" target="_blank">http://pegadasmusicais.blogspot.com.es/

Outros superaron a timidez e descubriron o seu talento e gusto para a interpretación, e así poderiamos seguir enumerando moitísimos aspectos… Pero, sen dúbida, o máis importante é que se dan de conta de que eles son parte de algo maior ca eles mesmos e de como o seu traballo afecta a cada membro da compañía. E con esta conciencia de pertenza son capaces de compartir a súa mensaxe co público. Unha mensaxe propia e chea de sentido e contido.

En secundaria

Na primeira ocasión que se fixo, o grupo non se involucrou. O compromiso foi feito máis por evitar os exames que por estar intrinsecamente motivados co tema. Despois de case un abandono do proxecto, e unindo a enerxía de profesores (especialmente os especialistas de Lingua Galega e Castelá, Educación Plástica e Visual, Francés e Música), pais, profesionais colaboradores e alumnado que fixo un esforzo final, conseguiuse levar a cabo a creación. Nas avaliacións sobre o acontecido aconsellaban a futuros “loveiros” sobre a importancia de traballar con ganas desde o principio. Quizais aprender a confiar en si mesmos e descubrir que, o que nun principio lles parecía imposible, con traballo constante, se convertía en real, foi a aprendizaxe máis salientable nesta primeira experiencia.

No segundo ano que se fixo, os grupos estaban moi motivados e o resultado foi mellor. Aprenderon moitas cousas das respectivas profesións e resolveron problemas en relación co traballo e a toma de decisións consensuada.

Dous cambios que se fixeron con respecto ao curso anterior foron unha organización exhaustiva das actividades, moito máis desagregada e estruturada en tempos e espazos e engadir a autoavaliación do alumnado para facelo máis consciente.

Nesta ocasión o aspecto máis salientable podería ser o feito de que cada persoa atopou o seu lugar dentro da creación do proxecto, e así aqueles alumnos que normalmente levaban cualificacións máis baixas sentiron a satisfacción de ver recoñecidas e útiles as súas calidades e dons, porque se valora o traballo intelectual a través do desempeño das tarefas propias da profesión, o traballo en equipo e a reflexión. Ou ben aprenderon ou ben aplicaron cousas que xa sabían, e experimentaron así unha situación real achegada ao mundo laboral dunha forma máis “protexida”.

Avaliación e autoavaliación

Os exames tradicionais non teñen sentido neste tipo de proxectos. As actividades de avaliación non son diferentes das de ensino aprendizaxe e a reflexión, avaliación e autoavaliación plásmase mediante rúbricas. Cada alumno autoavalíase e adoitan ser moito máis críticos consigo mesmos do que o somos os mestres. Este tipo de avaliación tamén constitúe unha parte moi importante da aprendizaxe.

O profesorado

Os beneficios observados van moito máis aló do académico e non só se dan no alumnado. LÓVA supón unha aprendizaxe tamén para o profesorado e unha paulatina transformación na práctica docente. A relación profesor-alumno sofre cambios ao longo do proceso, cambios moi positivos.

Os mestres tivemos maiores expectativas sobre os nosos alumnos porque fomos vendo día a día os seus avances en eidos que non sospeitabamos, descubrindo talentos ocultos e capacidades, moitas descoñecidas para eles mesmos. Aprendemos a aprender deles e a confiar máis nas súas capacidades e posibilidades.

No proceso aparecen moitas incertezas no profesorado porque se dan situacións difíciles de solucionar, e que teñen que ser resoltas polo alumnado. Moitas veces temos a tentación de intervir e custa, sobre todo cando xorden problemas, non dar as respostas, non ser o xuíz que di o que é válido e o que non e deixar que sexan os alumnos os que pensen e cheguen á resposta tomando as súas propias decisións, custa deixar que se equivoquen… Pero merece a pena unha e mil veces.

“Para educar un neno fai falla a tribo enteira” Proverbio africano

O desenvolvemento do proxecto implica necesariamente unha apertura da escola ao contorno. Así que contamos coa presenza e asesoramento de profesionais (actores, escritores…), a colaboración das familias e de moitos comercios e empresas que axudan coa promoción do espectáculo e o financiamento, así como as institucións municipais que prestan os seus recursos, sobre todo coa cesión de espazos para a representación da ópera.

É unha verdadeira transformación na que a escola implica a toda a comunidade da zona, todos forman un pouquiño parte do proxecto e a ópera convértese nunha especie de novo acontecemento da “tribo”. A conexión que se crea e as emocións vividas transforman a aprendizaxe nunha experiencia rica, incrible e inesquecible para todos e todas nós.

 

 

Sección: