Enviado por admin o Mér, 10/04/2024 - 18:41
O Equipo de Biblioteca e o Grupo de Igualdade e Diversidade do IES de Teis colaboraron para levar a cabo un concurso de crebacabezas de mulleres senlleiras para conmemorar tanto o 11F como o Día de Rosalía de Castro. Empregáronse os crebacabezas que creou o alumnado voluntario do Grupo de Igualdade e Diversidade no curso anterior por mor do 11F para os que se utilizaron as imaxes de Brabxs da Universidade de Vigo. Estes crebacabezas están a disposición tanto do alumnado como do profesorado para préstamo na nosa biblioteca, así que non dubides en ir a por eles. Debido á alta participación do alumnado o concurso comezou o venres 23 de febreiro (Día de Rosalía de Castro), fíxose unha segunda quenda o venres 1 de marzo, continuouse durante varios luns co alumnado que non rematara os seus crebacabezas para medir os tempos e finalizouse o venres 8 de marzo (Día da Muller). Todo o alumnado participante recibiu unha cunca co logo da biblioteca e do grupo de igualdade e diversidade creadas polo voluntariado da nosa biblioteca. Ademais todos recibiron unha chapa, e os mellores tempos de cada quenda, un caderno de Brabxs. O mellor tempo de todos, levou unha bolsa de Brabxs. Os agasallos de Brabxs (os dous cadernos e a bolsa) foran enviadas pola Unidade de Igualdade da Uvigo ao noso Grupo de Igualdade e Diversidade.
Esta páxina usa Lightbox2 por Lokesh Dhakar dispoñible en https://lokeshdhakar.com/projects/lightbox2/ baixo The MIT License