Skip to Content

3º Encontro Científico co CERN: CORUÑECERN 2011

O pasado 27 de Maio de 2011, a maior parte dos alumnos que cursamos Física e Química en 1º de bacharelato e varios alumnos de 2º de bacharelato, asistimos ao 3º Encontro Científico co CERN, CORUÑECERN, promovido polo IES Urbano Lugrís de A Coruña e que se celebrou no Centro Cívico Os Mallos en A Coruña, en horario de 10:00 a 14:00 h. Este 3º Encontro era o segundo ao que asistían algúns dos alumnos (os alumnos de 2º de bacharelato). Alí xuntámonos diversos institutos de diferentes localidades de Galicia dispostos a coñecer un pouco máis de cerca o CERN nun aforo limitado ao que finalmente puido asistir todo o que quixo.

O encontro dividiuse en dúas partes. Na primeira falaron os dous poñentes principais os doutores Mar Capeans e Steinar Stapnes e tras un descanso participaron entón os demais relatores, José Manuel Facal, Susana Mataix, Margarita Cimadevila e Francisco Barradas.

A primeira en falar foi a doutora Mar Capeans, que forma parte do “Experimento Atlas” e que é a primeira muller española en formar parte do equipo permanente deste grupo de investigación do CERN.

Mar Capeáns púxonos un pouco o día explicándonos cómo van as cousas no actual Experimento do CERN, o LHC (do inglés Large Hadron Collider e que se traduce como Gran Colisionador de Hadrones, un xigantesco acelerador de partículas de 27 quilómetros de circunferencia no que feixes de protóns chocan frontalmente a velocidades próximas á da luz, é dicir, arredor dos 300000 km/s, ou para facernos unha idea, a uns 1079 millóns de quilómetros por hora).

A doutora Capeáns tamén nos mostrou os catro xigantescos detectores de partículas subatómicas que constitúen os ollos dos experimentos que se levan a cabo no CERN, así o LHCb detecta a antimateria formada nos choques, o ALICE rexistra as colisións de ións de chumbo e o seu comportamento posterior, e CMS e ATLAS buscan toda nova partícula que se poida formar.

Aínda que pareza incrible, todo este investimento realizouse para demostrar a existencia dun único e esquivo tipo de partícula, o bosón de Higgs, que serviría para explicar a orixe do universo (recreado en miniatura nos choques) e a validez do modelo estándar (que explica as interaccións entre as partículas elementais).

Foi unha presentación moi clara que nos serviu para entender o funcionamento e a gran importancia do acelerador de partículas, así como os detectores asociados a ese gran acelerador.

O segundo en tomar parte no encontro foi o doutor Steiner Stapnes, quen explicounos, mediante unha charla en inglés (traducida por Mar Capeans), o futuro do CERN e dos seus próximos posibles experimentos como un acelerador de partículas lineal (ILC), localizado no mesmo lugar có LHC pero a máis profundidade. Así, faríanse chocar electróns coa mesma finalidade que o actual acelerador de partículas: encontrar e descubrir novas partículas.

José Manuel Facal, profesor de secundaria no IES Lamas de Abade de Santiago expresou, con exemplos moi claros, o que se dixera anteriormente por tódolos relatores do CERN e extrapolando todo a unha situación macroscópica, e non microscópica.

Susana Mataix, escritora e divulgadora científica, falou sobre os cinco grandes científicos que contribuíron á mellora do CERN. Entre eles cabe destacar a Carlos Rubia que aínda traballa nesa institución.

A última relatora, Margarita Cimadevila, dentro da Ciencia ExAequo, presentou a súa exposición “Mulleres e Ciencia”, composta por doce cadros, os cales representan a doce mulleres científicas e os seus traballos respectivos. Elas non obtiveron o recoñecemento do seu esforzo debido á súa condición de muller, polo que Margarita fai esta exposición na súa memoria. Debido á falta de tempo solo puido presentarnos cinco cadros. En todo eles cabe destacar a presenza das bucinas, debido ás súas raíces galegas.

O encontro finalizou coa quenda de preguntas na que Mar Capeáns levouse case toda a atención.

Ao mesmo tempo que se realizaban e contestaban as preguntas, tivemos ocasión de observar os rastros deixados polas partículas cósmicas, os muóns, na cámara de néboa, no experimento montado e dirixido polo profesor Francisco Barradas . Antes de realizar a observación, o profesor Barradas explicounos dito experimento.

Este 3º Encontro Científico co CERN resultou ser un encontro o que non lle faltou de nada: unha parte de divulgación científica, un experimento que nos levou a coñecer, a ciencia certa, a existencia de partículas inapreciables ó ollo humano e un pouco de arte que deu lugar á finalización dunha maña extraordinaria.

Podedes observar fotos do evento na seguinte ligazón: Ciencia co CERN



page | by Dr. Radut