#MeToo é o nome dun movemento iniciado de forma viral como hashtag nas redes sociais en outubro de 2017 para denunciar a agresión sexual e o acoso sexual, por mor das acusacións de abuso sexual contra o produtor de cinema e executivo estadounidense Harvey Weinstein.
A frase foi creada pola activista social Tarana Burke, na rede social Myspace en 2006 formando parte dunha campaña para promover «empoderamento a través de empatía» entre mulleres negras que experimentaran abuso sexual, particularmente nas comunidades desfavorecidas. Burke explicou que se inspirou en utilizar a frase despois de ser incapaz de responder a unha moza de 13 anos que lle confiou que sufrira unha agresión sexual. Burke desexou simplemente poder dicirlle «Eu tamén».
A actriz Alyssa Milano popularizouna animando ás mulleres a tuitear as súas experiencias para demostrar a natureza estendida do comportamento misóxino: «Se todas as mulleres que foron acosadas ou agredidas sexualmente fixesen un tuit coas palabras "Me too" poderiamos mostrar á xente a magnitude do problema».
Desde entón, o hashtag foi utilizado por máis de 500 000 persoas, entre elas moitas celebridades, foi tuiteado máis de 500 000 veces o 16 de outubro e máis de 4.7 millóns de persoas en 12 millóns de entradas durante as primeiras 24 horas usárono en Facebook.
Malia que comezou sendo un hashtag usado por mulleres, algúns homes uníronse coas súas experiencias propias de acoso e abuso, mesmo outros responderon recoñecendo comportamentos propios contra mulleres, creando o hashtag «*HowIWillChange»
Desde o seu comezo en Hollywood, #MeToo estendeuse a outros ámbitos laborais: industria da música, ciencias, política, deporte.... e a máis de 85 países chegando tamén ao Parlamento Europeo cunha sesión monográfica a tal denuncia. O cinema español non puido escaparse e actrices de gran renome recoñeceron a existencia de acoso sexual e/ou explicaron casos nos que elas mesmas sufriron acoso.
Grazas ao movemento #MeToo, a principios deste ano o colectivo «Time's Up» formado por máis de 300 mulleres relacionadas co cinema e TV que comezou a reunirse en outubro, anunciou a creación dun fondo en Hollywood para axudar a mulleres de calquera estrato social contra o acoso sexual.
Fontes:
https://metoomvmt.org
https://en.wikipedia.org/wiki/Me_Too_(hashtag)
https://es.wikipedia.org/wiki/Me_Too_(hashtag)