Skip to Content

Manifesto do Día da Paz

Fechemos as portas do templo de Xano!

 Mentres escribimos ou lemos estas liñas, nalgún lugar do mundo alguén empuña unha metralleta ou fai estoupar unha bomba.

 Mentres, sentados cómodos diante da pantalla dun ordenador, participamos en incruentas e virtuais batallas, nenos e nenas en moitas partes do mundo xogan ás guerras de verdade.

 A historia é unha interminable sucesión de guerras, conflitos pequenos ou grandes, rexionais ou mundiais... todos sanguinarios, todos inxustificables.

 Por que as plumas cando escribimos e as verbas cando falamos non valen o que as pistolas cando disparamos?

 Por que, en vez de con rifles, non apuntamos ao peito dos irmáns con poesías, armas de futuro expansivo das que nos ten falado o poeta Gabriel Celaya?

 Por que non enterramos para sempre o Caín que cadaquén levamos agochado?

 Por que o maior inimigo da estirpe humana ten que ser o propio home?

 Para que celebrar unha Xornada pola Paz cando o resto do ano rendemos culto a tódolos deuses e deusas da guerra?

 Non chega con berrar PAZ un día e os trescentos sesenta e cinco restantes desentendernos do sufrimento que a maquinaria bélica provoca en múltiples lugares do mundo a milleiros e milleiros de mulleres e homes que cometeron o único delito de nacer no sitio menos axeitado e na hora menos oportuna.

 Non chega con berrar PAZ e cruzar os brazos.
 
 Mal, moi mal se as nosas conciencias quedan tranquilas despois dun simple berro.

 Hai que pasar á acción. Temos que levantar un muro, alto, o máis alto que poidamos, non para segregar, antes ben para unir. Non será un muro de vergoña porque os seus alicerces serán:

a fartura fronte á fame,
a sanidade fronte ás enfermidades,
a educación fronte ao analfabetismo,
a hospitalidade fronte ao racismo,
o diálogo fronte ás liortas,
o perdón fronte ás ofensas,
a solidariedade fronte á indiferenza,
a esperanza fronte ás desilusións,
a verdade fronte aos enganos,
a liberdade fronte á opresión,
a xustiza fronte á iniquidade,
o amor fronte aos odios...
a PAZ fronte ás GUERRAS.

 PAZ na terra para tódolos homes e mulleres.

 Se somos quen de rematar este muro xa non serán precisas máis treguas como as que os antigos gregos establecían para que as competicións olímpicas se desenvolveran nun ambiente de plena concordia.

 Se somos quen de construír esta inmensa muralla poderemos fechar para sempre as portas do templo do bicéfalo Xano, divindade á que os romanos invocaban ao comezo das guerras, permanecendo abertas as portas do seu templo mentres estas duraban e fechándose cando Roma e o seu imperio vivían en paz.

 Ánimo, compañeiros! Emprendamos a tarefa sen demora e con todos os nosos folgos: Fechemos as portas do templo de Xano!

 
 



page | by Dr. Radut