Moi didáctica conferencia de Manrique Fernández no IES Ribeira do Louro (29 de marzo do 2016) na que nos falou da súa recente obra publicada, Tres feridas (editorial Belagua, 2015). O autor explica con gran claridade aspectos como a trama, a estrutura, os personaxes e a xénese creativa da novela. Ademais, dado que o grupo de teatro do noso instituto representou durante o curso pasado a súa peza dramática Floralba (Editorial Egasur S.L, 1999), o escritor achegounos algunha información sobre ela. A obra está baseada nunha fermosa lenda que ten como escenario o castelo do Sobroso e foi escrita como libreto dunha ópera do compositor Rogelio Groba.
Extraordinaria conferencia do escritor Francisco Castro no IES Ribeira do Louro, na que, a partir dos seus libros Chamádeme Simbad e Un bosque cheo de faias, aborda con gran claridade temas como o alzhéimer, o racismo, a aporofobia, a violencia de xénero ou a defensa da lingua galega. O acto foi organizado polo Equipo da Bilioteca do centro e os seus clubes de lectura, no día 11 de xaneiro do 2016, Día do Usuario das Bibliotecas, e contou coa colaboración do Equipo de Dinamización Lingüística e mais da Editorial Galaxia.