Skip to Content

Promoción e titulación

CRITERIOS DE PROMOCIÓN E TITULACIÓN PARA O 2022-23

TEXTO EXTRAÍDO DA CONCRECIÓN CURRICULAR:

10.  Os criterios xerais para a avaliación, e de ser o caso, a promoción e a titulación son:

1. PROMOCIÒN NA ESO: Ao finalizar cada un dos cursos da etapa e como consecuencia do proceso de avaliación, o equipo docente da alumna ou do alumno, na sesión de avaliación final, decidirá sobre a súa promoción. A decisión será adoptada de xeito colexiado, atendendo á consecución dos obxectivos, ao grao de adquisición das competencias establecidas e á valoración das medidas que favorezan o progreso da alumna ou do alumno, e tendo en conta os criterios de promoción.

2. Para os efectos do disposto no punto anterior, acadará a promoción dun curso a outro o alumnado que superase as materias ou os ámbitos cursados ou teña avaliación negativa nunha ou dúas materias, considerándose para o cómputo as materias non superadas do propio curso e as de cursos anteriores. Ademais de nos casos anteriores, o equipo docente poderá decidir a promoción dunha alumna ou dun alumno, sempre que se cumpran tamén todas as condicións seguintes:

a) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias nas que estea matriculada ou matriculado nese ano académico sexa igual ou superior a cinco.

b) Que a suma dos períodos lectivos semanais das materias ou dos ámbitos con avaliación negativa non sexa superior a dez. Para estes efectos, non se considerarán as materias pendentes de cursos anteriores nin as horas de libre disposición.

c) Que o equipo docente considere que a natureza das materias non superadas lle permite seguir con éxito o curso seguinte.

d) Que o equipo docente estime que ten expectativas favorables de recuperación.

e) Que o equipo docente estime que a devandita promoción beneficiará a súa evolución académica.

2. TÍTULO DA ESO: Ao finalizar o cuarto curso da etapa e como consecuencia do proceso de avaliación, o equipo docente da alumna ou do alumno, na sesión de avaliación final, decidirá sobre a súa titulación. A decisión será adoptada de xeito colexiado, atendendo á adquisición das competencias establecidas e á consecución dos obxectivos da etapa, sen prexuízo do establecido no artigo 7.2 desta orde, e tendo en conta os criterios de titulación. Para os efectos do disposto no punto anterior, obterá o título de graduado en educación secundaria obrigatoria o alumnado que supere todas as materias ou ámbitos cursados. Ademais de no caso anterior, o equipo docente poderá decidir a obtención do título por parte dunha alumna ou dun alumno, sempre que se cumpran tamén todas as condicións seguintes:

a) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias en que estea matriculada ou matriculado nese ano académico sexa igual ou superior a cinco.

b) Que a xuízo do equipo docente a alumna ou o alumno adquirise as competencias establecidas.

c) Que a xuízo do equipo docente a alumna ou o alumno alcanzase os obxectivos da etapa.

3. PROMOCIÓN NO BACHARELATO: Ao finalizar o primeiro curso da etapa e como consecuencia do proceso de avaliación, o equipo docente de cada alumna ou alumno adoptará a decisión sobre a súa promoción ao segundo curso.

As alumnas e os alumnos acadarán a promoción de primeiro a segundo de bacharelato cando superen as materias cursadas ou teñan avaliación negativa en dúas materias como máximo.

4. TÍTULO DE BACHARELATO: O título de bacharel acredita o logro dos obxectivos establecidos para a etapa e a adquisición das competencias correspondentes.

Para obter o título de bacharel cumprirá a avaliación positiva en todas as materias dos dous cursos de bacharelato.

Excepcionalmente, o equipo docente poderá decidir a obtención do título de bacharel por unha alumna ou un alumno que superase todas as materias agás unha, sempre que se cumpran ademais todas as condicións seguintes:

a) Que o equipo docente considere que a alumna ou o alumno alcanzou as competencias e os obxectivos vinculados a ese título.

b) Que non se produciu unha inasistencia continuada e non xustificada por parte da alumna ou do alumno na materia.

c) Que a alumna ou o alumno se presentou ás probas e realizou as actividades necesarias para a súa avaliación, incluídas as da convocatoria extraordinaria.

d) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias da etapa cursadas que como mínimo se requiran para a obtención do título pola modalidade pola que se remata sexa igual ou superior a cinco. Neste caso, para os efectos do cálculo considerarase a nota numérica obtida na materia non superada.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut