O día 20 de xuño celebramos no recinto de Acea de Ama o I Campionato de Orientación IES Rego de Trabe, unha xornada fantástica de promoción do deporte de Orientación a pé.
Foi organizado polo departamento de educación física do noso centro e o club de Orientación de Culleredo Gallaecia Raid, ao que lle agradecemos a súa colaboración.
Claudia Oreiro, a presidenta do club, vicepresidenta ademais da federación galega de orientación, xunto con Marcos e Alba, corredores do equipo, organizaron a proba, colaborando con profesorado do IES Rego de Trabe, ao que tamén lle agradecemos a súa cooperación.
Participaron 190 alumnos/as de 1º e 2º ESO, distribuidos en 45 equipos. Durante toda a mañá desfrutaron practicando este deporte tan completo, dando mostras de espírito de superación e traballo en equipo. Esta participación serviulles como iniciación na orientación e podería ser o comezo dun camiño de éxitos deportivos que ben poderían rematar na participación en futuros Campionatos Escolares, seguindo a senda dos nosos equipos cadetes feminino e masculino, participantes no Galego 2023 e Campións Galegos en categoría masculina.
Repartimos premios e diplomas para os tres primeiros equipos de 1ºESO e os tres primeiros de 2º ESO nas categorías Iniciación Curto e Iniciación Longo.
Parabéns a todo o alumnado!!!
Neste enlace podedes acceder a un álbum de fotos.