A semana pasada estivemos de estrea no IES Rego de Trabe. A biblioteca estreou o novo escenario con equipamento de luces, son e moitas posibilidades co espectáculo do ballet de Oleiros "Alice", dirixido polo bailarín Juan M. Hernández e un equipo de dez bailarinas na súa etapa final de formación.
O espectáculo, inspirado nas famosas obras "Alicia no País das Marabillas" e "Alicia a través do espello" e con música de Milladoiro, sorprendeu positivamente ao noso alumnado de 1º de BAC e grupos de Música de 3º e 4º da ESO, que poucas veces asistiran ao ballet e descoñecían a actualidade e dinamismo que se poden atopar nestas representacións.
Houbo a posibilidade, ademais, de manter un coloquio co director e as bailarinas sobre a formación no ballet clásico, as súas esixencias e a montaxe de espectáculos deste estilo.
Deixamos algunhas fotos á espera de que esta estrea sexa a primeira de moitos futuros espectáculos nos que poidamos acceder a manifestacións culturais e artísticas.