Proxectos

Comezamos o traballo sobre "a Alameda de Ponte Caldelas como un lugar de encontro" para o Proxectoo Terra

Ao longo do mes de febreiro o alumnado de 3º da ESO irá realizando unha serie de enquisas e investigacións nas que poñan de relevo a importancia da Alameda de Ponte Caldelas como un lugar de encontro e punto central nos días de feira.

Este traballo será entregado ao Proxecto Terra e trataremos de elevar algunha conclusión ao concello de Ponte Caldelas para que saiban cal é a percepción cidadá deste espazo colectivo e público.

Aquí deixamos o arquivo cos cuestionarios que o alumnado deberá ir resolvendo ao longo deste tempo.

 

 

I Xuntanza Ibérica de Xóvenes pola Sostibilidade e a Paisaxe

O alumnado de 3ºPDC asiste o 19 de xuño en Pontevedra a esta xuntanza para presentar as accións desenvolvidas no Proxecto 12 Meses, 12 Paisaxes. Non é a primeira vez que o centro participa nos encontros convocados pola A21EG, mais este ano muda o formato e amplíanse os obxectivos. Participarán mozas e mozos de España e Portugal, pertencentes á Red de redes de Escuelas por la Sostenibilidad (ESenRED) e intercambiarán proxectos e ideas co alumnado galego seleccionado. Se picas sobre a foto poderás ver unha presentación resumo do que foron as accións desenvolvidas en Cidadanía e Paisaxe, proposta que o grupo levou a cabo en Obradoiro de Iniciativas Emprendedoras e Ámbito Sociolingüístico.

 

Un ano no bosque recolle a experiencia de fotografar durante as catro estacións un bosque elixido por alumn@s de 3º ESO do curso 2011-12. A escolla dos encadres amosa unha gran capacidade para percibir a beleza da nosa contorna rural. Esta rapazada non só foi moi metódica á hora de documentar os cambios que se producían na paisaxe senón que tamén tomou apuntamentos de vivencias e emocións. O resultado son estas fermosas coleccións. Preme sobre cada imaxe e poderás ver tres dos documentos máis completos. É un honor poder presentar na I Xuntanza pola Sostibilidade e a Paisaxe, traballos tan coidados. Consideramos que representan moi acaidamente a liña educativa interdisciplinar de vencello co patrimonio natural que, desde hai anos, promove o centro.

Noraboa a todas as alumnas e alumnos que participan dun ou outro xeito neste encontro.