Parabéns do coordinador do Proxecto Terra ao alumnado participante no traballo sobre a alameda de Ponte Caldelas

Deixamos aquí o pantallazo da web Redeiras da Consellería de Educación onde o coordinador do Proxecto Terra, José Manuel Rosales, dá a súa opinión sobre o traballo realizado polo alumnado de 3º ESO ao longo do 2º e 3º trimestre deste curso sobre a alameda de Ponte Caldelas.

O Proxecto Terra é unha iniciativa do Colexio de Arquitectos de Galicia para sensibilizar ao alumnado galego sobre a necesidade de coidar o patrimonio construído e identificar os bos exemplos que dan identidade ao territorio. Este curso o tema de estudo elixido dentro deste proxecto foi o espazo como lugar de encontro. Dende o IES de Ponte Caldelas os profesores Susana Trigo e Humberto Martínez crimos que sería viable facer un estudo sobre a alameda de Ponte Caldelas por ser esta un espazo central dentro da vila e lugar de encontro de eventos como as feiras e as festas. A importancia dun espazo e a súa identidade van forxándose ao longo do tempo en base a funcionalidade e importancia que lle dá a colectividade e en base á evolución dese espazo ao longo do anos. Froito desa relación afectiva e absolutamente subxectiva determinados lugares adquiren rango e son elixidos como escenarios para o encontro da comunidade, elevando o significado simbólico dese espazo físico.

Se queredes ollar o traballo e xulgalo por vós mesmos podedes premer nesta ligazón:http://paisaxedepontecaldelas.blogspot.com.es/search/label/alameda A maquetación non é a desexable, pero é a que permite blogspot ao introducir as imaxes. Se ao final pon entradas antigas debedes premer aí para ver o traballo completo. 

Dende aquí queremos felicitar ao alumnado participante polo seu interese e dedicación. Esforzos deste tipo dan sentido e profundidade ao labor docente. Grazas