Skip to Content

Curso 2024-2025

Día da Saúde Mental 2024

O alumnado de 3º ESO de Educación en Valores Cívicos e Éticos preparou un vídeo para conmemorar o Día da Saúde Mental, que se celebra o 10 de outubro. Coa axuda da súa profesora Lara Oliveros dannos algúns consellos para coidar o noso benestar emocional. 

Celebrando o Día das Escritoras: Escritoras ocultas da literatura castelá


 
Co gallo do Día das Escritoras, o alumnado de 4º ESO A e 1º BAC A adicou un tempo da materia de Lingua castelá e Literatura a descubrir “escritoras ocultas”. 
 
Na Idade Media, a todos nos soan as obras e os nomes do Arcipreste de Hita, de Gonzalo de Berceo, de don Juan Manuel ou de Fernando de Rojas. Pero a ningúen, ou a moi poucos, nos soan nomes como Leodegunda (calígrafa galega e escritora do s. X), Leonor López de Córdoba (as súas Memorias son uns dos primeiros escritos autobiográficos europeos) ou Teresa de Cartagena (autora do primeiro texto feminista en castelán), entre outras.

Participamos na IVª edición do concurso "Ciberseguridade no cole!"

O pasado 15 de outubro os grupos de 1º e 2º da ESO participamos nunha actividade, a cuarta edición do concurso“ Ciberseguridade no cole”.

 
Dende o punto de vista da nosa clase, 2º ESO B, foi unha actividade amena e educativa, que nos fixo pasar un tempo divertido traballando en equipo. No concurso participaron máis de 150 institutos e colexios de diferentes localidades. Esta actividade consistía en facer un kahoot entre toda a clase, e nel había preguntas como: Que deberías facer se alguén che pide o teu enderezo? 
 
A nosa clase quedou no posto 81, aínda que unha das clases de 1º quedou no 19, facendo así un gran traballo. 
 
En xeral, pasámolo ben e aprendemos moito. 
 
Podedes acceder ás imaxes AQUÍ.
 
Iago Balseiro Parga - 2º ESO B

Cóntanos un relato de terror

Cóntanos un relato de terror de 1 minuto e poderás gañar un premio. 

Envía o teu audio en formato MP3 a traballosmaruxia@gmail.com ata o luns 28 de outubro. Indica no correo o teu nome e apelidos e o curso ao que pertences. 

O concurso está aberto a todo o alumnado do centro

Anímate a participar!

 
 

Comezan os torneos de San Xoán Bosco 2024-25

Este martes 8 de outubro comezan os torneos de San Xoán Bosco. Esta primeira semana enfrontaranse os equipos de fútbol-sala de 1º da ESO. A semana que vén tocaralle ao baloncesto.  
 
Estade atentos ao panel da entrada do edificio principal para saber cando vos toca xogar. Moita sorte a todos os equipos e que gañe o mellor!
 

 

 
 

Visita ao IDIS

O venres 27 de setembro, o alumnado de 1ª de Bacharelato das materias de Anatomía Aplicada, Cultura Científica e Bioloxía viaxamos a Santiago de Compostela para adentrarnos no día a día do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago. 

Dividímonos en varios grupos e organizamos a mañá en dúas partes. Así, cada equipo podería realizar dúas das prácticas relacionadas coa investigación que nos ofrecían. Aprendemos sobre o proteoma e a impresión 3D aplicada á saúde. Tivemos ocasión de ver peixes cebra nas súas primeiras etapas de crecemento, nas cales non senten dor nin estrés. Deste xeito, pódese traballar con estes pequenos organimos para avanzar no campo da oncoloxía. 

En diferentes actividades practicamos o uso de micropipetas e o traballo con volumes. Os expertos explicáronnos como de pequenas eran as magnitudes que manexan acotío e observamos medidas de ata nanolitros. 

Na actividade relacionada coa cardioloxía, aprendemos sobre a importancia de levar unha dieta equilibrada ao observar exemplos de corazóns afectados pola mala alimentación e diferentes biopsias líquidas. 

O IDIS é un centro interdisciplinar onde colaboran dende biotecnólogos e biólogos ata informáticos e fisioterapeutas. Traballan día a día investigando para conseguir aplicar as súas conclusións ao ámbito da saúde, de aí o seu carácter translacional. Así, puidemos aproveitar os consellos e o exemplo de expertos para enfocarnos mellor no noso futuro. Desfrutamos e aprendemos moito nesta saída e, sobre todo, tivemos a oportunidade de adentrarnos no mundo científico do xeito máis entretido, ademais de tomar conciencia da importancia que ten o traballo dos investigadores nas nosas vidas. 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ

Carla Paz Trelles - 1º Bacharelato A

 
 

Comeza o concurso Aulas Limpas 2024-25!

Durante o mes de setembro os titores expuxéronvos as normas de Aulas Limpas. 

En outubro comeza o concurso. Mantede a orde e a limpeza, decorade e ordenade o taboleiro, coidade a aula. 

Como sabedes, hai premios para a mellor aula de cada mes e un premio final para a Aula Magnífica. 

Consultade a rúbrica para ter a aula perfecta cando pasen os xuíces a valorar o voso traballo. 

 
 
 
Distribuir contido


by Dr. Radut