Intercambio co IES Faro das Lúas

Este curso o EDLG en colaboración co departamento de Lingua e L. Galega coordinou un intercambio co IES Faro das Lúas de Vilanova de Arousa. Este intercambio durará dous cursos, 23/24 e 24/25. Neste proxecto participou o alumnado de 3º da ESO dos dous centros. Durante o curso mantiveron unha relación epistolar e o día dezaoito de xuño invitáronnos a pasar unha xornada de convivencia en Vilanova de Arousa durante a cal se coñeceron persoalmente e forxaron amizade.

Foi un día inesquecible, tras as presentacións amosáronnos o seu centro e despois acompañáronnos a facer un roteiro guiado polos principais puntos da vila con visita á casa de Valle-Inclán. Despois de invitarnos a xantar leváronnos á praia do Terrón onde a rapazada participou nunha serie de xogos inclusivos ademais de gozar da paisaxe mariña.

Durante o curso 24/25 continuaremos co intercambio e co mesmo alumnado que estará en 4º da ESO, seguirán mantendo unha relación epistolar e tocaranos a nós facer de anfitrións.

Este intercambio pensouse cun centro da costa para que o alumnado poida comparar as variantes dialectais, ver as diferenzas costa-interior...

Pasámolo xenial e foi moi produtivo.  Agora só queda agardar a que comece o curso para continuar co proxecto e de momento descansar e gozar das vacacións que temos ben merecidas, non sen antes agradecer ó IES Faro das Lúas, ó seu EDLG e en particular á Fátima, Raquel e a Kito pola atención que tiveron con nós.

Moitas grazas e ata setembro.

Bo período de lecer!