A astrofísica galega Begoña Vila Costas impartiu unha conferencia online este 14 de novembro ás 11:45 horas dende o IES de Valga (onde participou no XXXVII Congreso de ENCIGA), que se transmitiu en directo nuns 16 institutos de Galicia, entre eles para o alumnado de primeiro curso de STEMBach do noso IES.
A enxeñeira de sistemas na NASA, que traballa no centro de voo espacial Goddard do Fine Guidance Sensor (sensor que leva o telescopio espacial James Webb), ilustrou con imaxes e vídeos o seu traballo recente, como a preparación, lanzamento, despregue e impresionantes imaxes acadadas por este telescopio. O obxectivo destes lanzamentos é, entre outros, a busca de planetas con atmósfera como posibles substitutos futuros do noso planeta Terra.
A distinguida viguesa presentou o seu traballo actual no telescopio ROMAN, que é o primeiro con nome de muller. Finalmente, ademais de dar a coñecer o traballo de observación solar da Sonda Solar Parker, falou das misións a Marte e das futuras ARTEMIS á lúa.
Álbum: Sen categoría -> 24 Begoña Vila