Semana de actividades no IES Escolas Proval con motivo do décimo aniversario da catástrofe do Prestige
Na semana do 12 ao 16 de novembro terán lugar no noso instituto unha serie de actividades para alzar a nosa voz, unánime e solidaria, contra a inxustiza, contra a negra sombra á que nos someteron os gobernantes de Galicia e de España coa súa xestión infame e irresponsable, contra a ineficacia e indolencia dunha xustiza que tarda dez anos en xulgar aos acusados do delito.
Tamén, falando en positivo, esta semana servirá para render homenaxe a todos os que promoveron e asinaron o manifesto Nunca Máis, aos que constituíron a plataforma Burla Negra, aos que difundiron por internet a verdade que outros negaban, aos voluntarios e voluntarias que colleron o petate e se lanzaron aos camiños para axudar, aos profesionais e aos funcionarios que aportaron o seu saber e supliron a desidia do malgoberno, tamén aos que só foron quen de chorar e ficar abraiados, inmóbiles e tristes. Para todos e todas, queremos que as actividades que imos desenvolver esta semana sexan a máis grande das apertas.
Actividades:
Toda a semana
Exposición de titulares de xornais relativos á catástrofe, durante estes dez anos.
Nos recreos
Sesións de música . Proxeccións de diapositivas sobre as mobilizacións do noso alumnado nos días da catástrofe.
Martes, 13 e venres, 16 de 10,40 a 12,20
Conferencia “O Prestige dez anos despois” a cargo do relator Alfredo López (presidente do CEMMA)
Recitado de poemas organizado polo Departamento de Galego (de 12.20 a 12.50)
Xoves, 15 de 10,40 a 12,20
Conferencia “Contaminación mariña por hidrocarburos” a cargo da relatora Lucía Viñas (Química, investigadora do Instituto Español de Oceanografía)