Skip to Content

Décimo aniversario da catástrofe do "Prestige"

Semana de actividades no IES Escolas Proval con motivo do décimo aniversario da catástrofe do Prestige

o prestige afundindoNa semana do 12 ao 16 de novembro terán lugar no noso instituto unha serie de actividades para alzar a nosa voz, unánime e solidaria, contra a inxustiza, contra a negra sombra á que nos someteron os gobernantes de Galicia e de España coa súa xestión infame e irresponsable, contra a ineficacia e indolencia dunha xustiza que tarda dez anos en xulgar aos acusados do delito.

Tamén, falando en positivo, esta semana servirá para render homenaxe a todos os que promoveron e asinaron o manifesto Nunca Máis, aos que constituíron a plataforma Burla Negra, aos que difundiron por internet a verdade que outros negaban, aos voluntarios e voluntarias que colleron o petate e se lanzaron aos camiños para axudar, aos profesionais e aos funcionarios que aportaron o seu saber e supliron a desidia do malgoberno, tamén aos que só foron quen de chorar e ficar abraiados, inmóbiles e tristes. Para todos e todas, queremos que as actividades que imos desenvolver esta semana sexan a máis grande das apertas.

Actividades:

Toda a semana

Exposición de titulares de xornais relativos á catástrofe, durante estes dez anos.

Nos recreos

Sesións de música . Proxeccións de diapositivas sobre as mobilizacións do noso alumnado nos días da catástrofe.

Martes, 13 e venres, 16 de 10,40 a 12,20

Conferencia “O Prestige dez anos despois” a cargo do relator Alfredo López (presidente do CEMMA)

Recitado de poemas organizado polo Departamento de Galego (de 12.20 a 12.50)

Xoves, 15 de 10,40 a 12,20

Conferencia “Contaminación mariña por hidrocarburos” a cargo da relatora Lucía Viñas (Química, investigadora do Instituto Español de Oceanografía)



page | by Dr. Radut