Club de lectura

Obradoiro: "A maleta azul dos libros raros"

O 27 de outubro Emma Pedreira visitou a nosa biblioteca para inaugurar o Club de Lectura co obradoiro: "A maleta azul dos libros raros". O alumnado de Oratoria foi o encargado de presentar á recoñecida escritora galega. Todos desfrutamos moito e entedemos que alí onde hai obxectos que conten historias, alí hai libros. Reunirémonos de novo o martes 8 de novembro ás 11 horas no tempo de lecer. Agardámosvos!

 

Álbum: Curso académico 2022/23 -> Obradoiro: "A maleta azul dos libros raros"

Encontro coa escritora Andrea Maceiras

Os membros do Club de Lectura do IES do Camiño tivemos o pracer de coñecer este xoves á escritora Andrea Maceiras, autora do libro "O que sei do silencio", unha novela que fala de acoso, pero dende múltiples perspectivas. 

Foi un encontro fermoso no que descubrimos o que empurrou a Andrea a escribir esta historia, así como moitas das historias que escribe. Preguntámonos polas fronteiras entre o real e ficticio na obra. Descubrimos que, de entre todos os que recibiu, o premio que máis lle gustou, foi precisamente o de ser unha das escritoras máis escollidas nos clubes de lectura. Soubemos, entre outras cousas, que escribe dende nena, que lle gusta regalar historias e que nunca obrigaría ó seu alumnado a ler os seus libros. Revelounos, como docente que é, que os profes non temos alumnas ou alumnos preferidos, porque todos e todas sodes especiais dalgún xeito.  

En definitiva, foi unha actividade ben bonitiña na que Andrea Maceiras, de xeito cercano, sinxelo e moi profesional; nos invitou a todas e a todos a non quedar en silencio.

Grazas pola vosa boa disposición e pola participación!

 


 

Podedes ver as fotos do encontro no seguinte enlace:

2ª lectura do Club de Lectura: "O que sei do silencio"

"Eu acosei. El acosou. Nós acosamos. Eles acosaron. Si así foi. Isto que vou contar é o relato de como me convertín en acosadora pasiva (...) Diso vai este blog. Dos meses que pasei en silencio. Do que aprendín naqueles días da crueldade e da covardía. Isto é o que sei do silencio". (páx. 19)

Rutas literarias polo Museo Provincial de Lugo

Os membros do Club de Lectura do IES do Camiño fixemos unhas rutas literarias polo Museo Provincial de Lugo logo de realizar a lectura de Contos de fantasmas no museo de VV. AA. 

 

Club de lectura_ Telegram

Deixámosvos o enlace para acceder ó grupo de Telegram que creamos para o noso Club de Lectura. 

Club de Lectura "O camiño dos libros"

Benvidas e benvidos ao Club de Lectura "O camiño dos libros", onde todas e todos contamos.

Quen escolle o camiño da lectura e non outro é porque está disposta ou disposto a deixar voar a súa imaxinación e a vivir outras vidas, as que nos acercan os libros. Somos os libros que lemos e a quen non lle gusta ler é porque non atopou o libro axeitado, estas serán as nosas máximas.
 
Este curso estrenámonos cun libro de contos (Contos de fantasmas no museo), porque contos tamén foron as nosas primeiras lecturas. Son contos de fantasmas, xa que as emocións e entre elas o medo deben estar implicadas sempre na lectura. Estes contos de fantasmas están todos ambientados no museo provincial de Lugo a onde iremos de ruta, a revivir esas narracións unha vez rematado o libro. Podedes descargar o libro ao final desta publicación. 

As normas para participar neste cub son:

1. Ler os libros.
2. Comentar, comunicar e opinar sobre as lecturas.
3. Asistir ás reunións. A próxima será 25 de xaneiro.
4. Coidar os libros como tesouros que son.

O día 10 de xaneiro xuntarémonos todos os membros do club e iremos ao museo, por isto é imprescindible ter lido a obra xa para ese día.

Vémonos lendo!

Distribuir contido