Novas

ENCONTRO COA ESCRITORA ANTÍA YÁÑEZ

Tivemos a sorte de ser seleccionadas polo Ministerio de Cultura y Deporte como un dos centros escollidos no Programa de actividades literarias en institutos e escollemos a Antía Yáñez, unha das nosas escritoras favoritas, coa que xa tiveramos contacto no pasado pola lectura das suas obras no Club de lectura, para que nos visitara e poder coñecela en persoa. Unha oportunidade da que gozará o alumnado de 1º de ESO e do Club de lectura que acaban de ler obras súas. 
Unha gran sorte compartir este encontro cunha gran escritora!

Sapoconcho XL. Obradoiro

O pasado mércores día 9 de novembro, e logo dun corto período de posta a punto, inauguramos o Polo Creativo do noso centro cunha colaboración con Bricolabs, os Museos Científicos da Coruña e AMTEGA. Esa tarde, un grupo de alumnos e alumnas de diferentes cursos tiveron a oportunidade de participar na montaxe dun total de 20 robots de hardware e software libre.
Sapoconcho XL, que así se chama o robot, ten un chasis impreso en PLA, contrólase mediante unha placa Arduino, desprázase sobre dúas rodas conectadas a motores de corrente continua e está dotado de sensores de infravermellos e ultrasóns.
O material para construír os robots foi cedido por AMTEGA a través cun proxecto de colaboración coa asociación Bricolabs para a difusión do hardware e o software libre nos centros de ensino.
Entre as novas actividades do noso espazo de creación figura, loxicamente, rematar a montaxe destes robots, programalos, e, quen sabe, tal vez ata organizar algunha proba ou competición.

VISITA ÁS DUNAS DE CORRUBEDO, DOLMEN DE AXEITOS, CASTRO BAROÑA E PRAIA DA AGUIEIRA

Foto grupo Castro Baroña

O martes, 21 de xuño do 2022, o alumnado de 2º da ESO fomos de excursión de fin de curso, na cal percorrimos varios lugares distintos da provincia da Coruña.

A nosa primeira parada foi nas dunas de Corrubedo. O recinto das dunas cambiou moito ao longo dos anos, dado que agora está protexido, e non se pode acceder ás dunas directamente, senón que hai que chegar ata elas por un camiño de madeira. Ao lado das dunas había unha praia, á que había que chegar por un camiño de area e pedras. Así, paramos un anaco naquela gran praia, despois de ver as dunas.

O segundo sitio ao que fomos foi o dolmen de Axeitos, o que visitamos indo por turnos, organizados en tres grupos. Alí, Esther explicóunos a función daquel megálito e a súa data aproximada de creación. Un dolmen ten unha función funeraria, dado que as persoas mortas eran enterradas, e as pedras colocábanse enriba, formando a súa estrutura; e este dolmen databa do ano 4.000 antes de Cristo. Despois, metímonos dentro do dolmen, para velo dende o interior.

O terceiro lugar que visitamos foi o Castro de Baroña. Neste castro viviron os castreños dende o ano 1 antes de Cristo ao ano 1 despois de Cristo, aproximadamente, e aínda agora se conservan as estruturas desas casas. Así, fomos explorar o castro, dando voltas por el e vendo o que contiña. Acto seguido, baixamos todos ao exterior do recinto para sacar unha foto final.

A nosa cuarta e final parada foi a praia da Aguieira, onde xantamos e estivemos as primeiras horas da tarde. Logo do xantar, estivemos paseando, bañándonos e xogando nela, pero, por desgraza, estivo chovendo a maior parte do tempo. Aínda así, botamos un bo anaco na praia ata que a choiva foi a máis, e marchamos para o autobús. Ao marchar daquela praia, a excursión deuse por finalizada.

Que boa maneira de rematar o curso, non si?

Zoe de Rojas Rozas, 2º ESO grupo D

icona facer clic

CIRCUITO POR PADRÓN E RAFTING NO RÍO ULLA

O pasado luns 6 de xuño, o alumnado de 1º de Bacharelato tivemos a sorte de poder ir facer rafting, actividade organizada polo Departamento de Educación Física.

A xornada estivo dividida en dúas partes:

  • Primeiro, en grupos de 4-6 persoas, e seguindo un mapa, fomos percorrendo distintos puntos de Padrón, para así coñecer mellor o centro desta fermosa vila. O roteiro permitía buscar información sobre as igrexas, estatuas, paseos, mercado e outros monumentos e puntos interesantes de Padrón.
  • Unha vez feito o roteiro, deixamos Padrón para ir realizar a actividade de rafting. Fomos capaces de completala con éxito grazas aos guías de Arrepións. En grupos de 7-8 persoas, descubrimos o río Ulla descendendo polas súas correntes nas balsas neumáticas, e tamén nadando nalgún tramo do río ou incluso tirándonos dunha rocha.

Foi unha gran experiencia que nos permitíu rematar o curso dunha maneira divertida!

Inés Núñez Fesedelft, 1º Bacharelato A

Preme na icona para ver as fotos desta actividade.

 icona facer clic

PARABÉNS AOS NOSOS #MelloresExpedientes !!

Nunha cerimonia celebrada no Multiusos de Sar, a USC recoñeceu ao alumnado de toda Galicia que acadou unha nota de acceso á universidade superior a 9. Moitísimos parabéns a Adan e Tomás, --e parabéns tamén ao outro alumnado noso cuxo esforzo valoramos tanto como o de estes dous cracks e que quedaron a centésimas de saír nesta foto. Non sodes poucos e estamos orgullosísimas de todos! 

PROXECTO EUROPEO DE INTERCAMBIO EN ETWINNING

Durante este curso, o alumnado de francés de 4º ESO fixo parte dun proxecto europeo a través da plataforma Etwinning. O proxecto de intercambio virtual realizouse co Lycée Jean de Prades da localidade de Castelsarrasin, no sur de Francia.

Ao longo destes meses, o alumnado realizou videos de presentación, intercambiou información sobre o lugar onde viven, fixo playlists coas suas músicas favoritas, fixeron receitas e aprenderon a utilizar ferramentas dixitais para elaborar e intercambiar información e sobre todo, descubriron outras mozas e mozos con gustos e preocupacións similares aos seus.

Moi boa experiencia que contamos repetir o ano que vén! Divertímonos, aprendemos e facemos amizades novas!

SEMENTANDO LECTURAS: DO DÍA DO LIBRO AO DÍA DO MEDIO AMBIENTE

ACTIVIDADES NAS FRAGAS DO EUME, ALVARELLA, PONTEDEUME E RÍA DE ARES


O pasado xoves 28 e venres 29 de abril, o alumnado de 3º de ESO desfrutamos dunha estancia de dous días moi intensos en Alvarella, na contorna de Pontedeume, organizada por Educación Física.

O xoves, despois da chegada a Alvarella, puxemos rumbo cara ás Fragas do Eume para realizar unha andaina.

No roteiro, reflexionamos sobre a importancia da natureza e o coidado que hai que ter sobre ela, da man de monitores de Alvarella.

Durante o percorrido, visitamos o Mosteiro de Caaveiro e logo xantamos no antigo recinto dos muíños, perto do río, que estaba invadido pola vexetación.

De volta a Alvarella, e despois de acomodarnos nas nosas habitacións, fixemos dúas actividades: tiro con arco e orientación no bosque, para aprender a manexar o compás.

Pola noite, tivemos unha velada nocturna, onde fixemos o xogo "atrapa a bandeira". Tanto gostamos del, que o repetimos varias veces...non tiñamos sono nin cansanzo!

Ao día seguinte, fixemos por grupos unha actividade de orientación con mapa e compás polos arredores do aloxamento. TIñamos que ir atopando distintos lugares marcados no mapa e realizar as probas indicadas en cada sitio. Gañaba o equipo que máis lugares e probas realizara. Esta actividade levóunos toda a mañá.

Despois de xantar, despedímonos de Alvarella e puxemos rumbo a Pontedeume. Alí, dividímonos en dous grupos e fixemos canoa na ría de Ares, guiados polo clube Firrete, e o xogo das descubertas en Pontedeume, para coñecer máis aspectos da cultura e historia desta bonita vila.

Coa chegada ao instituto, xa case á noitiña, rematamos a excursión, con moito cansanzo pero tamén con moita pena e que esta viaxe acabara.

Xa estamos preparadas e preparados para a seguinte!

Flavia Maceiras e Silvia Rabuñal, 3º ESO B

Para ver o arquivo de fotografías, preme aquí.

PROXECTO EN "BICI" Á ESCOLA: BICIKLETEANDO

Déixovos aquí un pequeno resumo da sesión de Educación Física de habilidades sobre rodas! Disfrutádeo!!!

Visita ao parque eólico experimental de Sotavento

O alumnado de 3º da ESO do centro visitou o parque eólico experimental de Sotavento, visita que resultou de gran interese dada a situación de crise enerxética na que nos atopamos, coa tarifa eléctrica dispara e os combustiblés polas nubes.

Os alumnos aprenderon un pouco máis sobre as fontes de enerxia, como se establece o precio da electricidade e por que está a subires tanto. Fixeron practicas con placas fotovoltaicas e entraron dentro dun aeroxerador aprendendo as distintas partes que o conforman e a misión de cada unha delas na xeración de enerxía. 

Tan interesante foi aprender sobre xeración de enerxía como sobre aforro e consumo responsable, de especial interese foi a visita da vivenda bioclimática da cal estamos seguros que sacarán moitas ideas para as súas futuras casas.  

Voltaremos seguro!

Distribuir contido