O IES DE BECERREÁ CHEGOU ÁS SEMIFINAIS E GAÑOU O PREMIO AO MELLOR DOSIER NO PARLAMENTO XOVEN 2012.

Como xa se explicou nunha entrada anterior,, o equipo do IES de Becerreá fomos os vencedores da 2ª xornada clasificatoria do Parlamento Xoven 2012, que se celebrou en A Coruña. Déronnos aloxamento no Pazo de Mariñán, un lugar con moito encanto. Ese día foinos moi ben nos debates que realizamos e, a pesar dos nervios que tiñamos, convertémonos nos gañadores desa fase. E se nos referimos á diversión, non puido ser mellor!

A fase final foi o 17 de marzo no Parlamento de Galicia en Santiago e, se os nervios da fase clasificatoria foron moitos, desta vez xa nin vos contamos! Despois de pasar os cuartos de final, elimináronnos nas semifinais, pero quedar entre os catro mellores de Galicia e pasar uns días impresionantes, está bastante ben, non? E se a iso lle sumamos que gañamos o premio ao mellor dosier grazas ao traballo do noso coordinador, Xulio, a experiencia foi inmellorable. PREME AQUÍ, ou sobre a foto, para que vexas como foi o noso traballo e o dos demais participantes.