Agregador de novas

Instrucións para o desenvolvemento da organización e o funcionamento das bibliotecas escolares nos centros docentes non universitarios, de titularidade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no curso académico 2024/25

Anuncios Consellería - Lun, 02/09/2024 - 13:31
Idioma Gallego

Xúntase arquivo coa Resolución do 2 de setembro de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da organización e o funcionamento das bibliotecas escolares nos centros docentes
non universitarios, de titularidade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no curso académico 2024/25.

 

File: 

Resolución do 2 de setembro de 2024

Tema: 

Programas e plans Plan LÍA Bibliotecas escolares

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa

Colectivo: 

Profesorado Centros
Categorías: Anuncios Consellería

Formación Profesional 3ª Adxudicación de prazas. Curso 2024-2025

Anuncios Consellería - Lun, 02/09/2024 - 10:41
Idioma Gallego

Resolución de prazas adxudicadas en formación profesional para o curso 2024-2025.

- Oferta ordinaria.

- Oferta modular.

 

As persoas con praza adxudicada deberán matricularse ou, no seu caso, renunciar antes das 13:00 horas do día 5 de setembro. 

- Instrucións matrícula/renunica oferta ordinaria e cursos de especialización. (ligar documento)

- Instrucións matrícula oferta modular. (ligar documento)

 

Máis información.

Tema: 

Escolarización

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Cualificacións, Planificación e Xestión da Formación Profesional Servizo de Xestión da Formación Profesional

Colectivo: 

Alumnado
Categorías: Anuncios Consellería

A Xunta aprobará o luns no Consello a licitación da obra de construción do novo colexio do Milladoiro por case 9,8M€

Novas Consellería - Sáb, 31/08/2024 - 13:13

Summary: 

A previsión é que as obras comecen no primeiro semestre de 2025, co obxectivo de que entre en funcionamento no curso 2026/27

O Goberno galego está a investir desde 2009 94M€ na construción de 19 novos centros educativos en toda Galicia

Co centro do Milladoiro e o novo IES de Navia sumarase unha inxección de case 24M€, froito do compromiso da Xunta coa creación de novas prazas onde son necesarias

O centro será o primeiro construído de xeito íntegro baixo os parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e será totalmente accesible

Idioma Gallego

A Xunta aprobará este luns no Consello a licitación da obra de construción do novo colexio CEIP do Milladoiro, por case 9,8M€. Anunciouno esta mañá o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha visita á parcela onde se edificará o centro, xunto co alcalde de Ames, Blas García. A previsión é poder iniciar as obras no primeiro semestre de 2025, co obxectivo de que o centro estea operativo no curso 2026/27.

 

O titular do departamento educativo do Goberno galego explicou que o obxectivo desta actuación é dar resposta á necesidade de prazas de escolarización neste municipio, un dos de maior dinamismo demográfico. “Desde 2009 estamos a investir 94M€ na construción de 19 novos centros educativos en toda Galicia. Deste orzamento, 70M€ están xa executados, en actuacións como a construción do Instituto IES do Milladoiro, en 2011, por máis de 5,4M€”, destacou Román Rodríguez.

 

Os 24M€ restantes destínanse a este colexio no Milladoiro e á construción do novo instituto de Navia, IES Domingo Villar, “unha inxección económica que dá conta do compromiso da Xunta coa creación de novas prazas alí onde son necesarias”.

 

Ampliación de 43 centros

Neste sentido o conselleiro lembrou que, ademais, o Goberno galego está a ampliar 43 centros de ensino en toda Galicia, obras que contan cun orzamento de case 68M€ para atender as necesidades de matrícula e de formación do alumnado. Entre eles, a ampliación que se está a acometer xa no Colexio CEIP Agro do Muíño, tamén en Ames, cun orzamento superior aos 3,4M€.

 

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

O colexio, o primeiro construído de xeito íntegro baixo os parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, será totalmente accesible e contará con espazos multidisciplinares, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI. Cunha superficie total construída de 4.886 m² distribuída en dous andares, estará dotado de seis aulas de Infantil e 12 de Primaria, cos aseos correspondentes, así como outras catro de apoio educativo e desdobramento de grupos, aula de música e sala de usos múltiples.

 

A biblioteca terá acceso directo desde o vestíbulo e desde o exterior e o ximnasio terá dúas alturas, gradas e vestiarios. Tamén estará dotado con área de administración (con despachos, conserxería, local para a anpa, etc) comedor e zonas de servizos comúns.

 

De acordo co establecido no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o centro estará dotado dun foro multifuncional que servirá como espazo de aprendizaxe aberto. Situarase no espazo central do primeiro andar, entre as aulas de Primaria e as de desdobre, creando unha relación entre as diferentes estancias e conectándose co patio mediante unha gran fiestra protexida da incidencia do sol.

 

Ademais, o novo colexio terá un espazo específico para Polo Creativo, no que o alumnado poderá traballar as competencias STEM a través de proxectos de robótica ou intelixencia artificial, equipado cos materiais necesarios. No que atinxe aos espazos exteriores, estará dotado de zona cuberta e descuberta exterior para as aulas de Infantil e de pista polideportiva cuberta e descuberta.

 

Totalmente accesible

A accesibilidade do edificio plantéxase desde un punto de vista universal e inclusivo, evitando calquera tipo de barreira, con accesos directos tanto desde o interior como desde o exterior do edificio a boa parte das estancias. Deste xeito, o proxecto propón itinerarios de circulación intuitivos e libres de obstáculos, en prol dunha orientación más sinxela, e espazos de comunicación ben iluminados con luz natural. Isto completarase coa colocación de sinaléctica de gran tamaño e cor facilmente visibles.

 

Ademais, tanto no exterior do edificio como nos espazos interiores haberá superficies podotáctiles que guíen ao acceso, vestíbulo e outros puntos de importancia del edificio. Os diferentes espazos exteriores serán tamén accesibles a todos mediante ramplas.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

Programa de inmersión lingüística en lingua inglesa a través de actividades dixitais, Digitalweek, dirixido ao alumnado de sexto curso de primaria e de educación secundaria obrigatoria de centros educativos concertados no curso 2024/25

Anuncios Consellería - Ven, 30/08/2024 - 20:24
Idioma Gallego

Xúntase ORDE do 8 de agosto de 2024 pola que se regula o réxime de axudas a centros docentes privados concertados dependentes desta consellería para participar no programa de inmersión lingüística en lingua inglesa a través de actividades dixitais, Digitalweek, dirixido ao alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria durante o curso 2024/25 (código de procedemento ED301L).

File: 

Orde de 8 de agosto de 2024 (DOG) Extracto da Orde de 8 de agosto de 2024 (DOG)

Tema: 

Lingua estranxeira Plurilingüismo Programas e plans Inmersión lingüística Centros concertados

Ensinanza: 

Educación primaria Educación secundaria obrigatoria

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa

Colectivo: 

Profesorado Alumnado Familias Centros

Sección: 

Boletín Linguas estranxeiras
Categorías: Anuncios Consellería

Galicia inicia este curso a maior modernización do sistema educativo galego dos últimos 30 anos

Novas Consellería - Ven, 30/08/2024 - 19:23

Summary: 

“Nunca antes comezamos un curso escolar cunha batería de medidas e novidades tan amplas e de tanto calado como as que facemos agora”, afirma o conselleiro

O obxectivo é mellorar a atención ao alumnado, as condicións do profesorado e o funcionamento dos centros e adiantarse aos retos da sociedade cunha visión integral

Iníciase unha baixada do 20% no número de alumnos por aula desde 4º de Infantil, que se irá estendendo progresivamente ao resto de etapas educativas

Partindo dunha boa situación preexistente, empréndense melloras na atención ao alumnado con necesidades educativas especiais ou nos centros do rural

Cúmprense os avances da carreira profesional docente e un amplo abano de iniciativas como a redución de tarefas burocráticas para centrarse na aprendizaxe

O conselleiro explica: “É un cambio desde Galicia e para Galicia. Unha transformación sen precedentes logo das oportunidades perdidas nas leis educativas estatais”

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, avanzou hoxe que Galicia inicia este curso a maior modernización do sistema educativo galego dos últimos 30 anos. O representante da Xunta referiuse deste xeito aos cambios organizativos que se estrearán na volta ás aulas froito do histórico acordo asinado coas organizacións sindicais e que continuarán ampliando o seu alcance progresivamente ao longo dos vindeiros anos académicos.

 

Acompañado do seu equipo, Román Rodríguez detallou as liñas de traballo que o seu departamento está a iniciar coincidindo co comezo do segundo cuarto do século XXI, ao entender que novos tempos e novas realidades esixen novas respostas e recursos. “Nunca antes comezamos un curso escolar cunha batería de medidas e novidades tan amplas e de tanto calado como as que facemos agora”, afirmou o conselleiro.

 

“É un cambio que emprendemos desde Galicia e para Galicia. Unha transformación sen precedentes logo dalgunhas oportunidades perdidas nas novas leis educativas estatais”, reflexionou. Nese senso, propón que Galicia “sexa a avanzadilla de España”. Para iso, parte dunha boa situación, cunha educación por riba da media de España e da Unión Europea segundo os informes comparativos nacionais e internacionais. Logo de que o ensino sexa un dos aspectos que máis ten avanzado e contribuído ao progreso de Galicia nos últimos 25 anos, Román Rodríguez chama a “non conformarse nin acomodarse”.

 

Agradecemento aos empregados públicos na volta ás aulas

Román Rodríguez comezou a súa intervención cun agradecemento aos empregados públicos da Consellería, que veñen traballando ao longo de moitos meses, tamén durante o verán, para preparar o novo curso e que realizan con éxito procesos tan complexos como a celebración das oposicións con máis de 20.000 aspirantes.

 

A continuación, explicou que a pasada lexislatura “foi unha das máis complicadas que se recordan desde o punto de vista educativo, coa xestión da covid e a implementación atropelada da nova lei educativa estatal”. Esta situación impediu abordar “outros cambios no sistema educativo que consideramos necesarios” e que agora comezan.

 

Para facelo, a Xunta de Galicia conta “cunha folla de ruta planificada, con efectos inmediatos xa este mesmo curso, pero cunha visión a medio e longo prazo”. Na súa opinión, “a estabilidade é un dos ingredientes que mellor funcionan na educación”.

 

Retos demográficos, sociais, tecnolóxicos, laborais e arquitectónicos

Con esa estratexia quérese responder a novos retos demográficos, derivados da caída da natalidade ou da chegada de estudantes doutros lugares, que constitúen unha oportunidade para mellor o ensino; retos sociais ante unha sociedade máis aberta e plural, máis sensible a diversas realidades, onde a inclusión ocupa un lugar principal; retos tecnolóxicos, desde a dixitalización ao aproveitamento da intelixencia artificial; retos laborais, adecuando a oferta de FP ás necesidades do tecido produtivo e intensificando a relación entre centros e empresas, ou retos arquitectónicos, cun novo modelo de centros, con espazos para metodoloxías innovadoras de aprendizaxe e especial atención á mellora da eficiencia enerxética e a sustentabilidade.

 

Para iso, trázanse algunhas liñas mestras das que depende esta batería de medidas, como o acordo histórico asinado con tres das catro organizacións sindicais da Mesa Sectorial; as avaliacións de diagnóstico iniciadas este curso e que permitirán trazar estratexias de mellora; o Plan de Nova Arquitectura, cun investimento récord na renovación de centros, ou o novo Plan FPGal360 que, desde este curso, buscará reducir o abandono escolar e asegurar a maior cualificación posible da mocidade galega.

 

Acordo de longo alcance coas organizacións sindicais

Román Rodríguez detívose especialmente no acordo sindical e, novamente, agradeceu “a altura de miras, a visión, a responsabilidade e o compromiso” dos sindicatos que o impulsaron. “É un acordo sen precedentes que será recordado durante moito tempo. Aínda non somos quen de ver, na súa xusta medida, a transcendencia que vai ter no ensino galego nos próximos anos e nas próximas décadas”, declarou. A súa dimensión e os cambios organizativos de calado que inclúe fan necesario esta aplicación “progresiva e proporcional” que acaba de comezar neste 2024 con todas as medidas en marcha.

 

“O obxectivo -manifestou o conselleiro- é mellorar a atención ao alumnado, mellorar as condicións do profesorado e mellorar o funcionamento dos centros”. Sobre esta cuestión, apuntou que existen “pequenas discrepancias, lóxicas e normais” cos sindicatos na interpretación de dous puntos da quincena que compoñen o acordo, sobre a velocidade de implantación. Ante iso, o titular de Educación explicou que a Consellería decidiu atender as reclamacións e ir máis alá do inicialmente previsto para este curso.

 

Máis aulas e profesores con 4.000 alumnos menos

Román Rodríguez enumerou, a continuación, a batería de medidas que empezan a materializarse desde este curso. A primeira delas, “a redución do 20% do número de alumnos por aula” que comeza en 4º de Infantil, pasando dun máximo de 25 a 20, e que se ampliará ano a ano ao resto de etapas ata completar todo o sistema. Ao respecto, lembrou que a nova lei educativa estatal non modificou estas rateos, por iso Galicia decide facer o cambio a iniciativa propia, partindo unha boa situación, pois “xa eramos previamente unha das comunidades de España con mellores rateos medias”.

 

Esta mellora está a permitir que este novo curso vaiamos contar co mesmo número de aulas -en concreto, con dúas máis- nas etapas de Infantil e Primaria a pesares de ter 4.000 alumnos menos matriculados. Iso fai que se poidan manter abertas 204 aulas que, coas anteriores rateos, pecharían por falta de estudantes. A estimación é que, ao longo dos tres próximos cursos, esta cifra de aulas escale ata un total de 900 preservadas.

 

Ponderación da discapacidade pioneira en España

Román Rodríguez considera que a atención á diversidade é un dos ámbitos “onde máis ten avanzado o ensino galego en pouco tempo”, pero á vez recoñeceu que nunca será suficiente e hai “moito camiño por percorrer”. Aí encadra a nova medida que comeza a aplicarse xa, unha iniciativa pioneira en España, que non existe outras comunidades: a ponderación do alumnado con necesidades educativas especiais por dous ou por tres en base aos informes médicos que acrediten o seu nivel de discapacidade, de dependencia ou de trastorno grave de conduta. Aínda que inicialmente só se ía aplicar en 4º de Infantil, finalmente este cómputo empeza a realizarse nas etapas de Infantil e Primaria.

 

Isto suporá un reforzo do profesorado para que os centros poidan, en base á súa autonomía organizativa, decidir a mellor opción pedagóxica coa que empregar esta dotación extraordinaria: desdobres de grupo, tratando de evitar a ruptura de grupos preexistentes cando non sexa imprescindible; apoio dentro da aula, coeducación con dous profesores simultáneos en clase, subgrupos en materias instrumentais...

 

Menores agrupamentos e preservación de escolas

Outro dos eidos de mellora é o ensino rural, “un dos sinais de identidade da educación galega”, lembrou Román Rodríguez. Nese senso, asegurou que se trata dun “modelo de proximidade” que esperta interese máis alá de Galicia, de aí as visitas recorrentes de delegacións educativas doutros países e comunidades autónomas para coñecelo.

 

O conselleiro aludiu ao informe presentado o pasado ano e que conclúe que os alumnos do rural e do urbano obteñen os mesmos resultados académicos, para o que é necesario realizar un investimento moi superior en contornas rurais debido á dispersión xeográfica. “Isto garante a igualdade de oportunidades e fai que Galicia sexa a comunidade máis equitativa”, tal e como veñen afirmando os informes PISA nas últimas edicións.

 

Para continuar mellorando, recupérase un acordo de agrupamentos asinado en 2009 e no que a crise económica impediu avanzar. “Recuperámolo coa clara vontade política de levalo á práctica”, sinalou. De aí que se introduzan xa as dúas primeiras medidas. Por unha banda, non pechar centros rurais con cinco alumnos -aínda que o mínimo establecido para funcionar é de seis por razóns pedagóxicas e de socialización- naqueles casos nos que existen perspectivas de recuperar matrícula nos cursos seguintes.

 

Por outra banda, no referido aos agrupamentos, ata agora o número máximo de alumnos de distintos cursos de Infantil que compartían unha mesma aula no rural era de 18. A partir deste curso, grazas ao acordo asinado coas organizacións sindicais, será de 14. Tamén esta medida, avanzou, irase ampliando con melloras progresivamente.

 

Incremento de 14M€ na masa salarial

Finalmente, Román Rodríguez explicou as melloras na carreira profesional docente, “a peza clave do sistema e do éxito educativo”. De feito, desde o pasado 1 de xaneiro son efectivos varios incrementos salariais en base a complementos que recompensan a aquel profesorado que máis se forma ou que asume tarefas de responsabilidade como poden ser os equipos directivos, as titorías ou postos asimilables. Estes incrementos salariais, que serán progresivos durante tres anos, supoñen en 2024 un aumento da masa salarial de 14M€ e propicia que Galicia escale postos nas retribucións docentes.

 

Ademais, a petición dos sindicatos, redúcese o horario lectivo do profesorado de Infantil e Primaria, que traballará o mesmo número de horas, pero distribuídas doutro xeito, liberando horas de docencia para outras tarefas como preparar clases. Igualmente, estanse a deseñar, xunto ás organizacións sindicais e centros, medidas para reducir os labores burocráticos, de xeito que se poida reinvestir ese tempo en tarefas estritamente educativas. Ademais, establécense melloras para facilitar a conciliación, flexibilizando as reunións virtuais. Por último, duplícanse as axudas ao profesorado para gastos de formación, unha medida publicada precisamente onte no Diario Oficial de Galicia.

 

File: 

Curso escolar 2024-2025 Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

A Xunta fai oficial a conversión da escola de cantería de Galicia nun centro integrado de FP

Novas Consellería - Ven, 30/08/2024 - 18:11

Summary: 

O DOG publica o decreto co que a Consellería de Educación impulsa o centro, que suma catro novas titulacións e a contratación de profesorado

O novo director do centro será David Alvariño, que foi director do Instituto IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra durante oito anos

Todos os novos ciclos ofertados vanse impartir, dado que contan xa con matriculados, e aínda hai prazas dispoñibles para potenciais interesados

Idioma Gallego

A incorporación da Escola de Cantería de Galicia, en Poio, á Rede de Centros Integrados de FP xa é oficial. Así o notifica hoxe o Diario Oficial de Galicia coa publicación do decreto que regula a súa creación como centro especializado no sector da edificación, a construción e a cantería.

 

Esta inclusión enmárcase na aposta do Goberno galego por recuperar e potenciar o oficio de cantería, un dos máis antigos e representativos de Galicia. Neste sentido, refórzase a oferta formativa con catro novas titulacións para este curso 2024/25 que comeza, das cales dúas son ciclos duais e outra é unha titulación de alta especialización.

 

Trátase do ciclo básico en Reforma e Mantemento de Edificios, dos ciclos de FP dual en Construción e en Proxectos de Edificación e da titulación de alta especialización en Pedra Natural especializada en cantería, unha das 13 deste tipo que entran novas este curso en toda Galicia.

 

Todos os novos ciclos ofertados no Centro Integrado de FP de Cantería de Galicia vanse impartir, dado que contan xa con matriculados. Con todo, aínda hai prazas dispoñibles para potenciais interesados e a inscrición poderá formalizarse ao longo do mes de setembro.

 

Reforzo docente

O responsable de dirixir o centro nesta nova etapa conta cunha ampla experiencia na función directiva. Trátase de David Alvariño que foi, de feito, director do Instituto IES Frei Martín Sarmiento, de Pontevedra, durante oito anos.

 

No marco deste compromiso de reforzo do centro, a Xunta de Galicia tamén contratará máis profesores para impartir os ciclos e ofrecer unha boa formación a todo o seu alumnado. Este impulso, tanto de oferta formativa como de profesorado, está motivado pola crecente demanda das empresas de contar con persoas que dispoñan das competencias necesarias para empregar as últimas tecnoloxías e materiais, co obxecto de ofrecer solucións innovadoras no eido construtivo.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

Convocatoria para a selección de centros docentes públicos para participar no programa de inmersión lingüística en lingua inglesa a través de actividades dixitais, Digitalweek, dirixido ao alumnado de sexto curso de EP e de ESO durante o curso 2024/

Anuncios Consellería - Ven, 30/08/2024 - 14:04
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución do 30 de agosto de 2024 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se regula a convocatoria e selección de centros docentes públicos para participar no programa de inmersión lingüística en lingua inglesa través de actividades dixitais, Digitalweek, dirixido ao alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria durante o curso 2024/25.

 

Acceso á aplicación para realizar a solicitude:   Acceso á aplicación

 

File: 

Resolución do 30 de agosto de 2024

Tema: 

Lingua estranxeira Plurilingüismo Programas e plans Inmersión lingüística

Ensinanza: 

Educación primaria Educación secundaria obrigatoria

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa

Colectivo: 

Profesorado Alumnado Familias Centros

Sección: 

Boletín
Categorías: Anuncios Consellería
Distribuir contido