Skip to Content

O noso centro, xunto co San Xerome Emiliani, participa na xornada “As persoas con necesidades especiais nos Proxectos Europeos"

14/10/2015 00:00
Etc/GMT+1

O compromiso do IES A Sangriña pola inclusión social de persoas con necesidades especiais comeza en 1999 ao compartir, programar e levar a cabo diversas actividades de carácter deportivo e sociocultural con usuarios do Centro de Educación Especial San Xerome Emiliani ao que se sumou máis recentemente no ano 2011 a asociación Avelaíña de Axuda ás Persoas con Problemas de Saúde Mental.

Promovido por Beatriz Tourón e Amalio Verd, esta colaboración culminou na presentación e aprobación pola Unión Europea do Proxecto Comenius Regio “Os programas europeos como motor de inclusión social de discapacitados intelectuais e enfermos mentais”, coordinado pola Xefatura Territorial de Pontevedra con centros asociados españois (Centro San Xerome Emiliani, Asociación Avelaíña, CEIP A Sangriña e IES A Sangriña) e franceses (Concello de Zuydcoote, CEE Vancauwenberghe, Collège Boris Vian de Dunkerque). Ao longo de dous anos de proxecto desenvolvéronse máis de 100 actividades en cada país, implicando a miles de participantes.

O pasado 14 de outubro de 2015, o Centro San Xerome Emiliani e o IES A Sangriña foron convidados polo Servicio Español para la Internacionalización de la Educación (SEPIE) a participar nunha "Xornada de difusión Erasmus+ sobre Persoas con Necesidades Especiais", e a súa participación nos proxectos europeos, para recordar e compartir esa experiencia.

O principal actor e invitado á xornada foi un usuario do centro San Xerome Borja Cadilla Lomba, do sector de Educación para Persoas Adultas, acompañado por Feliciano Valcárcel responsable e xerente do Centro. Asemade participaron nesa xornada María Teresa Fournol, da Inspección Educativa de Pontevedra como antiga coordinadora do proxecto Regio e Amalio Verd Castillo profesor do IES A Sangriña e antigo responsable do proxecto.

O relato en primeira persoa da súas vivencias mais a proxección dunha conmovedora entrevista á familia remarcaron tanto os beneficios que este tipo de proxectos aportan na vida persoal dos participantes como o impacto social que supoñen para toda a localidade e colectivos alcanzados. A presentación foi complementada cunha compilación de imaxes e gravacións recreando a historia do proxecto. Múltiples actividades, experiencias diversas que marcaron a historia dos distintos axentes implicados e que segue a ter repercusión a día de hoxe.



event | by Dr. Radut