O alumnado de 1º ESO vai participar ao longo deste curso no proxecto da Fundación Barrié A Farmacia Natural.
A Farmacia Natural é un proxecto didáctico innovador para o achegamento do alumnado á investigación botánica e a utilización tradicional das plantas e os seus principios activos con fins medicinais.
O obxectivo básico do programa é contribuír a mellorar os procesos de ensino e aprendizaxe das plantas e o seu uso no ámbito medicinal, ao mesmo tempo que achegar ás aulas a investigación e a forma de traballar propia da ciencia contribuíndo a espertar vocacións científicas entre o alumnado.
Os alumnos e as alumnas, a través da súa participación na experiencia e co apoio dos materiais didácticos subministrados, desenvolverán as súas propias conclusións a partir da utilización do esquema utilizado polos científicos nas súas investigacións.
Os obxectivos didácticos son, entre outros:
- Familiarizarse co cultivo e identificación botánica de especies vexetais.
- Incrementar os coñecementos do alumnado sobre o uso medicinal das plantas cultivadas.
- Coñecer, a través dos obradoiros paralelos e da man de investigadores na área, cales son as investigacións actuais en botánica e na aplicación medicinal de principios activos vexetais.
- Familiarizarse cos procesos de investigación incluídos no método científico e fomentar as novas vocacións investigadoras.